Josefina Blanco

León, 1879 - Pontevedra, 1957

Biografía

----

Josefina Blanco

León, 1879 - Pontevedra, 1957

Autoria: Sandra Domínguez

DOI: 10.17075/adg.431

Famosa actríz de teatro, casada co Valle-Inclán e importante colaboradora e difusora da súa obra

Josefina Blanco Tejerina naceu en León presumiblemente no ano 1879 e iniciouse na carreira teatral sendo nena, da man da súa tía, a tamén actriz Concha Suárez.

Ata 1896 representou, sempre con éxito de crítica, diversos papeis secundarios, pero a súa primeira grande oportunidade chegou en outubro dese ano, cando tivo que substituír á actriz principal na comedia de Benavente Gente conocida. A partir de entón, o seu nome aparece ligado a varias obras deste dramaturgo e, aínda que é difícil precisar a data, foi nos círculos teatrais de Ceferino Palencia e María Tubau onde coñeceu a Ramón del Valle-Inclán, cando este tentaba abrir camiño como actor. Ambos actuaron xuntos en La comida de las fieras (1898) ou Los reyes en el destierro (1899), pero mentres o escritor había quedar afastado da escena tras a perda do brazo esquerdo, os seguintes pasos de Josefina Blanco consagrárona como actriz, especializada no papel de inxenua, con traballos nas máis importantes compañías do momento.

En 1905, Josefina actúa por primeira vez nunha obra de Valle-Inclán representando a Florisel de El marqués de Bradomín. Coloquios románticos e será notablemente eloxiada pola crítica. Pouco a pouco vai obtendo papeis protagonistas. En 1906, cando se atopa nun momento crucial da súa carreira, emprende, xunto con Valle-Inclán unha viaxe a Canarias coa compañía de Ricardo Calvo. É durante esa xira cando ten lugar a famosa anécdota do encerro da actriz, tradicionalmente atribuída á negativa do escritor a que Josefina formase parte da representación de Mancha que limpia, de Echegaray, se ben a documentación hemerográfica desmente ese extremo para confirmar que se tratou dunha decisión conxunta e por motivos económicos.

O éxito obtido na súa primeira intervención nunha obra de Valle-Inclán repetiríase con Liberata la Magnífica de Águila de blasón en 1907. É precisamente o 24 de agosto deste ano cando, tras un longo e, ás veces, difícil noivado, contraen matrimonio. Este feito e o nacemento da primeira filla ao ano seguinte mantén á actriz momentaneamente apartada dos escenarios. A partir de aí intensifícase o labor dela como colaboradora da obra literaria do escritor galego, en calidade de correctora de probas, preparadora de orixinais para a imprenta ou xestora editorial.

A súa reincorporación á escena produciuse na tempada de 1909-1910, volve actuar nunha obra do seu home, Cuento de abril, no papel de Trovero Pedro Vidal, que a compañía de José García Ortego e Matilde Moreno estreou no Teatro da Comedia de Madrid en 1910. Con eles, o matrimonio iniciou a xira americana que levaría a Josefina aos escenarios de Bos Aires ou Montevideo cos seus habituais éxitos, pero o desacordo de Valle-Inclán con esta compañía, que decide substituír Cuento de abril por Las vengadoras de Sellés, levou a unha ruptura. Neste punto, Josefina enrólase na compañía de María Guerrero e Fernando Díaz de Mendoza, tamén de xira por Sudamérica.

De volta na Península, a actriz interpretou os papeis de Garin e Montañesa en Voces de gesta (1911), e o de Colombina en La Marquesa Rosalinda xa en 1912, momento en que se pode falar do cénit da súa traxectoria artística. Un novo desacordo estético de Valle-Inclán con esta potente compañía ?a negativa de Guerrero e Díaz de Mendoza a representar Voces de gesta en Pamplona? supuxo a ruptura do escritor coa parella de actores, e, como consecuencia, unha importante traba para a carreira da actriz, xa que é precisamente a partir de entón cando se produce a súa retirada dos escenarios.

En 1912 a parella instálase en Galicia, e dous anos máis tarde ten lugar a tráxica morte do primoxénito varón, Joaquín María, na localidade de Cambados, con tan só tres meses de idade. Este feito impúlsaos a trasladarse á Pobra do Caramiñal, onde o escritor emprende unha aventura agrícola que acabaría fracasando.

En 1918 documéntase a volta de Josefina Blanco aos escenarios, pero o nacemento das restantes fillas e fillos nos anos seguintes fai practicamente imposible a continuidade da súa carreira. É así como na década dos 20 as noticias sobre esta actriz se dilúen, mais é seguro que se mantivo cerca de iniciativas teatrais renovadoras ?coma o grupo independente “El Mirlo Blanco”?, ámbito en que volveu interpretar un papel noutra obra de Valle-Inclán, Ligazón, dando vida a La Comadre en 1926.

