José Costa

Pantón, 1880 - Chantada, 1955

Biografía

----

José Costa

Pantón, 1880 - Chantada, 1955

Xornalista e escritor na Arxentina

Malia que a etapa de Costa Figueiras na emigración foi curta, as súas vivencias na Arxentina impregnaron totalmente a súa obra literaria. Deste xeito, os textos deste escritor e xornalista son un importante testemuño da emigración galega. Unha mostra máis da influencia dos nosos emigrantes.

José Costa Figueiras naceu na parroquia de Santa María de Touriz (Pantón) o 4 de abril de 1880. Estudou o Bacharelato en Ourense. As súas primeiras colaboracións literarias publicáronse nos xornais de Lugo El Regional e La Idea Moderna, así como en Heraldo de Monforte. En 1903 trasládase a Barcelona, colaborando coa prensa desta cidade. Tamén remitía escritos á prensa de Madrid, especialmente a Diario Universal, xornal do que foi corresponsal desde 1906. Na cidade Condal traballou na Editorial Seguí como redactor da Enciclopedia Ilustrada. En 1910 aséntase en Chantada, onde fundou o semanario Faro-Miño.

Decidido a emigrar á Arxentina, comezou a traballar nunha oficina recadadora da municipalidade de Bos Aires. As súas colaboracións na prensa do país de acollida comezaron axiña. Así, pertenceu á redacción do diario La Argentina. Fundou e dirixiu a revista Rojo y Gualda. Dirixiu tamén o Boletín do Centro Gallego de Bos Aires, publicación coa que seguiu colaborando despois de regresar a España.

O 5 de decembro de 1915 participou na fundación da Asociación de Chantada y su Partido, entidade da que tamén foi presidente. Ditou varias conferencias sobre temas gallegos. O 6 de xaneiro de 1916 no salón do Orfeón Gallego impartiu a conferencia El galleguismo en la Argentina. O 30 de agosto de 1916 no salón da Agrupación Artística Gallega ditaba a conferencia El arte de Galicia en Buenos Aires. Ambas conferencias, máis outros artigos publicados en Correo de Galicia e Suevia, foron recollidas no volume En tierras del Plata: mosaico de impresiones, publicado en Madrid en 1921. En Bos Aires publicou en 1913 a novela La risa de los dioses (Buenos Aires: Virgilio Guerra).

En xullo de 1917 regresou a España. Publicou dous libros relacionados coa súa experiencia na emigración: La sugestión de América: novela de emigrantes (1919) e Las fraguas de la fortuna: aguafuerte de la emigración (1920), ambas publicadas en Barcelona na Editorial Sopena. Para esta editorial traduciu do inglés as novelas de Henri Germain El secreto de Matilde e La venganza de Morabito. Na mesma editora publicou a tradución da novela El amante de la Hebrea de Marc Mario (alcume de Maurice Jogand). Cómpre destacar o feito de que Costa Figueiras foi académico correspondente da Real Academia Galega.

Estabeleceuse en Madrid, onde comezou a traballar na redacción do diario El Fígaro. En 1926 publicou a novela Los agros de Sureda. Posteriormente, estivo destinado na Delegación de Traballo de Lugo. En Chantada fundou o quincenario El Regionalista. En 1947 regresou a Madrid para traballar na Sección de Estudios y Publicaciones do Ministerio de Traballo, en cuxo cargo se xubilou en 1950.

Faleceu en Chantada o 5 de xuño de 1955. O labor literario e xornalístico foi continuado polo seu fillo, Xavier Costa Clavell (Chantada, 1925 – Barcelona, 2006).

Como citar: José Costa. Recuperado o 01/04/2020 do Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=944 DOI: 10.17075/adg.944]

Obra de José Costa

En Tierras del Plata

Reproducimos a continuación un fragmento de «Palabras para la cuna», texto lido por José Costa Figueiras no acto fundacional da Asociación de Chantada en Bos Aires, da cal o autor foi presidente. O documento sería publicado posteriormente no seu libro En Tierras del Plata.

O irmán de Curros Enríquez en Bos Aires

No volume da súa novela La risa de Dios, ademais da novela propiamente dita, incluíu Costa Figueiras varias crónicas baixo os títulos de «Puntos de mira» e «Narraciones». Reproducimos agora un destes textos, correspondente á sección «Puntos de mira», no que se relata como o autor se atopou co irmán de Curros en Bos Aires.

Bibliografía

- VILANOVA RODRÍGUEZ, Alberto: Los gallegos en la Argentina, Bos Aires: Ediciones Galicia, 1966, tomo II, p. 1.242.