Xohán Vicente Viqueira
Madrid, 22/ 10/1886 - Bergondo, 29/8/1924Autoría: Antón Costa Rico
Un impulsor da galeguización do ensino
Encetou de seguida os estudos universitarios de Filosofía en Madrid, obtendo esta licenciatura en 1911. Neste momento xa Viqueira realizara dúas estancias en París (en 1902 e durante o curso de 1908-09), por mor do tratamento da súa osteomelite, de tal modo que foi en París no curso de 1908 cando compatibilizou o coidado médico coa asistencia ás aulas da Sorbona e do Collège de France escoitando as leccións, entre outras, dos sociólogos Durkheim e Bouglé, do antropólogo Levy-Bruhl, e do filósofo Bergson. Na Universidade de Madrid e na ILE puido continuar a súa formación, entre outros, co profesor de filosofía e de psicoloxía Don Francisco Giner de los Rios, con Caso e co neurofisiólogo e director do Laboratorio de Psicoloxía Esperimental do Museo Pedagógico Nacional ( dirixido por Don Manuél Bartolomé Cossío, tio de Xoán Vicente) Dr. Simarro Lacambra, un home de recias conviccións positivistas no plano científico e progresistas e laicas no plano cívico.
En Outubro de 1911 comezaría para Xoán Vicente o seu periplo de formación alemana. Quizais por instigación de Giner comezou Viqueira a súa inicial formación filosófica alemana na Universidade de Berlín, escoitando as leccións do prestixioso filósofo neo-kantiano E. Cassirer e do sociólogo Simmel, pero pronto abandona esta formación universitaria, non o campo filosófico, para iniciarse na formación psicolóxica experimental baixo a dirección do psicólogo antimarburguiano Stumpf, quen concitou os antecedentes da Escola psicolóxica da Gestaltteorie e da corrente filosófica fenomenolóxica, seguindo asemade as leccions de psicoloxía de Max Dessoir. Fíxoo, ao tempo que desde a primavera de 1912 gozaba dunha das bolsas da JAE. Un ano máis tarde irá para unha estancia curta á Universidade de Leipzig onde realizará algunha formación cun dos axudantes do profesor Wundt, o iniciador da psicoloxía experimental ( sendo impulsor dunha corrente asociacionista, analítica, elementarista e psico-fisiolóxica). Endalí volve a Berlín onde seguirá leccións do filósofo fenomenólogo E. Husserl e remata a súa tese de doutoramento en filosofía que defenderá na Universidade de Madrid.
No outono de 1913 e mediante unha renovación da bolsa da JAE retornaba Viqueira a Alemania, dirixíndose agora á Universidade de Göttingen, para continuar a súa formación como psicólogo experimental baixo a dirección de Rupp e de Müller, o director do Laboratorio universitario de psicoloxía experimental, ao tempo que seguía outras actividades académicas con D. Katz e con Riehl. O comezo da Guerra Mundial fixo que Viqueira se trasladara a Londres durante varios meses denantes de virse a Madrid como profesor no Museo Pedagóxico Nacional, onde imparte leccións de psicoloxía experimental de carácter teórico-prácticas para profesores, mentres preparara varias comunicacións científicas, e diversos traballos para a Revista General, o Boletín da ILE, os Anales da JAE e Estudio, ademais de formar parte dos Archivos de Neurobiología e de traducir un dos textos filosóficos do neo-kantiano marburguiano Paul Natorp, o prestixioso teorizador da Pedagoxía Social, tamén traducido ao español pola profesora María de Maeztu.
