Araceli “Lili” Herrero Figueroa
Lugo, 22/ 6/1948 - Lugo, 10/6/2020Autoría: Adela Figueroa
O tesón e o rigor no traballo dunha vida dedicada á formación do profesorado galego
Lili, como era coñecida nos círculos máis próximos, era unha traballadora. Esta foi a súa máis salientable característica. Definíase como galega: o meu territorio xeográfico e simbólico é Galiza
declara na entrevista recollida na páxina web da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG). Foi unha muller vivaz, inqueda e cun aquel de rebeldía que non lle fixo renunciar ao cultivo dos afectos e das tradicións familiares.
Educada nunha familia da burguesía de Lugo, xunto coas súas dúas irmás María del Carmen (Macali) e María Clorinda, recibiu da súa nai, María Clorinda Figueroa (Maruxa), o amor pola lectura, o cultivo da cultura como valor principal, a vontade de seren independentes e capaces e a admiración por Emilia Pardo Bazán. Do seu pai, Cipriano Herrero, a disciplina, o orgullo do traballo ben feito e a comprensión das súas arelas vitais e profesionais. Durante a súa infancia en Lugo foi unha nena divertida e orixinal, abrigada por unha familia extensa e protectora que animou tanto a ela coma ás súas irmás a estudar e ter unha profesión que lles garantise a independencia.
Foi unha boa estudante no colexio Fingoi e no Instituto Nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo. No primeiro foi alumna de Ricardo Carvalho Calero, con quen non perdeu o contacto e do que aprendeu o rigor e o compromiso que vai poñer en práctica ao longo da súa vida.
Casou moi nova e tivo que combinar os seus estudos universitarios en Compostela coa súa vida familiar en Lugo. Isto supuxo un enorme esforzo, que logrou superar grazas á súa gran capacidade de traballo, e incluso cando foi nai conseguiu obter as máis altas cualificacións académicas. Soubo conciliar en todo momento as tarefas vinculadas coa súa profesión coas ocupacións familiares e de coidado da filla e dos seus dous fillos.
Licenciouse en Filoloxía Galego-Portuguesa e en Filosofía e Letras, carreira esta última na que tamén se doutorou coa súa orixinal tese sobre Luís Pimentel, poeta de Lugo que mantiña unha boa relación coa familia máis achegada de Araceli. A súa actividade docente desenvolveuse no antigo Colexio Universitario de Lugo e na Escola de Formación do Profesorado da Universidade de Santiago de Compostela-campus de Lugo. Nesta mesma universidade dirixiu, ademais, o Departamento de Didáctica de Lingua e Literatura e acadou a súa cátedra nesta área. Así mesmo, pertenceu á Asociación Galega da Lingua (AGAL) e á Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).
A súa obra escrita está maioritariamente vinculada coa súa profesión de profesora universitaria responsable e coherente. Neste sentido ten numerosos capítulos de libros así como investigacións e artigos publicados en revistas especializadas en didáctica da lingua e literatura galegas como ANILIJ ou O Ensino. Publicou ademais en revistas como Agália, A Trabe de Ouro ou Grial. Nesta última, amais de investigacións, publicou algúns contos baixo o pseudónimo de Civegna Dascoli.
Sempre moi interesada polo teatro, ten tamén artigos en revistas especializadas nesta área como a Revista Galega de Teatro ou Casahamlet, nas que recolle, entre outras, as experiencias pedagóxicas de teatro, promovidas por Ricardo Carvalho Calero no colexio Fingoi dende a dirección deste centro de ensino.
Estudou en profundidade a obra de Emilia Pardo Bazán e publicou varios traballos sobre ela: «Emilia Pardo Bazán feminista: Desigualdad intergenérica y maltrato doméstico», «Pardo Bazán escribe a las reinas de Rumanía y de España», «La condesa de Pardo Bazán y la lectura infantil y/o juvenil», «Emilia Pardo Bazán, crítico de Rosalía» ou «Emilia Pardo Bazán e a muller galega vista desde as Torres de Meirás». Reivindica o compromiso desta autora coas mulleres galegas, revela facetas pouco coñecidas e destaca e concorda con ela na máxima de que as mulleres non terán auténtica liberdade se non conseguen independencia económica.
Na abondosa produción de Araceli Herrero merecen especial relevo tamén as exhaustivas investigacións que realizou sobre a obra do poeta e médico lugués Luís Pimentel. Sobre Cotarelo Valledor e o teatro ten un dos poucos estudos feitos sobre este autor. Merecen especial mención os moitos estudos que elaborou sobre Ricardo Carvalho Calero. Con relación a este último, presentou relatorios en diferentes congresos e simposios, como o organizado polo Concello de Ferrol en 2010 con motivo do centenario do seu nacemento. E tamén estivo presente en 2020, mentres a vida llo permitiu -xa que faleceu nos primeiros momentos da pandemia do coronavirus-, en cantas exposicións, xornadas e homenaxes se lle fixeron a tan importante autor galego con motivo de ser el a figura central do Día das Letras Galegas.
