Carlos
Casares

Presidente do Consello da Cultura Galega 1996-2002

Casares, intelectual público

Carlos Casares foi unha das figuras máis destacadas da cultura galega do século XX. Non só polo seu rol como escritor de éxito, para moitos públicos distintos, senón porque foi un actor destacado da Transición política, o primeiro autogoberno de Galicia e o papel da cultura nel.

Casares foi a correa de transmisión entre o galeguismo que sobrevivira, no exilio interior, encarnado na figura de Ramón Piñeiro, e as novas xeracións que desempeñaron papeis activos na cultura galega a partir dos anos 80. A nosa contribución dixital quere contribuír a analizar o papel de Casares como mediador público, como figura fundamental para entender os profundos cambios do sistema cultural galego a partir da democracia.

Este primeiro especial analiza o seu papel no Consello da Cultura Galega, institución creada ao abeiro do Estatuto de Autonomía e á que Carlos Casares estivo vinculado desde os seus inicios. Casares sucedeu en 1996 a Filgueira Valverde na presidencia do CCG, na que se mantivo ata a súa morte no ano 2002. Sería un período especialmente intenso de actividade para a nosa institución que aquí podes coñecer un pouco máis. 

Carlos Casares en Radio Nacional de España

O Consello da Cultura Galega asinou un convenio con RTVE en 2010 para dixitalizar e catalogar fondos do centro territorial de Galicia de RNE. Deste importante fondo documental escolmamos algunhas intervencións de Carlos Casares. Este proxecto conta coa colaboración de

O primeiro poeta

Carlos Casares é coñecido polas súas novelas, relatos e artigos, pero os inicios da súa carreira literaria foron poéticas. Este é un documento excepcional do ano 1968, no que Casares fala da súa actividade como poeta. Lense poemas orixinais nas voces de Lita Iglesias e Andrés Rey. Cara o final da gravación, o propio Casares recita a segunda parte da triloxía Poemas de lembranza.

A lingua galega en 1975

Unha entrevista a Carlos Casares dentro do programa radiofónico Da terra e dos tempos, no que fala da situación lingüística galega ao final do franquismo.

"El gigante y el tonto"

Narración do conto El gigante y el tonto. Data: s.d.

Casares gaba a Otero Pedrayo

Inaugúrase a Fundación Otero Pedrayo e escóllese a inmensa figura do ourensán para o Día das Letras Galegas de 1988. Carlos Casares intervén cunha erudita e prolixa louvanza de Pedrayo. É o 15 de novembro de 1987 no Pazo de Trasalba (Amoeiro, Ourense)

A cultura galega en 1988

Mesa redonda titulada Perspectiva actual da cultura galega, na que interveñen Carlos Casares, acompañado de Ramón Piñeiro, e moderada por Luis González Tosar. Neste fragmento, Casares explica a situación editorial de Galicia. Estamos en Ourense, o 16 de maio de 1988.

O xornalista Roberto Blanco Torres na visión de Casares

Sesión extraordinaria da Real Academia Galega no Día das Letras Galegas adicado a Roberto Blanco Torres. Carlos Casares debuxa a figura do periodista e poeta homenaxeado. É o 17 de maio de 1999 en Cuntis (Pontevedra)

Carlos Casares Presidente do Consello da Cultura Galega (1996-2002)

 

Eu fun educado dentro da filosofía de Ramón Piñeiro, primeiro director de Galaxia, de que había que apoiar os proxectos que foran culturalmente interesantes con independencia de que fosen rendibles, sempre que dispuxesemos doutros medios que si o fosen.

Entrevista de David Barro a Carlos Casares.InteresArte 4, inverno 1998.

Eu quero que o CCG sexa un centro de reflexión. Somos un organismo consultivo, entendendo como tal, a unión das personas máis dinámicas da cultura para reflexionar e debater os problemas e sacar propostas. Ó ser un organismo autónomo, independente e politicamente neutral, permite o encontro de persoas de ideoloxías moi diversas dedicadas a pensar nos problemas concretos do seu sector.

Entrevista de David Barro a Carlos Casares.InteresArte 4, inverno 1998.

—¿Que eliminaría da cultura galega? —A incultura. —¿Que lle falta á cultura galega? —Máis cultura

Entrevista de Fran Alonso a Carlos Casares.Diario 16. Ano 2000.

