José Casares

Santiago de Compostela, 1866 - Santiago de Compostela, 1961

Biografía

----

José Casares

Santiago de Compostela, 1866 - Santiago de Compostela, 1961

Autoria: Ricardo Gurriarán

DOI: 10.17075/adg.731

Revolucionador do ensino experimental na universidade

Foi catedrático de Técnica Física e Análise Química da Facultade de Farmacia da Universidade de Madrid, desde 1905, tras un tempo na Universidade de Barcelona, onde chegou a ser decano. Era fillo do notable profesor universitario de Química, don Antonio Casares Rodríguez. Licenciouse en Farmacia en Santiago, en 1884, e en Químicas en Salamanca, por libre. Logo de doutorarse en Madrid, obtén a cátedra en 1888. Ampliou estudos en Alemaña con Bender, Elberfeld (química de colorantes), Obvien, Wilstäter e Bayer. E, logo, en 1902, nos EE.UU., con bolsas dos Ministerio de Fomento e Educación, apadriñado por Montero Ríos. Foi o primeiro investigador español que acudiu a centros experimentais trasatlánticos.

Sería un dos principais innovadores no ensino experimental das ciencias na universidade, desde diferentes instancias. Ten publicados máis de trinta traballos de investigación, dous deles en revistas alemanas, e varios libros de texto. Xunto a Carracido, foi dos docentes que máis representación tivo en organismos científicos españois e estranxeiros. Tamén ocupou outros cargos como a Dirección do Laboratorio de Facenda e Aduanas, e a Xefatura de Administración Civil. Despois da guerra, Casares serviría de ponte para establecer a nova rede formativa franquista, o CSIC. Ideoloxicamente liberal, ata 1936, logo sería un dos colaboradores científicos máis importantes cos que contou o novo réxime. José Casares foi senador pola Universidade de Santiago, apoiado polo Partido Liberal, entre 1905 e 1907, e logo, de xeito ininterrompido, de 1910 ata 1921. Sendo sucedido polo seu sobriño Miguel Gil Casares.

José Casares formou parte do organismo rector da JAE (1907), na que chegou a ser vicepresidente en 1918. Tamén, facilitaría os seus laboratorios da universidade madrileña -na Facultade de Farmacia- para levar á cabo labores de investigación e de preparación dos futuros bolseiros desta institución científica, á vez que servían para impartir cursos onde acudían estudiantes doutras universidades, dentro do que chamamos rede formativa primaria, baixo a súa dirección. Os laboratorios de Química Biolóxica -Carracido- e o de Análise Químico -Casares-, íanse converter en centros experimentais da JAE, dirixidos, para este cometido, polos catedráticos citados. É por isto que, pola súa iniciativa, van teren man para poder levar á cabo unha influencia engadida á hora de seleccionar certos alumnos e, complementariamente, ter incidencia para escoller ao profesorado que vai formar parte da rede formativa. Á súa vez, Carracido e José Casares, terían unha diversificación na actuación en materia de política educativa, pois ambos serían senadores en representación das Universidades de Granada e Santiago, respectivamente, como xa dixemos, ao tempo de seren membros do Consello de Instrución Pública, practicamente de forma perpetua, e académicos.

José Casares Gil fora un pioneiro nas viaxes continuadas ao estranxeiro durante a súa primeira etapa como docente, amosando unha preocupación científica herdada do seu pai. Así, pois, sentaría un importante precedente ao solicitar permiso ao Ministerio para desprazarse a Alemaña en 1 de xaneiro de 1896. Desde esta data, incluíndo o verán, foi fóra co compromiso de manterlle o seu soldo: “Para aprender los métodos de investigación científica y difundirlos después desde su cátedra”. Dádiva que sería concedida, como tamén a que solicitara tres anos despois, igualmente a Alemaña (Munich), esta vez, mesmo, obtería unha prórroga de estancia, en período formativo para a investigación. Conseguíu desprazarse, sendo custeada a viaxe cos fondos do recén creado Ministerio de Instrución Pública, con Romanones á fronte. Igualmente a que fixo aos EE.UU.

