Luis R. Brage Villar
Santiago de Compostela, 19/ 11/1886 - Santiago de Compostela, 17/5/1959Autoría: David Ferreiro Carballo
“Hai que sobreporse con entusiasmo á apatía. Porque a ledicia e o espíritu de Galicia está na súa música”
As verbas anteriores, pronunciadas por Luis Brage nunha entrevista de 1949, sintetizan perfectamente o seu percorrido vital e artístico. Luis Rafael Brage Villar naceu o 19 de novembro de 1886 en Santiago de Compostela, máis concretamente na parroquia de San Miguel dos Agros, tal e como se desprende da partida de bautismo que se conserva no Arquivo Histórico Diocesano da capital galega. A música estivo presente na súa vida xa dende cativo, pois o seu pai, Ángel Brage Brage, era unha figura moi activa no panorama musical compostelá: clarinetista da capela da catedral, membro da banda municipal da cidade, violonchelista en agrupacións de cámara e afinador de pianos, entre outros oficios musicais. Polo tanto, resulta comprensible que a súa formación musical comezara da man do seu pai, aínda que pronto se incorporou aos cursos de música impartidos pola Sociedade Económica de Amigos del País, onde tivo como mestre, entre outros, ao pianista Enrique Lens Vieira. Os seus anos de estudo nesta institución favoreceron o inicio dunha prolífica carreira como pianista que lle permitiu gañar varios premios como solista, acompañar a músicos de prestixio –como o violinista Manolo Quiroga– e formar parte de agrupacións camerísticas de renome.
Esta carreira como pianista profesional finalizará no ano 1907, cando é chamado para realizar o servizo militar. Así, a partir de 1908 a súa actividade musical centrarase en catro grandes eidos: dirección, composición, ensinanza e dinamización cultural. Pouco despois, en 1909, estala a guerra de Melilla, polo que Brage é chamado a filas. Porén, iso non significou unha parada na súa carreira artística como intérprete e director, pois naquela cidade foi contratado para dirixir unha orquestra de zarzuela, ao tempo que amenizaba co piano os seráns no Casino Militar e outros estamentos castrenses. Polo tanto, Brage consolídase nesa cidade como director, aínda que sen deixar nunca de lado a súa faceta como pianista, a cal manterá constante –a modo de oficio e sen pretensións profesionais– durante toda a súa vida. Todo parece indicar que o compositor tiña previsto establecerse definitivamente en Melilla, lugar no que pasou oito anos. De feito, contraeu matrimonio en 1912 con Asunción Buendía, quen morreu prematuramente en 1915, suceso que, sen dúbida, facilitou o retorno de Brage a Galicia no ano 1917.
Á súa volta, e tras unha breve estancia en Santiago, trasladouse á Pontevedra para dirixir –sen moito éxito– o Orfeón da cidade. Tamén en 1917 iniciou unha relación moi intensa co empresario teatral Isaac Fraga que o levou a xestionar os seus locais en Santiago e na Coruña. Foi nesta ultima cidade onde entrou en contacto con membros das Irmandades da Fala, participando na estrea en 1919 da obra de Ramón Cabanillas A man de Santiña, para a que compuxo a música que soou durante o prólogo e os entreactos. A relación con Fraga tivo o seu pico máis alto na década de 1920, principalmente entre 1922 e 1923, período no que Brage se trasladou a Madrid para dirixir unha orquestra no Teatro de la Zarzuela, que naquel momento pertencía a Fraga. Posteriormente atopámolo na cidade de Vigo, onde dirixiu, primeiro a orquestra do desaparecido teatro Tamberlick, e despois a do García Barbón, ambos propiedade do empresario Fraga. No plano persoal, en abril de 1919 casou por segunda vez con Eloisa de la Fuente Abad, con quen tivo a súa única filla en xaneiro de 1920, María Luisa Brage de la Fuente, alcumada “Chichita”.