Sorteando as dificultades persistentes da súa enfermidade de osteomelite, e despois de aprobar oposicións como catedrático de instituto de psicoloxía, ética, e lóxica, accede á praza de profesor do Instituto de Santiago en l917, no mesmo ano no que casa coa profesora extremeña e tamén institucionista,de antecedentes portugueses, Jacinta Landa Vaz-Coronado, obtendo un traslado ao da Coruña no principio de 1918 e aquí será profesor ata a súa morte en 1924 con só 38 anos. Comezaba a nova etapa galega de Viqueira. Como docente foi autor de varios libros de texto sobre as materias de ética e de filosofía. Como membro e mesmo presidente das Irmandades da Fala da Coruña, desenvolve unha continuada, intensa, firme e lúcida acción na construción do nacionalismo político e cultural. Foi membro da laica e masónica La Antorcha Galaica del Librepensamiento. Foi tradutor ao castelán de textos filosóficos dos empiristas ingleses Hume (Tratado de la naturaleza humana) e Berkeley, e do marburguiano K. Vörlander (Historia de la filosofía, en dous tomos, 1921). No plano dos estudos de psicoloxía escribiría valiosos traballos sobre a aprendizaxe e as tendencias, que viron a luz na Revista de Pedagogía e no Boletín da ILE. Aínda en 1923 foi conferenciante por varios días no prestixioso Ateneo madrileño, onde presentou os grandes paradigmas da psicoloxía científica euro-americana de aqueles días, desde o seu ángulo de visión sostido por G. Stern e a psicoloxía do pensamento, W. James, o filósofo americano funcioanlista e pragmatista, e polo filósofo vitalista e defensor do dinamismo da conciencia Bergson, o que daría lugar a un notable libro: La psicología contemporánea, publicado postumamente en 1930. Sobre algunhas das anteriores cuestións xa publicara en 1919 Introducción a la psicología pedagógica (obra reditada en 1926).
Como membro das Irmandades da Fala foi conferenciante e ensaísta, con diversos e notables textos xornalísticos publicados en A Nosa Terra, preocupándose polos problemas educativos de Galicia, pola defensa da lingua galega e do seu ensino, e polo ser identitario do país, baixo a influencia, neste caso, da “psicoloxía dos pobos” definida por W. Wundt. Ocupouse así mesmo dos problemas da escrita do galego e preconizou a via reintegracionista. Hai que sinalar entre os seus textos, a este respecto:
” O meu programa político”, “Da renascencia lingüística”, e “Nosos problemas educativos” (1918), recollidos posteriormente con outros traballos e mesmo coa súa obra poética en galego na colectánea Ensaios e Poesías, editada de modo póstumo en l930 con introdución de Ramón Tenreiro; obra esta reeditada en 1974, con ocasión de dedicárselle nese ano o Día das Letras Galegas.
Defendeu, pois, a galeguización do ensino e unha nova educación galega; tamén a modernización dos estudos de bacharelato, o ensino da muller, a posta en marcha dunha completa e politécnica universidade en Galicia; defendeu o activismo didáctico e unha psico- pedagoxía renovada para o desenvolvemento harmónico do alumnado.
Noutra orde de cousas deixou un ensaio póstumo sobre a análise do pensamento unamuniano e manuscritos cunha nova versión de textos gregos de Teócrito. Achegouse ao pensamento dos portugueses Leonardo Coimbra, Teixeira de Pascoâes e Lópes Vieira.
A fins de agosto de 1924, por mor da súa enfermidade, morría Viqueira, sendo soterrado por vontade propia de modo civil na campa de A Lagoa, Ouces (Bergondo), momento este no que a súa dona Jacinta Landa, cos seus tres fillos regresaría a Madrid, para exercer a docencia de novo no Colexio Plurilingüe. O golpe de estado franquista de 1936 interrompeu esta estancia madrileña e logo de dolorosas peripecias, finalmente, Jacinta Landa e os tres fillos exiliaríanse a México D.F., onde morreu Jacinta Landa con 100 anos, e onde aínda viven actualmente xa na fronteira dos 90 anos os fillos na compaña doutros familiares. “Alma penetrada da beleza da Terra” foi, pois, Xoán Vicente Viqueira, figura notable e sobranceira: filósofo, psicólogo e pedagogo; internacionalista, socialista ético, institucionista e nacionalista galego.
Como citar: Costa Rico, Antón : Xohán Vicente Viqueira. Publicado o 19/3/2007 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=4199. Recuperado o 29/03/2024
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Reivindicación das figuras destacadas de Betanzos no século XX, entre elas a familia López-Cortón Viqueira
Delgado Corral, Concepción: «Figuras importantes de Betanzos no panorama cultural da primeira metade do século XX: Homenaxe a Salvador Mosteiro Pena», Anuario Brigantino, 32 (2009), 489-498.
Fonte: Anuario Birgantino. Biblioteca do Consello da Cultura Galega.
Artigo de María Obelleiro n'A Nosa Terra sobre o ronsel de X.V. Viqueira a través das súas fillas e o seu fillo
Obelleiro, María: «O legado de Viqueira a través dos seus fillos», A Nosa Terra, 1298 (12 a 20 de febreiro de 2008), 39.
