José María Cao

Cervo, 1862 - Bos Aires, 1918

Biografía

----

José María Cao

Cervo, 1862 - Bos Aires, 1918

Xenial mestre da caricatura e do debuxo

Naceu en Santa María de Cervo o 13 de decembro de 1862. Cando contaba once meses de idade foi levado a Valladolid, a cuxa delegación de Facenda foi destinado seu pai e aquí estivo até os catro anos en que pasaron a Sevilla, e ao ano seguinte a Lisboa, até que xa cumpridos os sete anos volveu a Cervo coa súa familia ao ser contratado seu pai nas Reais Fábricas de Sargadelos.

Cando tiña 13 anos comezou a mostrar as súas aptitudes co debuxo na fábrica de porcelana de Sargadelos onde traballaba seu pai. Tras o peche das Reais Fábricas en 1877, trasladáronse a Xixón, onde ingresou como pintor decorador na fábrica de louza La Asturiana. Na cidade asturiana coñeceu ao escultor galego Xosé María López Rodríguez, que lle ensinou as distintas técnicas da escultura e do debuxo. Posteriormente trasladouse a Madrid co fin de seguir especializándose e traballou nunha empresa de porcelanas no barrio de Vallecas. Volveu a Xixón e un empresario fabricante de louza e cristalaría ofreceulle dirixir os obradoiros de decorados da empresa. Na Coruña realizou os seus primeiros lenzos e retratos e comezou distintas carreiras como comercio, maxisterio, aduanas e telégrafos, etc.

En 1886 emigrou a Bos Aires e empezou realizando caricaturas na rúa. Un ano máis tarde pasou a dar clases nun colexio e colaborar en distintos xornais. Posteriormente colaborou na revista El Sudamericano facendo caricaturas e pouco tempo despois no semanario Don Quijote. Nesta publicación e xunto a Eduardo Soto, criticou aos gobernantes arxentinos, o que o levou en moitas ocasións ao cárcere e ao peche da revista. Isto fixo que Cao decidise fundar un xornal galego, saíndo así o primeiro exemplar de El Eco de Galicia o 7 febreiro de 1862, homónimo do da Habana, pero tivo que vendelo aos poucos meses.

Cando deixou o Eco fundou en compañía de Luis Pardo (“Luis García”), El Cid Campeador, que saíu o 1º de xaneiro de 1894 até o 20 de abril de 1895, refundíndose con La Bomba, na que Cao foi o seu director artístico e director propietario Alberto Linares, e como administrador Bernabé Cao, fillo de noso biografado. En La Bomba, Cao fixo caricaturas duras contra os ianquis, cando en 1896 comezaban a intervir na guerra separatista de Cuba contra España. En 1899 debuxou o traxe que usaron os compoñentes da rondalla do Orfeón Gallego para o entroido daquel ano; foi o debuxante do xornal humorístico ilustrado de Bos Aires, El Arlequín (6-5-1899 a 22-7-1899) e que dirixía Roberto J. Peyró.

Pero onde desenvolveu o seu principal labor foi en Caras y Caretas, desde a fundación da revista, e que tivo a honra de dirixir na súa etapa máis brillante, constituíndo un modelo no seu xénero. Non houbo acontecemento político ou personaxe famoso que non tivese caricaturas, e o que é máis curioso, nos versos con que ao pé das caricaturas matizaba marabillosamente o difícil arte da sátira ou do humorismo. Na hora da súa morte a redacción da revista dixo: “En nuestra revista fue donde Cao halló campo propicio para desarrollar sus talentos múltiples en millares de obras maestras, que siempre se recordarán con admiración”. Nestes debuxos está a historia de varios anos de política arxentina. Soiza Reilly, no seu artigo citado dicía: “Se ha dicho que Cao era un artista. Lo era en sus caricaturas, en sus ideales, en todas las horas de su vida. Pues, más que artista era un psicólogo profundo. Era un conocedor, un calador, un analista…Muchas de sus caricaturas autopsias”.

Outras varias actividades artísticas tivo o xenial debuxante galego. Dirixiu a parte artística do suplemento do gran rotativo La Nación; foi un dos puntais do popularísimo Fray Mocho, e finalmente deixou a súa última pegada na publicación Revista Popular.

Retirado na localidade de Lanús, onde rematou os seus días, fundou a sociedade “Madre Fraternidad”, onde deixou moitos discípulos e amigos, que deron o seu nome á biblioteca social. Faleceu na citada localidade o 27 de xaneiro de 1918.

Como citar: José María Cao. Recuperado o 05/04/2020 do Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=664 DOI: 10.17075/adg.664]

Bibliografía

- VILANOVA RODRÍGUEZ, Alberto: Alberto: Los gallegos en la Argentina, Bos Aires: Ediciones Galicia, 1966, tomo II.