Defendeu a igualdade entre mulleres e homes non só de palabra, tamén co seu propio exemplo de muller traballadora e capaz. Era unha alegre contadora de contos, familiares e con moita ironía. A morte sorprendeuna antes de que puidese contarnos máis historias, reais ou imaxinadas, e de darnos máis obras escritas, nomeadamente de creación, para as que estaba especialmente dotada e que, pola intensa dedicación á súa profesión, non tivo tempo de rematar ou de ordenar.
Porque Araceli Herrero Figueroa era tamén unha boa poeta. Así o demostrou ao recibir o Premio Nacional de Poesía dos Xogos Florais Universitarios en 1966 ou o dos Minervais en 1965. Sabemos ademais que deixou varias obras de creación inéditas. Igual algún día estas vexan a luz...
O que si podo dicir da miña curmá Lili era a grande admiración que eu lle tiña polo seu sentido do deber, a súa dispoñibilidade, capacidade de traballo, rigor profesional e, sobre todo, a súa xenerosidade e empatía coas persoas. Sempre estaba disposta para encoraxar a quen traballaba for na escrita ou noutro dominio calquera da cultura. Tamén tiña un fondo sentido familiar.
Era unha muller galega que gardaba unha grata lembranza da súa aldea
, O Navallo en Oza dos Ríos, onde pasaba coa súa familia os meses de setembro. Alí aprendeu a falar o galego coloquial e a complexa cultura que soamente a aldea de antano podía ensinar. Aqueles outonos así como os veráns nas Mariñas do mar de Sada partillados coa extensa familia Figueroa-Herrero enriqueceran o seu patrimonio inmaterial, que deu o froito na súa obra escrita. Carvalho Calero considéraa digna herdeira do tío-avó Salvador Mosteiro, un dos fundadores das Irmandades da Fala, director de A Nosa Terra e, como el mesmo confesa, autor e editor do Vocabulario das Irmandades da Fala. Mais o amor por Galicia e o orgullo de ser galega recibiunos da súa nai Maruxa. Tanto ela como as súas irmás así o teñen comentado en múltiples ocasións. Ela mesma o declara, con moito humor, na entrevista que lle fai Bocixa Rei para a páxina da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
Eu considéroa unha muller para imitar. Ben haxa, querida Lili.
Agradecementos: Os meus agradecementos á familia mais próxima, en especial a Gustavo Vazquez Herrero que revisou o texto e estivo en contacto comigo. Á miña curmá Clorinda Herrero ( Nenuca ) que revisou o texto e achegou fotografías. A Maria Carmen Herrero Figueroa ( Macali) que revisou o texto e axudou coas súas achegas. Agradézolles tamén ás amizades que escribiran despedidas sinceras das que me ilustrei e o seu sentido recordo. Tamén lle agradezo a Emilia Seoane, que organizou as homenaxes a Carvalho Calero en Ferrol no 10 aniversario do seu pasamento e no día das letras galegas 2020, e enviou materiais para esta entrada.
Como citar: Figueroa, Adela : Araceli “Lili” Herrero Figueroa. Publicado o 8/2/2021 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=4685. Recuperado o 31/03/2023
DOCUMENTACIÓN DE
Herrero Figueroa, Araceli: «O maxisterio de Don Ricardo supuxo un galano que, sen ser sequera conscientes, e menos merecentes, recibimos nenos e nenas de Lugo e provincia», 2020.
Fonte: carballocaleroenlugo.org/o-maxisterio-de-don-ricardo. [Data de descarga: 14/10/2020]
Herrero Figueroa, Araceli: «La condesa de Pardo Bazán y la lectura infantil y/o juvenil», Anuario de investigación en literatura infantil y juvenil, vol. 5 (2007), p. 109-137.
Herrero Figueroa, Araceli: «Emilia Pardo Bazán, crítico de Rosalía». En: Actas do Congreso Internacional de Estudios sobre Rosalía de Castro e o seu tempo. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega; USC, 1996; v. II, p. 363-373.
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega
Herrero Figueroa, Araceli: «Emilia Pardo Bazán. Visión da muller galega desde as torres de Meirás». En Marco, Aurora (coord.): Simposio Internacional muller e cultura, USC, 1993, p. 103-126.
Ligazóns de interese
Araceli Herrero Figueroa na wikipedia
Araceli Herrero Figueroa no Google académico
Pasamento da profesora Araceli Herrero Figueroa. USC
Necrolóxica publicada por Ramón Reimunde en nosdiario.gal
Araceli Herrero Figueroa en AGAL
Araceli Herrero Figueroa en Dialnet
Artigos Araceli “Lili” Herrero Figueroa
HERRERO FIGUEROA, A. (9/1989) Fragmento de: "Emilia Pardo Bazán, crítico de Rosalía". Festa da palabra silenciada. (06), 93 .
Ver artigo Fonte da dixitalización: Feministas Independentes Galegas;
Libros do ccg sobre Araceli “Lili” Herrero Figueroa
Actas do Congreso Internacional de Estudos sobre Rosalía de Castro e o seu tempo (v.2).
1986 | Darío Villanueva, Coordinación.
Santiago, 15-20 de xullo de 1985