A mediados de 1929 trasladouse á vila ourensá de Ribadavia para asumir a dirección da banda de música municipal La Lira. Esta etapa supuxo o período máis activo da súa vida, e da súa man a localidade experimentou un forte desenvolvemento social e cultural no que a música, as representacións líricas de zarzuela, os bailes e o carnaval se converteron nas manifestacións artísticas máis destacadas da capital do Ribeiro. Sen dúbida, Brage foi un dos directores máis importantes que ostentou a batuta de La Lira de Ribadavia –unha das bandas de música máis antigas e carismáticas de Galicia–, á que converteu nun auténtico mito musical. Incluso nos nosos días Brage é especialmente lembrado por este período, ademais de por ser o autor da célebre rapsodia galega Follas novas. De feito, son estes dous fitos artísticos os que fixeron que o seu nome non esmorecera por completo despois da forte represión que padeceu coa chegada do franquismo. En efecto, Luis Brage estivo sempre comprometido cos movementos galeguistas máis progresistas e coa causa republicana, aos que contribuíu co mellor sabía facer:
Al pueblo....
[…] yo siempre fui y seré un galleguista de corazón que jamás claudiqué ni pienso claudicar de mis ideales regionalistas.
Por lo tanto, quiero que quede bien sentado el que yo no pretendo ni pretendí buscar el destaque de mi personalidad, que ya está bien sancionada en toda la región gallega, por la cual sigo laborando con el mismo entusiasmo de siempre.
En mis múltiples composiciones puede leerse claro lo sano de mi pensamiento y la buena intención de mis hechos.
La causa republicana dispone de mí como soldado fiel.
¡Viva Galicia! ¡Viva la República!
Luis Brage1
En 1936, e despois do levantamento militar, Brage foi cesado do seu cargo como director da banda de música de Ribadavia e declarado en rebeldía. Ingresou na Prisión Provincial de Ourense en novembro de 1937. Tras ser xulgado en 1938 nun consello de guerra, foi condenado a morte, sentenza que, grazas a un voto particular, foi conmutada por trinta anos de cárcere que finalmente se reduciron a tres. Porén, durante eses tres anos de reclusión a música tamén estivo presente, ata o punto de que organizou agrupacións musicais cos presos que sabían música e ensinou aos non instruídos, sempre co visto e prace da dirección e apoiándose no Decreto de Redención de Penas por traballo do franquismo. Unha vez posto en liberdade en 1940, fixou a súa residencia na Coruña onde, marcado polo lastre da represión, apenas puido gañarse a vida como mestre de música. Polo tanto, toda a súa excepcional carreira e proxección anterior foi cortada de raíz polo réxime franquista, e despois da súa etapa en Ribadavia nunca volveu a ser o mesmo.
Luis Brage é autor dun catálogo que supera o centenar de composicións. Nelas podemos atopar os principais tópicos dunha identidade musical galega que vai sempre apoiada nas fontes procedentes do folclore e da tradición oral. Así, a través da súa música foi quen de canalizar os discursos proxectados pola intelectualidade galeguista e rexionalista do seu tempo, pois soubo crear unha linguaxe sonora coa que o pobo se sentía identificada e coa que podía entender facilmente a súa propia identidade musical. Os últimos cinco anos da súa vida pasounos en Santiago de Compostela, a cidade que o vira nacer e dar os seus primeiro pasos musicais. O destino fixo que morrese nun día que, anos máis tarde, acabou sendo un símbolo para a cultura galega: o 17 de maio de 1959, nun momento no que a historia e a súa propia cidade comezaban a devolverlle, a modo de homenaxe, o prestixio e o lugar que lle correspondía por dereito propio dentro do panorama musical galego.
1 Brage Villar, Luis: «Al pueblo», El Noticiero del Avia, (ca. maio de 1931).
- Referencias
- Bibliografía de Luis Brage
- Brage Villar, Luis / Emilio
- Canda (24-I-1932): «Remitido», El Noticiero del Avia, Ribadavia.
