Ánxel Casal naceu o 17 de decembro de 1895 no número 28 da rúa da Fonte de San Andrés no seo dunha familia que nunca foi acomodada. O seu pai, Manuel Casal Basteiro, xornaleiro natural de Vilantime (Arzúa), trasladárase á Coruña para facer o servizo militar e, logo de pasar tres anos na milicia, casara con Filomena Gosenge Arias, de Visantoña (Santiso), e quedara a vivir na capital coruñesa, onde aprendeu o oficio de xastre e montou unha fonda. De rapaz, Ánxel Casal traballou na fonda e na xastrería familiares ata que iniciou un periplo migratorio do que apenas sabemos: semella que pasou dous anos en Bos Aires, mais que tamén puido estar en Cuba e, mesmo, en París e Lisboa. De volta na Coruña, traballou nas oficinas do Consulado de Francia na cidade e fixo o servizo militar como voluntario. Integrouse nas Irmandades da Fala desde a súa creación, en 1916, e catro anos máis tarde casou con María Miramontes Mato, moza de 25 anos, natural de Guísamo, veciña da parroquia coruñesa de San Nicolás, modista de profesión e tamén militante das Irmandades. O matrimonio instalouse nun baixo da rúa Panaderas, fronte da casa de Santiago Casares Quiroga, no que montou un comercio dedicado á venda de retallos de tecidos, ao tempo que María Miramontes exercía de costureira e Casal axudaba economicamente impartindo clases de francés e, mesmo, facendo algunha que outra tradución. En 1924 pasaron a vivir no primeiro andar da rúa Real, 26, onde se instalou tamén o local social da Irmandade coruñesa e a sede da Editorial Lar e, en 1927, a da Editorial Nós.

Xunto co tamén irmandiño coruñés Leandro Carré Alvarellos creou, en 1924, a Editorial Lar, un proxecto que figuraba nos Estatutos da Irmandade da Coruña. A editora tivo o seu grande éxito coa publicación dos 40 números da colección de noveliñas curtas Lar: con textos dos mellores escritores galegos do momento, capas a cores de Camilo Díaz Baliño, unha tirada de 3000 exemplares e 30 céntimos de prezo de venda ao público, as noveliñas esgotáronse axiña e nos anos trinta xa eran rebuscadas polos bibliófilos. Lar fíxose cargo tamén das dúas publicacións periódicas máis importantes do nacionalismo, Nós e A Nosa Terra, contou con coleccións de teatro e de poesía e imprentou as primeiras publicacións do Seminario de Estudos Galegos (SEG). En agosto de 1927, Carré e Casal separáronse: o primeiro seguiu durante uns anos coa editorial Lar e o segundo creou a Editorial e Imprenta Nós, coa que intentaría dotar a Galicia dunha estrutura editorial estable, tanto na edición propiamente dita de textos fundamentais para a cultura galega moderna, como na presentación estética desas obras, de acordo coas tendencias máis comúns da edición europea de altura. Entre 1927 e 1936, Ánxel Casal, por medio da Editorial Nós publicou as obras máis importante da literatura (novela, relatos curtos, teatro e poesía) e da ensaística galegas anteriores á Guerra Civil, fíxose cargo da publicación de A Nosa Terra e Nós, imprentou a gran maioría das publicacións do Seminario de Estudos Galegos e incorporou ao mundo da edición os debuxos e as ilustracións dos artistas do movemento renovador da arte galega.

Ánxel Casal pertenceu ao grupo máis activo da Irmandade coruñesa, formado por homes que se socializaron naquel fervedoiro republicano que era A Coruña nos comezos do pasado século e que mantiña unha tradición de liberalismo revolucionario organizado de costas á oficialidade, a través de centros de reunión, debate e faladoiro, de clubs e puntos de encontro, como cafés, coros ou ateneos. Os irmandiños coruñeses articuláronse ao redor de institucións como o Casino Republicano, o Circo de Artesáns, a Asociación de Prensa, a Universidade Popular ou a Academia Galega, mais tamén de publicacións como El Noroeste, Coruña Moderna e Revista Gallega, e dos intentos de crear unha escola musical e un teatro galegos ou de impulsar as Escolas do Insiño Galego, nas que desempeñou un papel sobranceiro Casal. Aqueles homes viñan dunha tradición republicana e laica que cría na educación e na cultura como fórmula para transformar a sociedade. Durante a ditadura de Primo de Rivera, Casal desempeñou os cargos de vicesecretario, secretario e vogal da Irmandade coruñesa e, en 1929, xunto con outros irmandiños e os republicanos liderados por Casares Quiroga, participou na fundación da Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA) e mesmo se atreveu a editar o xornal vespertino El Momento, moi achegado á ideoloxía republicana e galeguista do novo partido. O fracaso do xornal, que só chegou a editar 14 números, entre o 26 de febreiro e o 14 de marzo de 1930, cargou de débedas a Casal, freou a expansión da editorial e foi unha das causas do traslado da empresa a Santiago, en maio-xuño de 1931.

En Santiago, instalou provisionalmente a imprenta editorial Nós no número 20 da rúa das Hortas, na casa que lle cedeu o seu amigo Camilo Díaz Baliño. Dous anos máis tarde, en abril-xuño de 1933, Casal trasladou o negocio ao centro da cidade, ao baixo do número 15 da rúa do Vilar, onde tamén montou unha libraría. O local converteuse nun centro de intercambio de libros, faladoiro, maxisterio e propaganda na clerical e conservadora Compostela. O Casal editor e impresor púxose ao servizo dos galeguistas, dos republicanos e do amplo e minoritario abano de forzas de esquerda que por entón comezaban a bulir na cidade. Non só continuou editando libros e imprentando A Nosa Terra, Nós e as publicacións do SEG, senón tamén as obras de Ediciones Resol e a folla impresa Resol. Hojilla volandera del pueblo, e xornais, revistas e semanarios como La Estaca, Galicia Federal, Máis!, Amañecer, Universitarios, Claridad e Ser, ademais dos numerosos papeis menores de propaganda política (panfletos, carteis, manifestos) das organizacións progresistas e de esquerdas compostelás.

