Antonio Couzo
Ortigueira, 14/ 12/1885 - Miami, 1973Alma da sociedade Naturales de Ortigueira
Antonio Couzo García naceu no lugar de Figueiras, parroquia de San Adrián de Veiga (Ortigueira) o 14 de decembro de 1895. Saíu do porto da Coruña en outubro de 1914. Chegou a Cuba o 7 de novembro de 1914 no vapor francés La Campagne. Comezou a traballar como dependente de bodega na colonía do Central The Trinidad Sugars. Traballou máis tarde como obreiro do campo, tamén preto da localidade de Trinidad (provincia de Sancti Spíritus). Despois de trasladarse a Cienfuegos, comeza a traballar no Hospital Civil desta localidade como mozo de limpeza. Asemade amplía os seus estudos, obtendo certificado de oitavo grao e mecanografía.
En 1919 trasládase á Habana, onde comezou a traballar como varredor de xardíns na Quinta La Purísima Concepción, propiedade da Asociación de Dependentes, estabelecemento no que chegaría a ascender a mecanógrafo da Administración. Na Quinta de Dependentes traballou durante cinco anos. Posteriormente, decidiu estabelecerse pola súa conta, adquirindo en 1924 unha vidriera de tabacos na rúa Monserrate e Ánimas. Pouco tempo despois traspasou este negocio e abriu outro do mesmo ramo en Teniente Rey e Aguacate. En 1923 estivo presente na formación da sociedade católica España Integral. No ano 1924 ocupaba o cargo de vogal desta institución, neste mesmo ano foi nomeado tamén como socio meritísimo desta entidade. Por outra parte, foi administrador da revista España Integral, a cal era valadora dos ideais da sociedade homónima.
O 24 de xuño de 1928 participou decisivamente na fundación da sociedade de beneficencia e protección mutua Naturales del Ayuntamiento de Ortigueira, sendo elixido como presidente da primeira xunta directiva desta entidade. Da súa decisiva participación dá idea o feito de que a sociedade fundouse no seu mesmo domicilio, nunha xuntanza previa que tivo lugar o 13 de xuño, e na que participaron outros emigrantes naturais de San Adrián de Veiga. O 28 de abril de 1938 foi nomeado como presidente de honra da sociedade Naturales de Ortigueira, co gallo deste nomeamento Couzo foi obxecto dunha velada de homenaxe organizada pola sociedade Naturales de Ortigueira no Centro Montañés. Foi xefe de redacción da revista Heraldo Ortigueirés, publicación dirixida por José Abella Teijeiro, editada entre febreiro de 1941 e xuño de 1959.
As autoridades municipais de Ortigueira acordaron outorgarlle, o 5 de decembro de 1953, o titulo de fillo distinguido. Para lle entregar este título Couzo viaxou a Galiza en 1954. Ademais de recibir a condecoración, participou tamén na Coruña nun congreso organizado polo Circulo de Estudios Migratorios, no que participou en representación da sociedade Naturales de Ortigueira. En novembro de 1954, tras regresar da súa viaxe, foi nomeado como oficial da secretaría de Naturales de Ortigueira.
En 1969 era presidente da sociedade de cultura e recreo Rosalía de Castro. Por outra parte, pertenceu tamén ás sociedades Liga Santaballesa, Partido Judicial de Padrón e Monterroso y Antas de Ulla. Tivo tamén un importante papel na fundación na Habana, en 1957, da Federación de Sociedades Españolas de Cuba, entidade que agrupaba ás sociedades de socorros, beneficencia e mutualistas, fundadas por españois, que realizaban en Cuba obras de caridade, pensións ou dietas para enfermos ou axuda aos necesitados. Por outra parte, en 1951 figuraba como vogal suplente do consello directivo do xuntoiro Patria Galega, entidade que publicaba a revista do mesmo nome baixo a dirección de Fuco G. Gómez.
Couzo García mantivo diversos cargos dentro da sociedade Naturales del Ayuntamiento de Ortigueira até 1971, ano no que se trasladou a Miami. Nesta cidade da Florida crearía, en 1972, a Casa de Santa Marta de Ortigueira. En 1958 publicou na Habana o libro Memorias de treinta años de un ortigueirés en la Habana. Estaba casado, desde o 22 de abril de 1926, con Amparo Rodríguez del Valle, natural de Tineo (Asturias).
Faleceu en 1973.
Como citar: Antonio Couzo. Publicado o no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=962. Recuperado o 19/04/2024
DOCUMENTACIÓN DE
Foto enviada a Antonio Couzo
A foto que reproducimos a continuación, e a súa dedicatoria, foi enviada por veciños de San Adrián de Veiga a Antonio Couzo con motivo das festas desta parroquia.
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Fotografía dunha directiva de Naturales de Ortigueira
Nesta fotografía pódese apreciar unha directiva da sociedade Naturales de Ortigueira, ocupando Antonio Couzo un lugar destacado.
Felicitación de Nadal da sociedade Naturales de Ortigueira
Nesta felicitación de Nadal podemos apreciar como Antonio Couzo García era o primeiro presidente de honra da entidade, posto que lle correspondía como fundador da mesma.
Epístolas de
Unha carta de Antonio Couzo García
Carta de Antonio Couzo ao presidente da Federación Mundial de Sociedades Gallegas, 7 de decembro de 1967.
Referencias bibliográficas
- COUZO GARCÍA, Antonio: Memorias de treinta años en la Habana, A Habana, p. 108 e 128
- NÚÑEZ SEIXAS, Xosé Manuel: Emigrantes, caciques e indianos, Xerais: Vigo, 1998, p. 103
- VV.AA.: ESPAÑA INTEGRAL, nº 1, novembro 1924, p. 13
- VV.AA.: PATRIA GALEGA, 67-72, 1951, 2
Publicacións periódicas
Heraldo Ortigueirés (1941-1959) .
Órgano oficial de la Asociación de Beneficencia Naturales de Ortigueira