En 1932, as dificultades económicas e as continuas tensións entre a parella fan que Josefina Blanco interpoña unha demanda de divorcio contra o que fora o seu home durante vinte e cinco anos. Tras a ruptura, a actriz volve aos escenarios, coa compañía de Tirso Escudero, e obtén unha praza de profesora no Conservatorio. Nos anos seguintes os litixios entre a parella pola custodia e educación dos fillos e fillas así como pola asignación económica que lle correspondía a Josefina foron constantes, sobre todo por parte desta, pero iso non impediu que en xaneiro de 1936, tras a morte de Valle-Inclán, ela asumise o papel de viúva do escritor para todos os efectos.

Ao remate da Guerra Civil, instalouse en Pontevedra, cidade que xa non abandonaría, e, abolida a republicana lei do divorcio, puxo en marcha numerosas iniciativas e proxectos apoiada no seu fillo maior, Carlos Valle-Inclán, como a publicación dos 21 tomos de Opera Omnia entre 1941 e 1942.

Josefina finou en Pontevedra o 19 de novembro de 1957 e descansa en Santa Mariña de Cambados, como foi a súa vontade.

Como citar: Domínguez, Sandra : Josefina Blanco. Recuperado o 19/02/2020 do Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=431 DOI: 10.17075/adg.431]

Obra de Josefina Blanco

Fragmento das «Memorias inéditas» publicadas no diario Crónica (12-01-1936) no que Josefina Blanco describe a Valle-Inclán cando o viu por primeira vez
Fonte: HORMIGÓN, Juan Antonio: Biografía, cronológica y Espistolario I, Madrid, ADE, 2006, p. 197-199

Obra sobre Josefina Blanco

«Apuntes para una biografía de Josefina Blanco». Esbozo biográfico de Josefina Blanco realizado polo seu neto Javier del Valle-Inclán Alsina
Fonte: Galegos, Nº 5 (2009), p. 161-166
«Josefina Blanco, una mujer desconocida». Artigo no que Sandra Domínguez Carreiro fai unha achega á traxectoria teatral e vital de Josefina Blanco
Fonte: Cuadrante, Nº 10 (2007), p. 111-128
«Josefina Blanco, una mujer olvidada». Artigo no que Sandra Domínguez Carreiro rescata, transcribe e comenta as entrevistas realizadas a Josefina Blanco en 1917 por Carmen de Burgos «Colombine» e Margarita Nelken
Fonte: Anuario Valle-Inclán III (2003), p. 183-203
«Teatro de la Princesa: La Marquesa Rosalinda». Recensión sobre a estrea desta obra con loas á actuación de Josefina Blanco
Fonte: Heraldo Madrid (6-03-1912)
«El teatro: La Marquesa Rosalinda». Nova sobre a estrea desta obra na que se aplaude a actuación de Josefina Blanco
Fonte: La Tribuna (6-03-1912)
«Líos artísticos». Fala dos problemas de Valle-Inclán e Josefina Blanco na xira canaria
Fonte: Diario de Las Palmas (10-12-1906)
«Los teatros. Princesa: El Marqués de Bradomín…». Artigo sobre a estrea desta obra con eloxios a actuación de Josefina Blanco
Fonte: El Imparcial (26-01-1906)
«Josefina Blanco». Artigo do escritor bohemio Alejandro Sawa sobre a actriz
Fonte: Los Cómicos (11-02-1904)
«Los teatros. Comedia. Los reyes en el desierto…». Recensión sobre a estrea da obra na que actuaron Josefina Blanco e Ramón del Valle-Inclán
Fonte: El Imparcial (22-01-1899)

Bibliografía

- RUBIO JIMÉNEZ, J., e DEAÑO GAMALLO, A.: Ramón del Valle-Inclán y Josefina Blanco: el pedestal de los sueños, Zaragoza, Prensas Universitarias de Zaragoza, 2011
- SANTOS ZAS, M., Martínez, F., Vílchez Ruiz, C.: Todo Valle-Inclán en Roma (1933-1936) Edición, anotación, índices y facsímiles, Santiago de Compostela, Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC, 2010
- VALLE-INCLÁN ALSINA, J.: “Apuntes para una biografía de Josefina Blanco”, Galegos, 5 (2009), p. 161-166
- DOMÍNGUEZ CARREIRO, S.: “Josefina Blanco, una mujer desconocida”, Cuadrante, Vilanova de Arousa, 16 (2007), p. 111-128
- DOMÍNGUEZ CARREIRO, S.: “Josefina Blanco, una mujer olvidada”, Anuario Valle-Inclán III, Boulder (Colorado), 28, 3 (2003), p. 183/669-203/689