O activismo político de Casal non diminuíu logo do seu traslado a Santiago. En xuño de 1931, asinaba o manifesto da Esquerda Galeguista e, en outubro do mesmo ano, colaboraba na preparación da asemblea fundacional do Partido Galeguista, no que se integrou, formando parte da primeira directiva do grupo local do partido en Santiago. Durante os anos da Segunda República en Compostela, sabemos da súa participación na convocatoria da Asemblea de municipios para a redacción do Estatuto de autonomía (1932), así como en distintos mitins (autonomistas, galeguistas, 1º de Maio). Desde finais de 1935 formou parte do Comité da Fronte Popular de Santiago e, despois do triunfo desta coalición nas eleccións de febreiro de 1936, pasou a ser concelleiro do Partido Galeguista na corporación municipal, e será elixido alcalde o 23 de febreiro, logo da negativa do presidente do Centro Republicano, Xesús San Luís Romero a facerse cargo da alcaldía. Un mes máis tarde foi nomeado deputado provincial e vicepresidente da Deputación. Tamén foi vicepresidente do Comité Central da Autonomía de Galicia e presidente do seu Comité executivo, desempeñando un importante papel na organización e coordinación da propaganda e infraestruturas da campaña plebiscitaria do Estatuto.

O 9 de xullo de 1936 os concelleiros do Partido Galeguista, Casal entre eles, dimitiron dos seus cargos, semella que nun intento para que o Goberno convocase as eleccións municipais que se tiñan que realizar en maio e ficaran en suspenso. O 17 do mesmo mes, Casal, como membro da Comisión estatutaria, participou na entrega do Estatuto de Galicia ao presidente das Cortes. O 20 de xullo, recentemente chegado de Madrid, e diante da gravidade que supoña a sublevación contra a República iniciada dous días antes, Casal fíxose cargo da alcaldía a petición do comité cidadán de defensa que se formara con representantes dos partidos e sindicatos. Ese mesmo día, ás 12 da noite, a autoridade militar obrigouno a ceder o mando. Casal refuxiouse na aldea natal do seu pai, en Vilantime (Arzúa), onde foi detido o 4 de agosto e conducido á cadea de Santiago. Catro días despois declarou como testemuña no proceso aberto contra os membros do comité de defensa. A noite do 18 ao 19 de agosto foi asasinado nunha curva de Cacheiras, preto do cemiterio de Teo. Coa instauración da democracia e a Autonomía, o recoñecemento da súa figura histórica como editor e político non fixo máis que crecer en Galicia e, sobre todo, na cidade onde foi alcalde.

Compartir:

Familia Carré

Eugenio Carré Aldao cos seus fillos. De esquerda a dereita Gonzalo, Leandro,Eugenio,Luis e Carlos Carré Alvarellos

Sinatura de Ánxel Casal

Fonte: MATO, Alfonso (Coord.): Ánxel Casal, un editor para un país: catálogos de Lar e Nós, Santiago, Consello da Cultura Galega, Seminario de Estudos Galegos, 2007

Foto de Ánxel Casal (1914)

Fonte: MATO, Alfonso (Coord.): Ánxel Casal, un editor para un país: catálogos de Lar e Nós, Santiago, Consello da Cultura Galega, Seminario de Estudos Galegos, 2007

Ánxel Casal, de Pé entre Benito Ferreiro e Juan López

Sentados están: Luis Lafuente, Benito Ferreiro (pai) e Fernando Blanco Sallares. (Foto cedida por B. Ferreiro). Fonte: MATO, Alfonso (Coord.): Ánxel Casal, un editor para un país: catálogos de Lar e Nós, Santiago, Consello da Cultura Galega, Seminario de Estudos Galegos, 2007

Bibliografía selecta sobre Anxel Casal

VÁZQUEZ SOUZA, Ernesto e DOBARRO PAZ, Xosé Mª: Ánxel Casal (1895-1936). Textos e documentos, Sada (A Coruña), Ediciós do Castro, 2003

VÁZQUEZ SOUZA, Ernesto: A Fouce, o Hórreo e o Prelo. Ánxel Casal ou o libro galego moderno, Sada, Edicións do Castro, 2003

ACUÑA, Xosé Enrique: Artistas con Ánxel Casal: arte e edición nunha Galiza entusiasmada, Santiago, Concello, 2005

FERNÁNDEZ DEL RIEGO, Francisco: Ánxel Casal e o libro galego, Sada, Ediciós do Castro, 1983

ÁNXEL CASAL (1895-1936). Catálogo da exposición celebrada na Galería Sargadelos de Santiago do 17 de maio ao 17 de xuño de 2003, Santiago, Galería Sargadelos, Gráficas Litonor, 2003

MATO, Alfonso (Coord.): Ánxel Casal, un editor para un país: catálogos de Lar e Nós, Santiago, Consello da Cultura Galega, Seminario de Estudos Galegos, 2007

SEIXAS SEOANE, Miguel Anxo: Ánxel Casal, Santiago, Concello, 2000

Bibliografía específica sobre Anxel Casal elaborada por Afonso Mato.