- Brage Villar, Luis (ca. maio de 1931): «Al pueblo», El Noticiero del Avia, Ribadavia.
- Brage Villar, Luis (27-XII-1931): «Apostillas acerca de La Lira [I]», El Noticiero del Avia, Ribadavia.
- Brage Villar, Luis (3-I-1932): «Apostillas acerca de La Lira II», El Noticiero del Avia, Ribadavia.
- Brage Villar, Luis (10-I-1932): «Apostillas acerca de La Lira III», El Noticiero del Avia, Ribadavia.
- Brage Villar, Luis (31-VII-1932): «La velada de hoy», El Noticiero del Avia, Ribadavia.
- Brage Villar, Luis (11-VII-1922): «Los conciertos matinales en Riazor», El Ideal Gallego, A Coruña.
- Brage Villar, Luis(23-XI-1932): «Respetable público», El Noticiero del Avia, Ribadavia.
- Brage Villar, Luis (11-VII-1922): «Los conciertos matinales en Riazor», El Ideal Gallego, A Coruña.
- Bibliografía sobre Luis Brage
- Ferreiro Carballo, David (2018): «Luis Brage: un ejemplo en la construcción de la identidad musical en Galicia», en Victoria Eli Rodríguez / Elena Torres Clemente (eds.), Música y construcción de identidades: poéticas, diálogos y utopías en Latinoamérica y España, Madrid, Sociedad Española de Musicología, 217-236.
- Ferreiro Carballo, David (2019): «Del discurso a la banda y de la banda al pueblo: el universo de tópicos del regionalismo gallego a través del repertorio para banda de Luis Brage Villar», en Nicolás Rincón Rodríguez / David Ferreiro Carballo (eds.), Bandas de música. Contextos interpretativos y repertorios, Granada, Libargo, 309-334.
- Ferreiro Carballo, David (rev. e ed.) (2015): Follas novas [de] Luis R. Brage Villar. Rapsodia galega para banda sinfónica, Santiago de Compostela, Consello da Cultura Galega.
- Ferreiro Carballo, David (2018): «Luis Brage: un ejemplo en la construcción de la identidad musical en Galicia», en Victoria Eli Rodríguez / Elena Torres Clemente (eds.), Música y construcción de identidades: poéticas, diálogos y utopías en Latinoamérica y España, Madrid, Sociedad Española de Musicología, 217-236.
- Bibliografía de Luis Brage
Agradecementos
- Familia Brage: os irmáns Ramón, Lluís e Rosa Ballester Brage
- Museo Etnolóxico de Ribadavia
- Banda de Música La Lira de Ribadavia
- Consello da Cultura Galega
Como citar: Ferreiro Carballo, David : Luis R. Brage Villar. Publicado o 9/6/2020 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=6081. Recuperado o 30/03/2023
Videos
«O gaiteiriño» (Luís Rafael Brage Villar) - A Lira de Ribadavia
«O botafumeiro» (Luís Rafael Brage Villar) - A Lira de Ribadavia
«Follas novas» (Luís Rafael Brage Villar) - A Lira de Ribadavia
«04 Follas Novas» - Luis R Brage [- Banda de Música de Arbo]
«Carrapucheirina» [Carrapucheiriña] [- Banda Municipal de Música da Coruña]
Mesa redonda «Os Brage: música e memoria en Compostela»
Mesa redonda do Ateneo de Santiago levada a cabo o 7 de abril de 2014, na que participaron D.ª Maruxa Baliñas e D. David Ferreiro
Libros do ccg sobre Luis R. Brage Villar
Luis R. Brage Villar.
2020 | David Ferreiro Carballo, Autoría.
Obra e memoria
Follas Novas.
2015 | Luis R. Brage Villar, Música. Composición. David Ferreiro Carballo, Estudo.
Rapsodia galega para banda sinfónica