María Castaña

-

Biografía

----

María Castaña

-

Autoria: Encarna Otero

DOI: 10.17075/adg.752

Unha rebelde do século XIV que se convertiu nunha lenda popular

Esta muller, protagonista de acontecementos importantes da historia de Galiza, pasou ao maxín popular até tal punto que a xente, para falar de cousas antigas, di «nos tempos de María Castaña» e por iso xa forma parte da lenda, mais é preciso situala como persoa de carne e óso para sabermos quen foi e que fixo. María Castaña aparece citada na España sagrada de Manuel Risco (tomo 41, p. 126-127) por mor dun documento do século XIV que se conserva na catedral de Lugo e que está transcrito na súa integridade por María José Portela Silva en Documentos da Catedral de Lugo. Século XIV, publicado polo Consello da Cultura Galega no ano 2007. Esta muller vivía no ano 1386 no Couto de Cereixa, nas terras de Lemos e Quiroga, no que sería o actual concello da Pobra do Brollón. O seu apelido, Castaña, seguramente se debería á cor do pelo. Este cognome aínda existe hoxe en Galiza. Estaba casada con Martín Cego e, nun enfrontamento co mordomo Francisco Fernández, que traballaba para o bispo de Lugo, ela, o seu marido e os seus fillos, Gonçalvo e Afonso, feriron de morte este mordomo (recadador), que, como antes dixen, pertencía á diocese de Lugo. Con data do 18 de xullo de 1386, toda a familia dóalle á catedral de Lugo canto posúen no Couto de Cereixa, freguesía de San Pedro de Cereixa, como sanción e pago polos feitos antes citados. Déixanlle todas as propiedades que tiñan no Couto de Cereixa, teñen que pagar mil marabedís da moeda en circulación e xuran que non farán dano xamais aos recadadores da Igrexa e do bispo e que os axudarán en todo canto fose preciso.

Até aquí a documentación histórica, mais dela derívase que María Castaña encabezou unha revolta contra o señor feudal, frei Pedro López de Aguiar, bispo en Lugo, a fins do século XIV, século difícil e duro para o campesiñado galego e doutros reinos de Europa. Polo tanto, esta muller real, de carne e óso, compartiría a sorte de millóns de mulleres labregas como así se recolle no volume I de Historia de las mujeres: «A morte e a dor eran constantes na vida das mulleres do campo e as súas familias, non só polas pestes, malas colleitas, partos e enfermidades senón tamén polo ferro e o lume que as guerras e a violencia da época provocaban».

Que pasaba nese ano 1386 no Reino de Galiza? A fin do século XIV coñece pestes e fames mais tamén mudanzas importantes no agro; as árbores froiteiras e os viñedos melloran os cultivos e aumentan a produción e os seus coidados permiten atender a demanda do comercio ultramarino; o Mediterráneo e o Mar do Norte son mercados importantes para abastecer. As terras de Ribadeo, Viveiro e Suarna producen estes bens tan cotizados; mosteiros e igrexas aumentan as súas terras de vide e de froita; Ourense e o Ribeiro especialízanse na produción de viño.

A sociedade muda tamén, o poder reorganízase, a confrontación entre Pedro I e Enrique II de Trastámara provoca o relevo da nobreza, segundo afirma García Oro: «caerán os magnates máis poderosos e emerxerán cabaleiros insignificantes». Esta situación de conflitividade e violencia permanente manterase até a gran Guerra Irmandiña (1467-69). Velaí os tempos de María Castaña. A ela tocoulle vivir máis de vinte anos de loitas, con destrucións, incendios, violacións, roubos, motíns e, cando parece que chega a paz, os novos señores impoñen novas contribucións para enriquecerse axiña, cheos de cobiza e de poder. Iso foi o que fixo o novo bispo de Lugo, coma outros moitos nobres. Polo tanto, María Castaña xunto coa súa familia e con outras moitas mulleres e familias coma eles resistiron primeiro e logo enfrontáronse ao recadador do señor feudal. Un episodio máis das numerosas loitas que as mulleres levaron a cabo no mundo feudal na defensa do pan, da alimentación dos seus e da paz. O resultado foi terlle que «doar» á Igrexa todos os seus bens, seguramente como castigo para poder seren enterrados en sagrado, garantindo así a vida eterna, iso si, aumentando a riqueza da Igrexa na terra.

Mais falemos un pouco máis destes tempos de María Castaña. Cando Pedro I, chamado o Cruel, rei de Castela, morre nos campos de Montiel, os seus seguidores continúan apoiando o rei Fernando I de Portugal, que conta co apoio dalgunhas familias nobiliarias galegas (Castro, Andrade, Andeiro, etc.) e tamén dalgúns concellos. Por ese motivo vai ser recibido e aclamado como rei desde Tui á Coruña, unindo de novo Galiza e Portugal nun mesmo reino. Vai defender as cidades fronte ao poder dos bispos pero, ante o ataque da casa de Trastámara, retorna a Portugal, aínda así conserva a xurisdición na Coruña e Tui até 1373. Unha parte da nobreza galega e os concellos atopan outro candidato que defenda os seus dereitos, privilexios e liberdades, Xoán de Gante, duque de Lancaster, inglés, casado coa filla de Pedro I, Constanza, que desembarcou no ano 1386 na Coruña e foi coroado rei de Galiza en Santiago. Tampouco durou moito pois no 1387 pactou a paz coa dinastía de Trastámara, vencedora da loita con Pedro I, entrando esta definitivamente en Galiza na persoa de Xoán I. Remata así a tentativa de Galiza, a través dunha parte da nobreza e dos concellos, de constituír un reino independente. Coinciden, pois, as datas da revolta de María Castaña nas terras de Cereixa e a tentativa fracasada de ser Galiza reino independente. María Castaña seguramente non o sabía pero este foi o seu tempo e ela contribuíu tamén a ser protagonista del.

Como citar: Otero, Encarna : María Castaña. Recuperado o 26/02/2020 do Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=752 DOI: 10.17075/adg.752]

Bibliografía

- DOMÍNGUEZ TOURIÑO, G. & Estevez Salazar, F.: Tres mulleres galegas de armas tomar, María Balteira, María Castaña e María Soliña, Baia edicións, 2009
- Villares Paz, R.: Historia de Galicia, Galaxia, 2004
- López Carreira, A.: O reino de Galiza, A Nosa Terra, 1998
- Fraise, G.: Les femmes et leur Histoire, Editorial Folio-histoire, 1998
- Pallarés Méndez, M. C.: A vida das mulleres na Galiza medieval 1100-1500, USC, 1994
- Klapisch-Zuber, C. (dir.) “La Edad media”, Vol. II de Duby, G. & Perrot, M.: Historia de las mujeres , Taurus, 1992
- VVAA: Historia de Galicia, A Nosa Terra, 1991
- Anderson B. S. & Zinsser, J. P. : Historia de las mujeres: una historia propia, vol I, Crítica, 1988