Pilar Vázquez Cuesta
Chantada, 25/ 4/1926 - Santiago de Compostela, 6/3/2019Autoría: Carmen Blanco
Escritora, filóloga e intelectual hispanista, lusófila e galaicista de traxectoria universitaria principalmente lusitanista
Pilar Vázquez Cuesta nace en Galicia no seo dunha familia de orixe galego-castelá formada por Daniel Vázquez Campo, de Chantada, e Modesta Cuesta Gutiérrez, de Medina de Rioseco. Edúcase nun contexto cultural privilexiado, herdeiro, por parte de pai, da profesión xurídica e dos compromisos políticos galeguistas, agraristas e republicanos do avó Daniel Vázquez Bóo, vinculado ao provincialismo, e do pai Daniel Vázquez Campo, político da Organización Republicana Gallega Autónoma, da Federación Republicana Gallega, deputado nas constituíntes de 1931, Presidente da Deputación de Lugo e alcalde transitorio de Chantada, e, por parte de nai, do progresismo vinculado coa Institución Libre de Enseñanza e as primeiras mulleres de formación ou profesión universitaria en España que exerceron como mestras, arquiveiras e bibliotecarias, farmacéuticas ou licenciadas e doutoras en Filosofía e Letras da rama de Historia. A nai da escritora estudou antes da guerra Maxisterio en Valladolid e licenciouse en Farmacia en Santiago de Compostela e na inmediata posguerra opositou ao corpo de Arquivos, Bibliotecas e Museos exercendo esta profesión na Biblioteca Nacional en Madrid. A súa tía Luisa Cuesta exerceu o maxisterio na provincia de Palencia, licenciouse e doutorouse en Filosofía e Letras, sección de Historia, na Universidade de Valladolid, onde foi profesora, e licenciouse en Dereito na de Santiago de Compostela, na que tamén foi profesora, ademais de pertencer ao corpo de Arquivos, Bibliotecas e Museos, no que traballou antes do levantamento de 1936 na Universidade de Santiago de Compostela e na Biblioteca Nacional en Madrid, onde continuou durante a guerra ata que despois da contenda foi trasladada temporalmente a Ciudad Real; estivo vinculada ao Seminario de Estudos Galegos e realizou un destacado labor investigador na preguerra sobre a Universidade de Santiago, a colonización americana e a emigración galega a América, así como na posguerra sobre a catalogación de obras iberoamericanas e filipinas da Biblioteca Nacional de Madrid, en colaboración con Modesta Cuesta, e sobre o estudo da imprenta en Salamanca.
A nenez da autora transcorre na vila de Chantada ata que, con cinco anos, en 1931, marcha a Madrid pola carreira política do pai. Nesta capital vivirá a maior parte da súa vida con estancias temporais en Galicia, a onde regresará para residir coa creación da Cátedra de Portugués na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela en 1988. En Madrid fai o primeiro curso de bacharelato en 1936. O estoupido da guerra separa á familia que se verá arredada nos dous bandos republicano e nacional nos que se divide España e afectada polas graves consecuencias bélicas tanto na vida persoal como na laboral. O pai, que morrerá en Ribadavia en 1940 aos 45 anos, está en Madrid en xullo de 1936 cando a nena e a nai se atopan en Astorga por razóns familiares, desde onde, pasando pola vila de Medina de Rioseco, lugar da casa da avoa materna, se instalan en Valladolid, cidade na que a nai traballa como manceba de farmacia e a rapaza continúa os estudos de bacharelato. Na inmediata posguerra o pai será represaliado profesionalmente e aínda despois de morto a familia padecerá as consecuencias das responsabilidades políticas pola súa alcaldía de Chantada. Nestes anos de posguerra a moza volve a Madrid onde remata o bacharelato nos Institutos Lope de Vega e Beatriz Galindo, contando neste último co maxisterio especial da profesora de Física e Química Vicenta Arnal Yarza e do poeta Gerardo Diego.
