Inés de Castro
Comarca de A Limia, Galicia, 1325 - Coímbra, Portugal, 7/1/1355Autoría: Alicia Díaz Balado
Un amor que perdurou trala morte
Na bibliografía consultada non hai concordancia acerca do lugar e datas de nacemento de Inés de Castro. Xa fose na Baixa Limia ou en Monforte de Lemos, en 1320 ou en 1325, Inés é filla natural de Pedro Fernández de Castro e Aldonza Soares de Valladares, e pasa a súa nenez no Castelo de Peñafiel (Valladolid) co seu tío Don Juan Manuel e a súa prima Constanza .
Co tempo, Constanza será requirida para casar na Corte portuguesa co infante Pedro I, fillo do Rei Afonso e primo segundo de Inés. Para cumprir o requirimento Constanza e Inés, como a súa dama de Compañía, parten para Portugal en 1340. Conta a lenda que Inés e Pedro o Infante fican engaiolados un do outro con só se coñecer, e inician a súa historia de amor. Esta relación, desde o comezo, vai contar coa firme oposición do Rei Afonso e da Raíña Beatriz que chegan a desterrar a Inés en varias ocasións.
En 1345, Constanza morre no parto do seu terceiro fillo. Neste momento, Inés mora desterrada en Alburquerque e Pedro reclama a súa volta a Coimbra. A parella instalase no entorno do convento de Santa Clara e terán catro fillos: os infantes Afonso (que morrerá ao pouco de nacer), Joao, Dinís e Beatriz.
.
Como xa se indicou, a convivencia da parella verase perturbada pola continua oposición dos reis de Portugal ante as intrigas dos irmáns de Inés; Alvar e Fernán Pires de Castro, quen pretenden achegar os destinos da coroa portuguesa aos intereses casteláns.
O Rei Afonso, influído polos conselleiros Pero Coelho, Álvaro Gonçalves e Diego Lopes Pacheco, ameaza de morte a Inés, e recoméndalle o afastamento de Coimbra. Inés desatende a ameaza. No castelo de Montemor-o-Velho, decrétase o seu axustizamento, e finalmente o 7 de xaneiro de 1355, ante a presenza dos seus fillos, Inés é degolada no xardín da Quinta polos conselleiros do rei.
En 1357, morre o rei Afonso, e Pedro herda o trono. O rei proponse vingar a morte de Inés. Sabedores disto, os asasinos foxen a Castela. Pedro I negocia co rei castelán o troco das súas vidas polas doutros refuxiados en Portugal. Diego Lopes Pacheco fuxe a Francia e refúxiase na corte de Avignon. Álvaro Gonçalves e Pero Coelho son apresados e no palacio de Santarém, Pedro I executa a súa morte: cóntase que nun banquete de festa, o verdugo arríncalle o corazón ao primeiro polas costas, e ao segundo polo peito.
En 1360, Pedro I xura a declaración de Cantanhede, na que afirma que un ano antes Inés e máis el foran desposados en secreto. A historiografía cuestiona esta afirmación, porque Pedro e Inés eran primos e nestes casos, para que o matrimonio acadase validez, precisábase dunha bula papal da que non se ten constancia. Inda así, coa firma da citada declaración outorgábaselle á xa finada Inés de Castro o rango de raíña.
Pedro determinou esculpir un túmulo funerario para Inés no Mosteiro da Alcobaça. Cando este foi rematado, ordenou trasladar o corpo da amada, en comitiva real, desde Coimbra ata a nova sepultura. A peregrinase no camiño ata Alcobaça foi iluminada por multitude de fachos en sinal de honra para a raíña Inés.
A figura de Inés foi motivo de recreación e lenda ao longo da historia. A través dos textos de Camoes, chegou a imaxe mítica na que Pedro I ordena á nobreza beixar a man de Inés morta, vestida con galanuras de raíña como símbolo de fidelidade e vasalaxe, antes do seu soterramento.
Co tempo, Pedro ordena esculpir o que será o seu propio túmulo na Alcobaça. Coa súa morte en 1367, procedeuse a colocar ambos túmulos pés contra pés, para que, na resurrección tras o Xuízo Final, o primeiro que visen, home e muller, fose o rostro un do outro.
A historia e lenda de Inés de Castro e de Pedro I de Portugal segue a ser fonte de inspiración artística e literaria e punto de encontro entre Galicia e Portugal.
Como citar: Díaz Balado, Alicia : Inés de Castro. Publicado o 1/1/2008 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=773. Recuperado o 26/03/2023
DOCUMENTACIÓN SOBRE
SUÁREZ QUINTAS, Soraya: «Raiñas de pedra: unha revisión humanizadora da vida e morte de Inés de Castro»
Fonte: Madrygal, n. 18 (2015), p 137-146.
Inés de Castro. A raiña morta
Banda deseñada editada pola Agrupación Cultura Alexandre Bóveda(2007)
Camoes fala da morte de Inés de Castro en Os Lusiadas
Camoes fala da morte de Inés de Castro en Os Lusiadas
Con motivo do IV centenario da morte do autor, en 1924, o boletín quincenal A Nosa Terra, publica o tramo da obra na que se recollen estes feitos.
Fonte: exemplar da Biblioteca do CCG.
Ligazóns de interese
Inesiana, ou, Bibliografa Geral Sobre Inês de Castro, Escrito por Adrien Roig. Google books
[última consulta: 10/12/2021]
Ficha da película Inés de Castro
[última consulta: 10/12/2021]
Inés de Castro na wikipedia
[última consulta: 10/12/2021]
Inés de Castro na versión galega da wikipedia
[última consulta: 10/12/2021]
Inés de Castro, la dama que logró reinar después de muerta
[última consulta: 10/12/2021]
Inés de Castro na web da Real Academia de Historia
[última consulta: 10/12/2021]
Videos
Inés de Castro, la reina cadáver de Portugal
Acontece, que no es poco | Asesinato de Inés de Castro [Cadena Ser]
Referencias bibliográficas
- AGUIAR, J., Ines de Portugal, Porto, Ediçoes Asa, 1996.
- MACHADO DE SOUSA, M.ªL., Ines de Castro. Um tema portugués na Europa, Lisboa, Ediçoes 70, 1987.
- MICHAËLIS DE VASCONCELOS, C., “Pedro, Inês e a a Fonte dos Amores”, Lusitania.Revista de Estudos Portugueses, Lisboa, VI (1924), p. 159-182.
- VASCONCELLOS, A. de, Ines de Castro. Estudo para uma série de liçoes no curso da história de Portugal, Porto, Marqués Abreu, 1928.
- VÉLEZ DE GUEVARA, L., Reinar después de morir, Zaragoza, Ebro, 1944.