Fonte: A Nosa Terra / Consello da Cultura Galega
Artigo sobre Xohán Vicente Viqueira publicado na revista Vieiros.
Cores, Baldomero: «O pensamento de Viqueira», Vieiros, (1965).
Fonte: Consello da Cultura Galega. Arquivo da Emigración Galega
Ligazóns de interese
Biobibliografía de Luisa Viqueira Landa, sobriña de Luisa Viqueira López-Cortón, no Álbum de Galicia
Fonte: Consello da Cultura Galega
51 páxinas das nosas Letras
Catálogo da exposición organizada polo Parlamento de Galicia en 2013 para conmemorar o 50 aniversario do Día das Letras Galegas
Fonte: Parlamento de Galicia
https://www.parlamentodegalicia.es/sitios/web/Publicacions/51%20paxinas%20das%20nosas%20letras.pdf [consulta: 2022-12-30]
Artigo de Paola Obelleiro en El país sobre Luisa Viqueira Landa
Obelleiro, Paula: «El alma galleguista de México: A Coruña rinde tributo a Luisa Viqueira, hija del filósofo exiliado en América», El País, (16 de abril de 2010)
Fonte: https://blogs.helsinki.fi/literaturaguerracivil2010/tag/luisa-viqueira-landa/ [Consulta: 2022-06-09]
Homenaxe do concello de Bergondo á familia Viqueira
Abelairas, Bea: «Bergondo homenajea a su filósofo», www.lavozdegalicia.es, (19 de marzo de 2010)
Fonte: La Voz de Galicia
https://www.lavozdegalicia.es/noticia/coruna/2010/03/19/bergondo-homenajea-filosofo/0003_8365488.htm [Consulta: 2022-09-19]
Con motivo do centenario da J.A.E. a Revista galega de educación publica un artigo sobre Xohán V. Viqueira e a súa familia
«Panoraula: Xoán V. Viqueira e o centenario da J.A.E. (1907-2007)», Revista Galega de Educación: publiación de Nova Escola Galega, 39 (2007), 164-167.
Fonte: http://www.nova-escola-galega.org/almacen/documentos/RGE/39%20RGE.pdf [Consulta: 2022-06-13]
A escritora e xornalista Anunchi Bremon trata neste artigo o exilio da familia Viqueira
Bremon, Anunchi: <«Los cuadernos del diálogo: Carmen Viqueira Landa», Los Cuadernos del Norte, 34 (novembro-decembro de 1985), 44-52
Fonte: Cervantes Virtual.
https://cvc.cervantes.es/literatura/cuadernos_del_norte/pdf/34/34_44.pdf [Consulta: 2022-06-09]
Entrevista a Manuel Rodríguez Viqueira, fillo de Luisa Viqueira Landa
«Entrevista a Manuel Rodríguez Viqueira», Terra e Tempo, 5 (xaneiro-xuño de 1910), 5-10
Fonte: http://www.terraetempo.gal/media/documentos/TeT_153_154_Entrevista_Manuel_Rodriguez_Viqueira.pdf [Consulta: 2022-06-09]
Entrada biobibliográfica de Xohán Vicente Viqueira no Álbum de Galicia
Fonte: Consello da Cultura Galega
Carmen López-Cortón no Álbum da J.A.E. do Consello da Cultura Galega
Fonte: Consello da Cultura Galega
Páxina web do Projeto Jacinta, d'aCentralfolque, sobre Jacinta Landa Vaz
Fonte: https://sites.google.com/view/projetojacinta [Consulta: 2022-09-19]
Audios
REPORTAJE SOBRE XOAN VICENTE VIQUEIRA CORTON
Referencias bibliográficas
- COSTA RICO, A., A reforma da educación. X. V. Viqueira e a historia da psicopedagoxía en Galicia, Edic.do Castro, Sada, 1996.
- PORTO UCHA, A.S., La Institución Libre de Enseñanza en Galicia. Ed. Do Castro, Sada, 1986
- TORRES REGUEIRO, X., Xoán Vicente Viqueira e o nacionalismo galego, Edic. do Castro, Sada, 1987.
Artigos Xohán Vicente Viqueira
VIQUEIRA, X. (6/1944) A nosa lingua. Acción Gallega. 2ª (10), 8.
Ver artigo Fonte da dixitalización: Arquivo da Emigración Galega. Consello da Cultura Galega;