(Cambados 1876-1958)
Ramón Cabanillas (Cambados 1876-1958), despois de estudar no seminario compostelán de S. Martiño Pinario, traballa como oficial de contabilidade na súa vila natal, onde funda e dirixe os xornais El Umia (1907) e El Cometa (1910); neste adhírese á causa redencionista e anticaciquil do sindicato agrario Acción Gallega de Basilio Álvarez. Na emigración cubana (setembro do 1910 a xuño do 1915) abraza o galeguismo como ideoloxía rectora e publica os poemarios No desterro (1913) e Vento mareiro (1915), que supuxo alivio e esperanza para o incipiente nacionalismo galego pola estética moderna e universal coa que “aggiornaba” a linguaxe poética das coroas poéticas do Rexurdimento.
Era o “poeta arelado”, en palabras de Antón Villar Ponte, primeiro conselleiro da Irmandade dos Amigos da Fala da Coruña, creada o 18 de maio do 1916 na sede da Real Academia Galega. Días despois constituíuse a Irmandade de Santiago, presidida por Lois Porteiro Garea, na que se integra Cabanillas cunha carta na que rogaba que puxesen o seu “nome homilde, xa que nesa milagreira e groriosa ciudá sentín os primeiros latexos de amor i as máis fondas emocións do arte da nosa terra”. Segundo Emilio Xosé Ínsua, o vocábulo Irmandades da Fala no canto do inicialmente barallado Liga de Amigos do Idioma, ten que ver co emotivo emprego que fixera o vate cambadés en poemas emblemáticos do apelativo irmáns, de claras resonancias cristiás franciscanistas e / ou irmandiñas, como no himno de Acción Gallega: “¡Irmáns! ¡Irmáns gallegos! / ¡Dende Ortegal ó Miño / a folla do fouciño / fagamos rebrilar! / Que vexa a Vila podre, / coveira da canalla, / á Aldea que traballa / disposta pra loitar (...)”.
Embárcase con entusiasmo cos irmandiños, de aí que o 2 de xullo do 1916 participe na Coruña á excursión a Elviña, primeiro acto público da Irmandade; e desde a aparición en novembro dese ano d’A Nosa Terra voceiro do ideario do movemento, colabora con poemas emblemáticos como “¡En pé!” dedicado a Porteiro Garea (“¡Irmáns! En pé sereos / a limpa frente erguida, / envoltos na brancura / da luz que cai de riba, / o corazón aberto / a toda verba amiga, / e nunha man a fouce / e noutra man a oliva, / arredor da bandeira azul e branca, / arredor da bandeira de Galicia, / cantémo-lo dereito / a libre nova vida! (…)”) e o “Meu carriño”, coa dedicatoria “Prá y-alma acesa de Antón Villar Ponte”, director do xornal. Estes dous textos editaranse en Da terra asoballada (1917), con capa de Castelao, poemario que recolle a forte loita dos nacionalistas das Irmandades contra o caciquismo que asoballaba o país. Para A. Villar Ponte, pasou a ser “Poeta da Raza” e “primeiro poeta nacional de Galicia”.
Participa na 1ª Asemblea Nacionalista en Lugo (1918) e asina o seu “Manifesto”, na 2ª en Santiago (1919) e na 3ª en Vigo (1921), onde o designan con Risco, Viqueira e Villar Ponte para elaborar un relatorio para “chegar á uniformidade no idioma”; porén, non acode á 4ª en Monforte (1922), a da ruptura das Irmandades, porque está co galeguismo tradicionalista, esencialista e confesional de Risco, que lideraba a Irmandade Nazonalista Galega. A súa obra A man de Santiña inaugurara no 1919 o “Conservatorio Nazonal do Arte Gallego”, que creara a Irmandade da Coruña; e na primavera do 1920 rematara O Mariscal, lenda tráxica en verso sobre Pardo de Cela, escrita en colaboración con A. Villar Ponte.
Despois de ser secretario interino de Mos (1917-1921), trasládase a Madrid onde é correspondente de La Zarpa, xornal ourensán de Basilio Álvarez, e publica a 2ª ed. de Vento mareiro (1921). A partir do 1924 traballa no Balneario de Mondariz como administrador e director da revista La Temporada de Mondariz, á vez que se converte no “animador cultural” do emblemático hotel propiedade do seu protector Enrique Peinador, que no 1926 lle publica Na noite estrelecida, A rosa de cen follas e O bendito San Amaro. Neste seu annus mirabilis, na editora Lar de Ánxel Casal aparecen O Mariscal e a 2ª ed. de No desterro e de Da Terra asoballada.
No 1930, Cabanillas participa na xuntanza da que sae o “Compromiso de Barrantes”, documento agrario-galeguista sen declaración de fe republicanista. Na II República está lonxe fisicamente da Terra, emocionalmente afastado do galeguismo e distanciado de case todos os vellos irmáns; dos moitos factores que influíron nisto, para o seu biógrafo Luís Rei o decisivo foi a cancelación que no 1932 fixo a Deputación de Pontevedra da subvención anual das 3 000 pts. que lle concederan cando no 1927 o elixiran, con Cotarelo Valledor, membro da RAE en representación das letras galegas. Os agasallos e prebendas oficiais dese ano provocaran a freita e a dolorosa ruptura cos irmáns.
Está en Madrid cando se produce o golpe de xullo do 1936, pero no outono dese ano deslócase a Valencia, onde se reencontra co vello amigo Castelao, do que se afastara politicamente. En xuño do 1937 volve a Galicia (na guerra tiña un fillo falanxista e outro republicano) e con máis de 60 anos comeza a peregrinar como secretario interino polos concellos de Meis, Silleda, Dozón, Moaña... sempre con denuncias polo pasado galeguista.
O 9 de xaneiro de 1944 represéntase en Cambados o seu poema dramático A ofrenda ás fadas no portal de Belén, cando está a vivir un dos momentos máis tristes do seu camiño longo, porque semanas antes morrera Eudosia, a nai dos seus oito fillos, que os criara mentres el andaba “desterrado” por Cuba, Madrid, Mondariz… A finais dos anos 40 embárcase de cheo na batalla sociocultural do galeguismo de posguerr; así, no 1948 case tiña escrito Samos, no 1949 publica Camiños no tempo, que inicia o proxecto editorial Bibliófilos Gallegos, e no 1951 a súa Antífona da cantiga inaugura o proxecto sociocultural de Galaxia. No triste “inverno” franquista mantivo un inequívoco compromiso coa lingua galega, sen usar o castelán en novas publicacións; e cando no 1950 na Arxentina morre o proscrito Castelao, edítase clandestinamente a fermosa elexía “¡Irmán Daniel!”, que asina Ramón Cabanillas.

Compartir:

Bibliografia selecta sobre Ramón Cabanillas

FERNÁNDEZ REI, F.: Ramón Cabanillas, Cambados e o mar da Arousa, Vigo, Edicións Xerais de Galicia, 2015.
ÍNSUA, E. X.: “Ramón Cabanillas e as Irmandades da Fala”. [Relatorio inédito do Acto de homenaxe da Real Academia Galega na conmemoración do centenario da publicación de Vento mareiro de Ramón Cabanillas, celebrado no Auditorio da Xuventude de Cambados o 14 de novembro do 2015].
REI, L.: Ramón Cabanillas. Crónica de desterros e saudades, Vigo, Galaxia, 2009.

Bibliografía específica sobre Ramón Cabanillas elaborada por Francisco Fernández Rei. 2017.