Syra Alonso Brufau
A Coruña, 1899 - México, 1970Autoría: Carme Vidal
Unha das máis extraordinarias cronistas da represión franquista
No ano 2000 chegan a Galiza os Diarios de Syra Alonso (Colección Mulleres, A Nosa Terra) despois de máis de medio século de exilio. O seu fillo Juan Ramón Fernández enviábaos desde México e descubríanos un dos máis extraordinarios memoriais da represión desatada despois de 1936. Syra Alonso escribira a primeira parte dos seus diarios en Tordoia, datados en Compostela en 1938, e a segunda na localidade mexicana de Actopán, en 1945. Relata os acontecementos que remataron coa vida do artista de Francisco Miguel, co que estaba casada, e o dramático tempo de vida que vai desde o seu asasinato ate que embarca cos seus tres fillos no "Serpa Pinto" para atoparse co ar mexicano que bate na súa cara "como unha caritativa man que tentase borrar todo o triste pasado". Detrás quedaba a vida de vangarda dunha parella que tiña a súa orixe na Coruña pero que tiña viaxado por París, Cuba e México para atoparse cos centros máis emerxentes da arte.
Syra nacera na Coruña en 1899 e a súa vida emparéllase coa do artista Francisco Miguel arredor de 1920. Pouco despois comeza a axetreada vida de viaxes que recala en París e Cuba ate deterse nun México eufórico no que destaca a convivencia con David Alfaro Siqueiros e a poeta Blanca Luz Brum que marca as súas vidas. En todo este tempo, Syra ten tres fillos e Francisco Miguel retrátaa unha morea de veces no amplo álbum de debuxos nos que se adiviña a súa imaxe. O 10 de novembro de 1933 a parella embarca cos seus cativos no vapor "Cristóbal Colón" para regresar a Galiza, nunha travesía que só para Francisco Miguel non tería retorno. Establecen a súa residencia en Santa Cruz de Oleiros, na que Syra chama a "Casa da Felicidade", nome que sería lembrado despois por ela con nostalxia.
O 3 de agosto de 1936 a Garda Civil detén a Francisco Miguel acusado de actuar contra o rexime militar golpista e, despois de ser liberado, vólveno apresar para xa nunca máis sair en liberdade. Syra visiao por derradeira vez o 28 de setembro e será está a última vez que o volva ver. Nesa mesma noite tres balas asasinan a Francisco Miguel logo de que fracasasen todas as desesperadas xestións desenvolvidas pola súa muller.
O 30 de setembro será enterrado no cemeterio da parroquia de Bértoa despois de que lle amputaran as mans que tantas obras pintara. Syra súmese nunha profunda depresión da que sae co convencimento de que non pode permitir que os seus fillos canten o Cara ao sol nin formen parte do exército franquista. Bica o mar da Coruña no que confunde as súas bagoas coa auga salgada e despídese para sempre do país para regresar ao México que compartira con Francisco Miguel. Despois de vivir en Actopán, reside en distintos domicilios de Cidade de México e Cuernavaca. De Juan Ramón, o seu fillo, recibimos a memoria dunha Syra Alonso enérxica, que engaiolaba coas súas historias e lembraba o último retrato que Francisco Miguel lle fixera en Oleiros aquel que, como ela dicía, como un agoiro, ao pintor lle saíra cos ollos tristes. Nunca regresou do exilio e a volta dos seus diarios achegounos un dos máis estarrecedores relatos da represión desatada en Galiza despois do levantamento militar de 1936, un extraordinario texto literario e memorialístico contado coa intensidade do relato en primeira persoa.
Como citar: Vidal, Carme : Syra Alonso Brufau. Publicado o 1/1/2006 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=74. Recuperado o 07/02/2023
DOCUMENTACIÓN DE
Fragmento dos Diarios de Syra Alonso
No ano 2000 publícanse os Diarios de Syra Alonso, despois de que os cadernos estiveran gardados na súa casa de México máis de medio século. O seu fillo, Juan Ramón Fernández, albacea da súa memoria, é o que trae a Galiza ese estarrecedor documento do que ofrecemos este capítulo.
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Mulleres e memoria histórica, por Aurora Marco
Elaborado con motivo da aprobación da Lei 52/2007, de 26 de decembro, pola que se recoñecen e amplían dereitos e se establecen medidas en favor de quen padeceu persecución ou violencia durante a guerra civil e a ditadura.
SUMAI, Anxos: sobre a traducción dos diarios de Syra Alonso
Fonte: Animal. Revista cultural para todas as especies, n. 11 (primaveira 2001)
PATO, Chus: A cor rosada da aurora. Syra Alonso. Diarios.
Fonte: A Nosa Terra (16 /03/2000)
Entrevista de Carme Vidal a Xoan Ramón Fernández, fillo de Syra Alonso
Fonte: A Nosa Terra (27/01/2000)
CASAS VALES; Arturo: “Syra Alonso: Diarios”.
Fonte: A Trave de Ouro, n. 41 (2000), p. 115-120
Ligazóns de interese
Syra Alonso na Coruña da mulleres
[última consulta: 27/12/2021]