A influencia de Gerardo Diego afianza na escritora a afección literaria e nestes anos, nas vacacións que pasa en León coa familia materna, frecuenta a biblioteca da Fundación Azcárate e entra en contacto con Eugenio de Nora, Victoriano Crémer ou Josefina Rodríguez “Aldecoa” na tertulia que daría nacemento á revista Espadaña (1944) vinculada á poesía desarraigada. Nesta revista publica o seu primeiro poema en 1944 e tamén as primeiras traducións dos Poemas ibéricos de Miguel Torga en 1949.
Esta vocación literaria continúa agrandándose nos círculos culturais e no Ateneo de Madrid, onde vive, e refórzase coa formación universitaria na Facultade de Filosofía e Letras onde se licencia na sección de Filoloxía Moderna en 1946 entrando en contacto co poeta Dámaso Alonso e estudando Portugués. Nese mesmo ano asiste a un curso na Universidade de Coimbra, ao que acudira tamén desde Salamanca a escritora Carmen Martín Gaite, e ao ano seguinte comeza o seu traballo como profesora na universidade madrileña vinculada ao antropólogo portugués Jorge Dias. Así, nestes anos elixe a que será a súa especialidade como lusitanista que desenvolverá en catro direccións, a partir da académico-universitaria básica, as relacións coa creación e coa crítica de lingua lusitana e as relacións históricas e culturais iberorrománicas, especialmente as hispano-portuguesas e as galego-portuguesas, facilitadas polos seus contactos institucionais e a súa vocación viaxeira que a levará a percorrer o mundo onde as ditas linguas están asentadas ou están asentados os estudos das mesmas. É o momento no que coñece ao escritor Miguel Torga e decide o tema da tese, que non defenderá ata 1961, El concepto de España y de los españoles en la literatura portuguesa de los siglos XIX y XX, de maneira que en 1947 a autora xa está situada profesionalmente no mundo universitario da filoloxía lusa e das relacións ibéricas e hispano-portuguesas.
A determinante vocación lusitanista nace superpoñéndose á bibliotecaria que a acompañara familiarmente por influencia da súa tía Luisa e que exercerá durante as décadas dos corenta e cincuenta, ata que casa en 1957 con Alfonso Navarro e ten que pedir obrigatoriamente a excedencia segundo as leis da ditadura. Oposita á praza de oficial de Arquivos, Bibliotecas, Museos e Hemerotecas do Concello de Madrid e traballa na Biblioteca Municipal da capital de 1949 ata o citado 1957. Dentro desta traxectoria bibliotecaria en 1940 colabora na formación das Bibliotecas de Cárceres, en 1951 integra a Comisión Organizadora da I Exposición de Bibliotecas Privadas Infantís promovida pola Asociación Nacional de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos e representa á Dirección Xeral de Arquivos e Bibliotecas na promoción do intercambio de publicacións coas institucións oficiais brasileiras e uruguaias e, en 1956, é nomeada Catedrática-Bibliotecaria da Escola Central Superior de Comercio.
De modo paralelo, prosegue a profesión lusitanista e universitaria de profesora encargada da Cátedra de portugués na dita Escola Central Superior de Comercio de 1948 a 1956, ano no que obtén a cátedra que exercerá ata 1973, sendo a primeira catedrática de portugués das Escolas antecedentes das que serían logo Facultades de Empresariais, e continúa, de maneira intermitente primeiro e logo permanente a partir de 1957, exercendo como profesora na Facultade de Filosofía e Letras ata 1976. Durante este prolongado período madrileño multiplícanse as publicacións de distinto tipo con traducións ao castelán de textos portugueses e brasileiros e os escritos sobre literatura e filoloxía españolas, biblioteconomía e lingua e literatura luso-brasileira, co lóxico predominio da especialidade filolóxica lusa que continuará como centro do seu interese ata a fin da súa actividade profesional universitaria. Este traballo universitario a mediados dos anos setenta lévaa de Madrid e Salamanca, para exercer como profesora na Universidade de Salamanca desde 1976 ata 1988, e a finais dos anos oitenta de Salamanca a Santiago de Compostela, pois en 1988 comezará o seu período profesional na Universidade de Santiago de Compostela, onde se xubila en 1991 e continúa logo a súa actividade como catedrática emérita.