Desde os moitos foros nos que participou defendeu sempre á JAE e colaborou de forma activa na extensión do ensino experimental das ciencias, os contactos científicos co estranxeiro e a utilización dos laboratorios como principal medio; deixaría moitos discípulos na súa especialidade, a Técnica Física e a Análise Química, e varios tratados de aplicación á docencia. Entre os seus discípulos podemos citar a Moles Ormella, Charro Arias e a seu sobriño Casares López, quen o sucedería na cátedra de Madrid.

Amosou, tamén, certos signos evidentes de honestidade no desempeño do seu cargo, en relación á JAE, como: a renuncia á gratificación por ser encargado do laboratorio de Química, e as viaxes pola súa conta para abordar cometidos organizativos e de funcionamento dos bolseiros no estranxeiro, como a que realizou a Alemaña, durante oito meses, en 1920, co fin de restablecer os contactos científicos, logo da I Guerra Mundial: “El propósito del Sr. Casares es de la mayor importancia para la Junta no sólo porque se halla al frente de uno de nuestros laboratorios sino porque su inspección en Alemania servirá de base para conocer cómo y en que proporción debemos enviar pensionados”. Estivo un ano en Munich, traballando con Wilstäter, onde xa estivera vinte anos antes. Logo, en 1924, iría en América, a dar conferencias, nun ciclo organizado pola JAE, para difundir a cultura e a ciencia españolas. As viaxes institucionais serían unha constante en Casares. Estivo nove meses na Arxentina colaborando coa Institución Cultural Española, dando cursos e estreitando relacións político educativas. Volvería, de novo, a América do sur e a Centroamérica, en 1928. Por último, como Presidente dunha comisión designada pola Xunta Constructora da Cidade Universitaria de Madrid, visitou centros culturales de Europa e América.

Tamén formou parte da Comisión de Estudios en Galicia, apéndice galego da JAE para procurar bolseiros co obxectivo de envialos ao estranxeiro e que os seus coñecementos se aplicasen no desenvolvemento do noso país, en colaboración co SEG e a Misión Biolóxica, na maioría dos casos.

Animal político de adaptación ao momento, José Casares axeitouse sempre ao poder para non perder a súa capacidade de intervención. Así, puidemos comprobar que se “arrima” aos que detentaban o poder político nas catro etapas diferenciadas que van de 1900 a 1940, con sintonía conxuntural: Restauración tardía (cos liberais), Ditadura de Primo de Rivera, II República e franquismo. Desde 1940, ata 1958, vai presidir a Academia das Ciencias, e foi director de varios institutos dependentes do CSIC, obtendo distincións académicas, universitarias e políticas, de moi diversa índole.

Como citar: Gurriarán, Ricardo : José Casares. Recuperado o 19/02/2020 do Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=731 DOI: 10.17075/adg.731]

José Casares

Santiago de Compostela, 1866 - Santiago de Compostela, 1961

Autoria: Manuel R. Bermejo Patiño

Autoria: Xosé Ramón Fandiño

DOI: 10.17075/adg.731

Fundador da Sociedade Española de Física e Química, catedrático en Barcelona e Madrid e membro dunha saga de eminentes científicos galegos

Pertence José Casares Gil a unha saga de eminentes científicos, pois era fillo do químico Antonio Casares Rodríguez e sobriño do físico Ramón Gil, que tanto influíron na súa educación científica experimental e pedagóxica. Graduado de bacharelato en 1879, licenciouse en Farmacia pola Universidade de Santiago en 1884, ao mesmo tempo que, por ensinanza libre, se licenciou en Química na Facultade de Ciencias de Salamanca. En 1887 doutorouse en Madrid, impartiu docencia como profesor axudante na Facultade de Farmacia e de Física e Química nun colexio de Cee adscrito ao Instituto de Santiago. Ao ano seguinte gañou a cátedra de Técnica Física e Análise Química da Facultade de Farmacia da Universidade de Barcelona, na que traballou desde 1888 ata 1905, e na que se iniciou na investigación, publicou os seus primeiros libros, leu o famoso discurso da apertura do curso 1900-1901 sobre La enseñanza de la Química e desempeñou o decanato da Facultade de Farmacia.