Unha presidencia en imaxes

Slide 1
Este relato visual comeza cunha fotografía importante. Carlos Casares, que xa levaba unha dilatada traxectoria de activista cultural galego, incorpórase ao grupo de galeguistas independentes que, baixo o paraugas do PSOE, participarán nos inicios da historia parlamentaria galega en 1983. Serán Ramón Piñeiro, o líder desta corrente, canda Benxamín Casal, Alfredo Conde e Carlos Casares. Casares abandonará o Parlamento ao final da lexislatura.
Slide 1
Acento internacional
O Encontro sobre Culturas Minoritarias Europeas (1987) vai inaugurar un estilo e unha visión institucional por parte do Consello da Cultura Galega: a de expresar a dimensión internacional dos nosos autores. O presidente do CCG en 1987 era Ramón Piñeiro, que vemos sentado en primeira fila ao carón de Casares, que manterá esta liña de encontros internacionais da institución.
Slide 1
A cultura como xestión
Unhas das constantes desenvolvida polo Consello da Cultura Galega e apoiada polas respectivas presidencias é a consolidación dun sector cultural profesionalizado e a definición de políticas culturais amparadas en datos estatísticos fidedignos. Xornadas como Cultura e Concellos, de carácter anual, permitían avaliar a evolución das políticas culturais a nivel municipal e eran unha importante ferramenta de actualización e debate para os técnicos de cultura locais.
Slide 1
A suma de moitos
Como presidente do CCG, Casares era capaz de facer confluír intereses e especialistas ao redor de grandes proxectos que estimulasen a cooperación entre diferentes disciplinas e áreas. Unha destas grandes iniciativas foi o Proxecto Sarmiento, concebida con Henrique Monteagudo e cunha comisión de investigadores. Tratábase de compilar, dixitalizar e analizar a inxente obra completa do Padre Sarmiento, con quen, na distancia. Nesta foto, atópanse Henrique Monteagudo, Carlos Casares, Manuel Díaz y Díaz e Ramón Castromil.
Slide 1
Unha cultura aberta
Aínda que a súa posición vital era de escritor en lingua galega, o seu carácter aberto e práctico lle permitía admitir outras posicións e a necesidade de conseguir, desde a lingua galega e en colaboración con outras, unha maior presenza do galego e da nosa cultura en foros nos que en principio non estaba moi presente.
Slide 1
Visibilizarse no mundo
O mesmo acontecía no panorama internacional. Un momento destacado foi a celebración do World Poetry Day, organizado polo Pen Clube Galicia coa colaboración do Consello da Cultura Galega no 2001, entendido coma un acto estratéxico para facer visible a literatura galega no exterior. Aquí, Carlos Casares está con Derek Walcott, Wole Soyinka e Luís G. Tosar.
Slide 1
Aposta por sectores de futuro
Unha clave da acción de Carlos Casares foi favorecer a presenza de “novas culturas” ou ámbitos culturais nos que a cultura galega non estaba moi presente, como foi o caso da banda deseñada. Nesta fotografía, Carlos Casares recibe, en nome do Consello da Cultura Galega, o premio Ourense de Banda Deseñada (2001) polo apoio prestado polo CCG aos novos valores do cómic a través de culturagalega.gal.
Slide 1
O futuro está feito de pasados
Carlos Casares nunca percibiu incompatibilidade entre o respecto ás antigas xeracións do galeguismo e o futuro do país, a súa cultura e a súa lingua. Nas súas accións como mediador cultural, conseguiu ser unha ponte entre eses dous mundos: o do galeguismo do exilio interior e o das novas xeracións da democracia. Se cadra este sorriso, ao repasar a edición de Os dous de sempre, de Daniel A. Rodríguez Castelao, editada polo CCG, resume a súa actitude vital ante Galicia e a súa cultura.
 

O país no que vivas non importa porque todo depende de cómo vivas nel. Podes habitar no recuncho máis afastado do planeta e estar no mundo, sobre todo agora que tes todas as posibilidades.

Entrevista de Belén Fortes a Carlos Casares.Tempos Novos , xaneiro de 2002.

Arrodéome de xente boa, traballadora e eficaz, porque a maior parte dos traballos que levo a cabo no Consello ou en Galaxia son máis de coordenación de equipos que persoais.

Entrevista de Belén Fortes a Carlos Casares.Tempos Novos , xaneiro de 2002.

O que facemos é buscar carencias, cousas que están por facer ou que hai que corrixir, reunir expertos, elaborar informes. A visión que temos é a de que se fan moitas cousas, a miúdo ben feitas, pero que non hai unha coordinación de esforzos. Cada un vai por un lado, cando xuntando os esforzos os resultados serían infinitamente mellores. Pero é un defecto difícil de corrixir porque á xente non lle gusta nada cooperar.

Entrevista de Belén Fortes a Carlos Casares.Tempos Novos , xaneiro de 2002.