Entre os libros de lingüística publicados ao largo da súa vida destaca especialmente a Gramática Portuguesa, escrita en colaboración con Albertina Mendes da Luz, que verá sucesivas edicións revisadas e ampliadas (1949, 1961, 1971), será traducida ao portugués en 1980, con prefacio de Luís Filipe Lindley Cintra e en edición con sucesivas reimpresións. E entre os libros de tradución e edición literaria sobresaen Tres poetas del Brasil: Bandeira, Drummond, Schmidt (1950), en colaboración con Leônidas e Vicente Sobrino Porto; as obras de Miguel Torga, Cuentos de Tras-os-Montes (1951), Antología poética (1952) e Poemas Ibéricos (1984); Escenas de la vida de un médico (1954) de Fernando Namora, con prólogo de Gregorio Marañón; «Historia de la Literatura Brasileña» de Osvaldo Orico, na Historia de la Literatura universal (1946) dirixida por Ciríaco Pérez Bustamante, e Pequeña historia de la Literatura Brasileña (1958) de José Osório de Oliveira; La poesía portuguesa actual (1976) e poemas de Jorge de Lima, Raul Bopp e Castro Alves, na Antología-clave de la poesía afroamericana (1978) de Armando González López, e as obras Escrito en la carne (1984) de Claudio Murilo e El Mandarín (1990) de Eça de Queirós. Mais o seu lusitanismo histórico e cultural dá lugar tamén a libros de tradución como Bandeirantes y pioneros (1965) de Viana Moog ou as dúas importantes achegas persoais ao tema da crise mediterránea de fin do século XIX e das relacións ibéricas A Espanha ante o Ultimatum (1975) e A Lingua e a Cultura Portuguesas no Tempo dos Filipes (1988).
As publicacións e actividades de investigación e tradución que, como vimos, compartía durante os anos corenta e cincuenta coas de creación en lingua castelá acabarán sendo exclusivas ao concentrarse a profesora universitaria nas tarefas máis propias da súa profesión e verse urxida, se cadra, por outras angueiras persoais derivadas do nacemento en 1958 da súa filla Paloma Navarro Vázquez, que morrerá en 1998 aos corenta anos, e o proceso da longa e complicada separación matrimonial que durará de 1962 a 1974. No sucesivo, a inspiración creativa callará especialmente na tradución de verso e prosa, nun exercicio de recreación que a escritora leva máis alá da translación literal. Da actividade de creación poética ficou sen publicar un libro de poemas para o que estaban preparadas as ilustracións do pintor belga Robert Degenève, pero foron publicadas mostras na escolma Poesía femenina española viviente (1954) de Carmen Conde, logo reeditada como Poesía femenina española (1939-1950) (1967), e referencias na Historia y antología de la poesía española (1967) de Federico Sáinz de Robles, ademais dos poemas aparecidos na citada revista Espadaña e noutras revistas españolas como Acanto, Posío ou Poesía española, e portuguesas, como Brisa ou Vértice, que publican traducións e presentacións dos seus versos. Esta faceta creativa contou con recoñecementos histórico-literarios da súa persoa nos recitais vinculados a efemérides afirmativas da creación galega de mulleres como a celebración no Centro Galego de Madrid do centenario do nacemento de Emilia Pardo Bazán en 1951 e da homenaxe a Rosalía de Castro en 1953.
Tal como indicamos o lusitanismo da docencia, da escrita e da promoción de encontros e relacións no ámbito da lusofonía e desta nos ámbitos ibéricos, hispánicos e galaicos darán un paso histórico importante ao potenciar a dimensión académica universitaria e universalista dentro do lusitanismo clásico practicado especialmente na tradición ibérica e latinoamericana. Desde a primeira estancia en Coimbra en 1946, a presenza da escritora en Portugal sucedeuse e incrementouse e cómpre destacar a estancia de meses en Brasil en 1954 que potenciou as relacións literarias brasileiras, así como a presenza do seu lusitanismo no mundo a través das publicacións de diversos traballos e a participación en encontros científicos internacionais ao longo dos anos.