En Barcelona, onde naquel momento o nivel experimental e a dotación de laboratorios era moi escasa, dedicouse á análise da auga de mananciais mineiro-medicinais ao tempo que escribiu o seu primeiro libro de Análise química. Desempeñando a súa función de catedrático en Barcelona, o Ministerio outorgoulle permiso para trasladarse a Alemaña en 1896 e 1899 , onde traballou no laboratorio de Baeyer co profesor Thiele sobre o estirol, e no de Soxhlet, onde estudou os métodos de análise de aplicación á agricultura. En 1902 residiu nos Estados Unidos, onde asistiu ás clases do profesor Chandel e viaxou por California, Alaska e Yellowstone Parck. En 1920 volveu a Alemaña para traballar e establecer contactos científicos, e en 1924 percorreu Arxentina, Uruguai, Chile, Bolivia, Perú, Ecuador, Panamá e Cuba a ditar cursos e estreitar relacións político educativas (Gurriarán, 2006).

En 1905 trasladouse á Universidade de Madrid, onde produciu o mellor da súa vida científica e académica. Ademais, con Rodríguez Carracido, Rodríguez Mourelo e Moles Orellana traballou no seo da Institución Libre de Ensinanza para conseguir que os investigadores españois puidesen saír a formarse ao estranxeiro e impulsou a creación de sociedades e revistas científicas (Sociedad Española de Física y Química; Real Sociedad Geográfica; Asociación Española para el Progreso de las Ciencias; Revista de la Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales; Anales de Física y Química; Boletín de la Academia de Farmacia; etc.). Desde 1936, ano no que se xubilou, continuou traballando en investigación e impartindo conferencias. A súa relación con Galicia foi moi estreita. Analizou, como xa fixera seu pai, as augas dos nosos balnearios; ditou conferencias na Coruña e Santiago e mantivo sempre relación coa Universidade compostelá á que representou como senador entre 1905 e 1919, ano no que renuncia á representación en Cortes para que a política non o distraese dos seus traballos de laboratorio.

Casares Gil foi membro de máis de 20 sociedades científicas españolas e estranxeiras, director do Laboratorio Central de Aduanas, vogal do Consello de Sanidade, presidente da Real Sociedade Española de Física e Química, individuo da Xunta de Aranceis, presidente das Academias de Farmacia, CienciasExactas, Físicas e Naturais, director do Instituto Nacional de Física e Química, socio fundador da Sociedade Española de Física e Química, fundada en 1903, e Doutor Honoris Causa polas Universidades de Múnic, Porto, Montevideo, México e A Habana.

Da súa contribución á ciencia cómpre subliñar a realizada en tres campos de actuación:

1º. Traballos científicos. José Casares foi fiel seguidor de seu pai, Antonio Casares Rodríguez, e da escola de químicos composteláns, publicou máis de 30 traballos experimentais de calidade desigual. Unha ducia deles son memorias amplas de análise de augas, na tradición aprendida de seu pai, entre os que cómpre subliñar a revisión de métodos analíticos. E tamén son dignos de mencionar os dedicados a presentar novos métodos de análise, como os que publicou para detectar as presenzas de flúor ou bromo en augas mineiro-medicinais. Neste campo, a súa maior contribución son as investigacións analíticas sobre o flúor, elemento que, deica entón, non fora estudado pola dificultade que presentaba. Os máis importantes dos seus traballos son os publicados en Anales de Física y Química, que teñen por tema a investigación analítica sobre o fluor, elementos que presenta enormes dificultades, tanto na súa determinación cualitativa como cuantitativa. A súas achegas sacaron ao fluor do esquecemento no que estaba e aínda seguen sendo recollidos na literatura científica.

2º. Conferencias e discursos. Impartiu máis de 50 conferencias e ditou uns 15 discursos en universidades, congresos, academias, ateneos, etc. Todo o seu traballo versou decote sobre temas universitarios e de Química. Ademais do discurso de inauguración do curso 1900-01 da Universidade de Barcelona, La enseñanza de la Química, tamén pronunciou o do curso 1920-21 na Universidade de Madrid, nos que apostou por un ensino experimental, na liña do que se estaba facendo en Europa e criticou aos catedráticos españois que impartían un ensino memorístico e teórico baseado en teorías científicas totalmente superadas.

