Losada Diéguez, de liñaxes fidalgas que se remontan ao século XVI, licenciado en Letras en 1902 pola Universidad de Deusto e doutor en 1905 pola Universidad Central, cursa tamén estudos de Dereito, que remata en Santiago en 1914. Profesor auxiliar na Universidade de Santiago (1910-1912) e catedrático de Filosofía nos Institutos de Toledo (1913), Ourense (1914-1919) e Pontevedra (1919-1929), compaxina até 1915 a súa afiliación ao carlismo, que lle viña por tradición familiar, cunha intensa actividade no agrarismo socialcatólico nas comarcas do Carballiño e A Estrada. En 1917 ingresa nas Irmandades da Fala, sorprendentemente da man dun home de esquerdas, Lois Porteiro, con quen mantiña unha forte amizade, forxada durante o seu breve período como profesor en Santiago. Axiña pasa a formar parte do cumio dirixente das Irmandades da Fala e con el participa en novembro de 1917 na Semana de Galicia, que ten lugar en Barcelona por invitación da Lliga catalá. Antes recrutara en Ourense o grupo de Vicente Risco, sobre o que exercerá sempre unha grande influencia. Como resultado da alianza das Irmandades coa Lliga para as eleccións de febreiro de 1918, Losada apadriña no distrito do Carballiño o mozo maurista José Calvo Sotelo, que sae elixido, e el prefire presentarse polo da Estrada para dar a batalla ao marqués de Riestra. Non conseguirá escano, como tampouco no ano seguinte, no que repetirá experiencia.
Losada é un dos poucos tradicionalistas católicos que asume dentro das Irmandades o salto do rexionalismo ao nacionalismo. En recoñecemento ao seu ascendente no movemento, é escollido para presidir en Lugo a I Asemblea Nacionalista (Lugo, 17-18 de novembro de 1918), na que se aproba o programa básico do nacionalismo até 1936: soberanía compartida da Galicia-nación coas restantes nacións ibéricas; amplísimas competencias do Estado federado galego; democratización radical do sistema político, con igualdade de dereitos para a muller; oficialidade do galego e regaleguización cultural do país; supresión das deputacións provinciais, e diversas reformas para combater o atraso e a emigración. Losada asume ese programa, malia que nalgunhas cuestións estaba nos antípodas da súa ideoloxía, pero en cuestións tácticas forma tándem con Vicente Risco, opoñéndose a calquera participación nas eleccións que implicase unha alianza cos republicanos, en contra do parecer do sector liberal-demócrata. As tensións acumuladas desembocan na escisión da IV Asemblea (Monforte, 18-20 febreiro de 1922). A maioría das agrupacións, agás as da Coruña, Vilalba e Betanzos, seguen a Losada e a Risco na formación da Irmandade Nazonalista Galega (ING), presidida polo segundo, e da que Losada é conselleiro de Espallamento. A ING pretendía ser un partido radicalmente nacionalista, centralizado e disciplinado, que loitase contra o sistema da Restauración dende fóra. E así, na campaña das eleccións de 1923, fai propaganda pola abstención, aducindo que Galicia non estaba representada no Parlamento español, porque só o estaría con forzas políticas propias. Tamén establece boas relacións co agrarismo de Basilio Álvarez, na esperanza de facerse cunha gran base social labrega. O golpe de Estado que inicia en Barcelona o xeneral Miguel Primo de Rivera o 13 de setembro de 1923 puxo rápido final ao experimento.

Porén, José Calvo Sotelo, un dos cerebros do novo réxime, reactivou a súa vella relación con Losada para convencer a este e a algúns irmandiños máis, como Risco, de que colaborasen coa Ditadura aceptando nomeamentos en concellos e deputacións a cambio da concesión a Galicia dunha Mancomunidade como a catalá. A colaboración tivo lugar mentres a promesa seguiu en pé, pero rematou en 1925 cando a Ditadura estableceu unha estrutura territorial tan centralista ou máis que a anterior. E aquí acabou a actividade propiamente política de Losada.

Mais non foron estas as súas únicas contribucións ao labor das Irmandades. Pouco dado ao protagonismo público e á escritura, el estivo detrás de moitas iniciativas importantes, como a creación das revistas Nós (1920-1936) e Alborada (1922). É na súa casa de Pontevedra onde se fan as primeiras reunións para a posta en marcha do xornal Galicia (1922-1926) e onde crea en 1922 cun grupo de discípulos, entre eles Xosé Filgueira Valverde, a Xuntanza de Estudos e Investigacións Históricas e Arqueolóxicas, precedente inmediato do Seminario de Estudos Galegos, que se fundará en Santiago o 12 de outubro de 1923, ao que se sumará a Xuntanza, e no que Losada ingresará en 1924 co discurso «Encol da prosa galega». Logo de dimitir en xaneiro de 1925 como vicepresidente da Deputación de Pontevedra, malia as presións de Calvo Sotelo para que non o fixese, centra as súas enerxías en anchear a base sociocultural do galeguismo. O 9 de abril dese ano funda e preside a Coral Polifónica de Pontevedra, e en 1926 fai o propio co Club de Fútbol Eiriña, decatándose con grande intuición do gran potencial nacionalizador que tería o fútbol, que daquela daba os seus primeiros pasos como deporte de masas. Pero un cancro rematou coa súa poliédrica actividade a prol de Galicia o 15 de outubro de 1929, antes de cumprir os 45 anos. Non puido contemplar o vizoso rexurdir do nacionalismo galego que empezaría o ano seguinte.

Compartir:

Bibliografía sobre Antonio Losada Diéguez

BERAMENDI, Justo: "Antonio Losada: tradición e nacionalismo", en A. LOSADA DIÉGUEZ, Obra completa, Vigo, Edicións Xerais de Galicia, 1985, p. 99-137.
De provincia a nación. Historia do galeguismo político, Vigo, Edicións Xerais de Galicia, 2007.
DURÁN, José Antonio: “Antonio Losada Diéguez: perfil dun agrarista”, en A. LOSADA DIÉGUEZ, Obra completa, Vigo, Edicións Xerais de Galicia, 1985, p. 67-82.
FILGUEIRA VALVERDE, Xosé: “A miña lembranza de Losada Diéguez”, en A. LOSADA DIÉGUEZ, Obra completa, Vigo, Edicións Xerais de Galicia, 1985, p. 57-66.
LOSADA DIÉGUEZ, Antonio: Obra completa, (ed. de Justo Beramendi), Vigo, Edicións Xerais de Galicia, 1985.
LOSADA ESPINOSA, Luis: “As raíces, a terra: formación e aprendizaxe da vida”, en A. LOSADA DIÉGUEZ, Obra completa, Vigo, Edicións Xerais de Galicia, 1985, p. 31-56.
REGUEIRA, Ramón (et al.): Antón Losada. Teoría e praxe, Ourense, ASPG, 1984.
VILLARES PAZ, Ramón: “Fidalguía e galeguismo”, en A. LOSADA DIÉGUEZ, Obra completa, Vigo, Edicións Xerais de Galicia, 1985, p. 83-98.

.