Por outra parte a súa orixe galega, as súas estancias en Galicia e as relacións con importantes figuras do mundo intelectual galaico mantidas na propia Galicia ou en Madrid, Salamanca, as sociedades galegas de América ou distintos puntos do planeta sentarán as bases dos seus estudos sobre Galicia e sobre lingüística e literatura galega, ademais de potenciar a promoción da cultura galega no mundo e desta no lusitanismo. Destaca neste sentido a súa presenza no IV Colóquio Internacional de Estudos Luso-Brasileiros celebrado na Universidade de Harvard e na de Columbia, no que presidiu a sesión galega, presentou a Ramón Piñeiro e coñeceu a Emilio González López e Ernesto Guerra da Cal na metade dos anos sesenta. Mais o interese pola lingua e a literatura galega, a galegoportuguesa primixenia e as relacións e variacións das linguas derivadas do dialecto iberorrománico occidental están vinculados tamén á súa actividade universitaria en Madrid e Salamanca, onde impartiu materias da área de filoloxía galega e organizou importantes encontros de divulgación da cultura galega que continuarían na USC, culminando no Encontro de Escritores Galegos e Portugueses en Compostela, celebrado en 1991. Entre os diversos escritos de filoloxía galega sobresae o panorama xeral das letras «Literatura Gallega», publicado no libro Historia de las literaturas hispánicas no castellanas (1980), coordinado por José María Díez Borque, o Colóquio / Letras. Nós. A Literatura Galega (1995), por ela coordinado, ou O que um falante de português deve saber acerca do galego (1996).
En recoñecemento a todo este labor lusitanista e galaicista que sintetizamos foron numerosas as homenaxes que se lle tributaron entre as que sinalamos como mostras especiais a concesión da medalla Castelao en 1996 e a Homenaxe á profesora Pilar Vázquez Cuesta (1996), coordenada por Ramón Lorenzo e Rosario Álvarez, que editou a Universidade de Santiago de Compostela, institución que xa lle tiña imposto a insignia de ouro en 1992, ou o Doutorado Honoris Causa outorgado pola Universidade de Lisboa en 2002.
A escritora e filóloga Pilar Vázquez Cuesta, nun último acto de lealdade ás causas da súa vida, ao morrer en 2019 deixou o legado da súa biblioteca galega á Universidade de Lisboa, da súa biblioteca lusa á Universidade de Santiago de Compostela, a súa colección etnográfica ao Museo do Pobo Galego e a súa correspondencia a quen subscribe.
Como citar: Blanco, Carmen : Pilar Vázquez Cuesta. Publicado o 3/5/2021 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=6067. Recuperado o 31/03/2023
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Bibliografía de/sobre Pilar Vázquez Cuesta
Fonte: CDSG
Ligazóns de interese
Entrada de Luisa Cuesta, tía materna de Pilar Vázquez Cuesta, no Álbum de Mulleres
Pérez González, Lourdes: «Luisa Cuesta Gutiérrez: a última directora republicana da Biblioteca Nacional», en Álbum de Mulleres, Consello da Cultura Galega, http://culturagalega.gal/album/detalle.php?id=189 (consulta: 2021-05-03)
«La trayectoria de Pilar Vázquez Cuesta como traductora del portugués», artigo de Xosé Manuel Daslva en Estudios de Traducción,10 (2020)
Fonte: revista Estudios de Traducción: https://revistas.ucm.es/index.php/ESTR/article/view/67425
«Pilar Vázquez Cuesta» en Criticalia, blog de Armando Requeixo
Fonte: https://armandorequeixo.wordpress.com/2019/03/11/pilar-vazquez-cuesta/ (consulta: 2021-05-03)
Mociño, Isabel: «Pilar Vázquez Cuesta: unha ponte entre intelectuais de tres continentes», La Voz de Galicia
Fonte: La Voz de Galicia (2019-03-08)
Mociño, Isabel: «Pilar Vázquez Cuesta: unha ponte entre intelectuais de tres continentes», La Voz de Galicia
«Pilar Vázquez Cuesta (1926-2019)», obituario no portal Ciberdúvidas da língua portuguesa
Fonte: https://ciberduvidas.iscte-iul.pt/atualidades/noticias/pilar-vazquez-cuesta-1926-2019/3308
«No adeus a Pilar Vázquez Cuesta», no blog de Ramón Nicolás Caderno da Crítica
Fonte: https://cadernodacritica.wordpress.com/2019/03/07/no-adeus-a-pilar-vazquez-cuesta/ (consulta: 2021-05-03)
«Morre Pilar Vázquez Cuesta, catedrática de portugués da Universidade de Compostela» (Nós Diario
Fonte: https://www.nosdiario.gal/articulo/cultura/morre-pilar-vazquez-cuesta-catedratica-portugues-da-universidade-compostela/20190307140223076825.html (consulta: 2021-05-03)
«In memoriam Pilar Vázquez Cuesta», no blog Tirar do fío de Helena Villar Janeiro
Fonte: https://helenavillarjaneiro.wordpress.com/2019/03/07/pilar-vazquez-cuesta-in-memoriam/
«Fernando Pessoa» Podcast emitido en Radio Exterior de España que recolle unha intervención de Pilar Vázquez Cuesta realizada no ano 2004.