3º. Labor Pedagóxico. O profesor Casares Gil traballou toda a súa vida para ser un gran pedagogo e conseguiuno. Aprendera de seu pai a ser un orador claro e preciso, que tamén lle inculcara a importancia de ser políglota para poder ler todo canto se publicase no estranxeiro e visitar países como complemento da súa formación científica. Con esa bagaxe, ademais da de humanista, Casares Gil converteuse en “nuestro padre de la Química Analítica en España, como tantas veces le llamamaos en la intimidad los que hemos seguido por los mismos derroteros de su especialidad” (Burriel, 1947). Os libros por el publicados entre 1900 e 1940 foron a base para a formación en análise química da maioría dos químicos españois, así como o punto de partida dos libros dos seus discípulos (Buriel, Montequi, etc.) e dos discípulos destes (F. Bermejo, Buscarons, etc.).

Entre os seu libros salientaremos os seguintes: Análisis químico cualitativo mineral (Barcelona, 1897), que o autor pretendía que servise de guía aos alumnos da Facultade de Farmacia.; Tratado de Química elemental (Barcelona,1917), dividido en dúas partes, unha de Química Inorgánica e outra de Química Orgánica, este libro, malia ter interese, non é da súa especialidade e non tivo boa acollida; Tratado de Técnica Física (1908), que acadou 4 edicións, a última en 1932. Este libro é a mellor mostra de que Casares Gil foi un precursor. Asumindo a necesidade que teñen os químicos da física, comprendeu que o desenvolvemento da química só sería posible coa aplicación das leis exactas da física e co dominio das técnicas experimentais da física aplicadas á química. O libro, en definitiva, pretende familiarizar ao químico co mundo da física aplicada e así, a través dos diversos capítulos, vainos levando da man ata adquirir a formación necesaria para poder traballar nun laboratorio químico, rentabilizando ao máximo o esforzo. En cada nova edición foi actualizando os coñecementos segundo se ían producindo. Trata temas como: física xeral (peso, medidas, termómetros, densidades...), calor (fusión, ebullocospía, presión osmótica, calorimetría, etc), luz (refracción, microscopía, espectroscopía, etc.), electricidade, táboas de constantes, etc.

No seu Tratado de Análisis químico. Tomo I. Cualitativo mineral (primeira edición de 1911 e a cuarta de 1933), describe como debe ser un laboratorio de análise química e considérase tributario de Frenesius e Treadwell. Trátase dun manual de análise química segundo a usanza da escola alemá de principios do século XX, cunha parte dedicada a ensinar como se traballa nun laboratorio químico e, a outra, ás operacións químicas básicas. Contén leccións de tipo xeral, explica como investigar os distintos elementos e compostos para rematar con apéndices variados. Nun deles ensina a axustar as ecuacións químicas. Citar tamén o Tratado de análisis químico. Tomo II. Análisis cuantitativo (primeira edición de 1912 e última de 1935), no que ao longo das distintas edicións, o autor vai modernizando o tratamento dos temas e actualizando e aumentando a bibliografía. No decurso do libro, Casares logra plasmar a linguaxe química moderna, sempre que pode escribe as ecuacións químicas e as axusta. Estuda os métodos de pesada e os métodos volumétricos, dedicándose á análise de alimentos, á investigación de velenos, á análise de urinas, etc.



Bibliografía:




Fontes impresas:

Unha relación extensa da súa obra pódese consultar en F. BURRIEL (1947) e R. ROLDAN (1958-1976; 1961). Entre a súa desigual produción científica, que abarca dende análises de augas dos balnearios de Galicia e de España ata interesantes traballos de investigación, citaremmos os seguintes libros:

CASARES GIL, José (1897): Elementos de análisis químico cualitativo mineral, Barcelona: Tipolitografía de Espasa y Cía.

CASARES GIL, José (1904): Análisis químico.

CASARES GIL, José (1932): Tratado de Técnica Física, 4a ed., Madrid: Viuda e Hijos de Tella.

CASARES GIL, José (1933): Tratado de Análisis Químico, Tomo 1. Cualitativo mineral, 4ª ed., Madrid: Imp. Góngora.

CASARES GIL, José (1935): Tratado de Análisis Químico. Tomo II. Análisis cuantitativo, 4ª ed., Madrid: Imp. Góngora.

CASARES GIL, José (1917): Tratado de Química elemental y nociones de análisis cualitativo mineral, Madrid: Imp. Eduardo Arias.


Bibliografía secundaria:

BERMEJO PATIÑO, M. R. (1991): Xosé Casares Gil. A súa vida e a súa obra, Galicia Química, 31, 32.

BURRIEL, F. (1947): Nota biográfica del Excmo. Sr. D. José Casares Gil, An. Quím., 43.

GURRIARÁN, Ricardo (2006): Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1990-1940). Do influxo institucionosta e a JAE á depuración do profesorado, Santiago:Universidade.

LÓPEZ PIÑERO, J. M. e outros (1983): Diccionario histórico de la Ciencia moderna en España, Barcelona.

LORA TAMAYO, M. (1981): La investigación química española, Madrid.

MÁIZ ELEIZEGUI, L. (1957): Historia de la enseñanza de Farmacia en Santiago, Santiago de Compostela.

MIÑONES TRILLO, J. (2010): Anecdotario de los primeros años de la Facultad de Farmacia de Santiago de Compostela (siglo XIX: Un recuerdo a sus profesores y alumnos distinguidos, Discurso leído en la solemne sesión inaugural celebrada el 20 de enero de 2010, Madrid: Real Academia Nacional de Farmacia.

ROLDÁN Y GUERRERO, R. (1958-1976): Diccionario biográfico y bibliográfico de autores farmacéuticos españoles, Madrid.

ROLDÁN Y GUERRERO, R. (1961): Necrología: Excmo. Sr. D. José Casares Gil, Boletín de la Soc. Esp. de Hist. de la Farmacia.

Como citar: Bermejo Patiño, Manuel R. : Fandiño, Xosé Ramón : José Casares. Recuperado o 19/02/2020 do Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=731 DOI: 10.17075/adg.731]

Bibliografía

- GURRIARÁN RODRÍGUEZ, R.: Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940). Do influxo institucionista e a JAE á depuración do profesorado, Santiago, Servizo de Publicacións da USC. 2006
- RODRÍGUEZ LÓPEZ, C.: La Universidad de Madrid en el primer franquismo. Ruptura y continuidad (1939-1951), Madrid, Ed. Instituto Antonio Nebrija, Universidad Carlos III. 2002
- Diccionario histórico das ciencias e das técnicas de Galicia. Autores, 1868-1936, Sada-A Coruña, Ed. do Castro, Public. do Seminario de Estudos Galegos. 1993.
- CORES TRASMONTE, B.: Os senadores da Universidade de Santiago, Santiago, Ed. Instituto Padre Sarmiento. 1988.
- Memoria JAE correspondiente a los cursos 1931-1932.
- Homenaje al Profesor D. Manuel Lora Tamayo, Presidente de esta Real Academia. Ed. RACEF y N, Madrid, 1975.
- Expediente personal de José Casares Gil (Arquivo da Residencia de Estudiantes Madrid/Fondo Junta para la Ampliación de Estudios: 32/332).
- MAIZ ELEIZEGUI, L.: Historia de la enseñanza de Farmacia en Santiago, Santiago de Compostela. 1961.
- El Eco de Galicia, La Habana, nº 335, de 1 de maio de 1928: “Gil Casares y Casares Gil”. 1928.

Artigos José Casares

Aviso Listado automático de documentación relacionada con José Casares nos fondos documentais en liña ofrecidos polo Consello da Cultura Galega.
FERNáNDEZ DEL RIEGO, F. (6/1961) Noticiario Gallego. Galicia. (519), 12 .
Mencións: José Casares ; Ángel del Castillo López ;

Libros do ccg sobre José Casares

Aviso Listado automático de documentación relacionada con José Casares nos fondos documentais en liña ofrecidos polo Consello da Cultura Galega.
Álbum da ciencia.
: 30 nomes e as súas achegas
2018 | Francisco Díaz-Fierros Viqueira, Coordinación. Xosé Antón Fraga, Coordinación. Alfonso Mato, Coordinación.
Libro