Fonte: https://www.rtve.es/alacarta/audios/ayer/ayer-sobre-fernando-pessoa-ii-antonio-saez-delgado-pilar-vazquez-cuesta-03-11-12/1574091/
«A recepción de Rosalía en Portugal», en D. Villanueva (ed.): Actas do Congreso Internacional de Estudos sobre Rosalía de Castro e o seu tempo, vol. III. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega / Universidade de Santiago de Compostela, 1986, p- 261-268.
Fonte: http://consellodacultura.gal/publicacion.php?id=2600]
«Portugal-Galicia, Galicia-Portugal: un diálogo asimétrico», Colóquio/Letras, 137-138 (1995), p- 5-21
Fonte: http://coloquio.gulbenkian.pt/bib/sirius.exe/issueContentDisplay?n=137&p=5
«Contextos coloniais e loita lingüística. O exemplo de Puerto Rico», en Problemática das linguas sen normalizar. Situación do galego e alternativas. Santiago de Compostela: Edicións Xistral, 1980, p. 77-104.
Fonte: http://www.terraetempo.gal/media/documentos/Problematica das linguas OPTIMIZADO.pdf]
Pilar Vázquez Cuesta entrevistada por Eduardo Prado Coelho en 1974 na Televisión de Portuga
Fonte: Arquivo da Rádio e Televisão de Portugal (RTP)
«A propósito de la gramática gallega de Carballo Calero», Grial, V/16 (1967), p. 192-196. [Accesible en liña: https://editorialgalaxia.gal/revgrial/]
Fonte: revista Grial, da editorial Galaxia
Información sobre Pilar Vázquez Cuesta no Dicionário de Historiadores Portugueses, da Academia Real das Ciências ao Final do Estado Novo
Fonte:http://dichp.bnportugal.pt/historiadores/(consulta: 2021-05-04)
Artigos Pilar Vázquez Cuesta
LEDO, M. VáZQUEZ CUESTA, P. (3/1978) Pilar Vázquez Cuesta: Contra toda artificialidade. Nosa Terra, A. (11), 7.
Ver entrevista Fonte da dixitalización: Fundación A Nosa Terra;
Libros do ccg sobre Pilar Vázquez Cuesta
Actas do I Congreso Internacional “Curros Enríquez e o Seu Tempo”.
2004 | Xesús Alonso Montero, Edición. Henrique Monteagudo, Edición. Begoña Tajes, Edición.
(Celebrado en Celanova, 13 al 15 de setembro de 2001 ). Tomo I
Actas do I Congreso Internacional “Curros Enríquez e o Seu Tempo” .
2004 | Xesús Alonso Montero, Edición. Henrique Monteagudo, Edición. Begoña Tajes, Edición.
(Celebrado en Celanova, 13 al 15 de setembro de 2001). Tomo I
Actas do Congreso Internacional de Estudos sobre Rosalía de Castro e o seu tempo (v.3).
1986 | Darío Villanueva, Coordinación.
Santiago, 15-20 de xullo de 1985