Carlos
Casares

Presidente do Consello da Cultura Galega 1996-2002

Casares, intelectual público

Carlos Casares foi unha das figuras máis destacadas da cultura galega do século XX. Non só polo seu rol como escritor de éxito, para moitos públicos distintos, senón porque foi un actor destacado da Transición política, o primeiro autogoberno de Galicia e o papel da cultura nel.

Casares foi a correa de transmisión entre o galeguismo que sobrevivira, no exilio interior, encarnado na figura de Ramón Piñeiro, e as novas xeracións que desempeñaron papeis activos na cultura galega a partir dos anos 80. A nosa contribución dixital quere contribuír a analizar o papel de Casares como mediador público, como figura fundamental para entender os profundos cambios do sistema cultural galego a partir da democracia.

Este primeiro especial analiza o seu papel no Consello da Cultura Galega, institución creada ao abeiro do Estatuto de Autonomía e á que Carlos Casares estivo vinculado desde os seus inicios. Casares sucedeu en 1996 a Filgueira Valverde na presidencia do CCG, na que se mantivo ata a súa morte no ano 2002. Sería un período especialmente intenso de actividade para a nosa institución que aquí podes coñecer un pouco máis. 

Carlos Casares en Radio Nacional de España

O Consello da Cultura Galega asinou un convenio con RTVE en 2010 para dixitalizar e catalogar fondos do centro territorial de Galicia de RNE. Deste importante fondo documental escolmamos algunhas intervencións de Carlos Casares. Este proxecto conta coa colaboración de

O primeiro poeta

Carlos Casares é coñecido polas súas novelas, relatos e artigos, pero os inicios da súa carreira literaria foron poéticas. Este é un documento excepcional do ano 1968, no que Casares fala da súa actividade como poeta. Lense poemas orixinais nas voces de Lita Iglesias e Andrés Rey. Cara o final da gravación, o propio Casares recita a segunda parte da triloxía Poemas de lembranza.

A lingua galega en 1975

Unha entrevista a Carlos Casares dentro do programa radiofónico Da terra e dos tempos, no que fala da situación lingüística galega ao final do franquismo.

"El gigante y el tonto"

Narración do conto El gigante y el tonto. Data: s.d.

Casares gaba a Otero Pedrayo

Inaugúrase a Fundación Otero Pedrayo e escóllese a inmensa figura do ourensán para o Día das Letras Galegas de 1988. Carlos Casares intervén cunha erudita e prolixa louvanza de Pedrayo. É o 15 de novembro de 1987 no Pazo de Trasalba (Amoeiro, Ourense)

A cultura galega en 1988

Mesa redonda titulada Perspectiva actual da cultura galega, na que interveñen Carlos Casares, acompañado de Ramón Piñeiro, e moderada por Luis González Tosar. Neste fragmento, Casares explica a situación editorial de Galicia. Estamos en Ourense, o 16 de maio de 1988.

O xornalista Roberto Blanco Torres na visión de Casares

Sesión extraordinaria da Real Academia Galega no Día das Letras Galegas adicado a Roberto Blanco Torres. Carlos Casares debuxa a figura do periodista e poeta homenaxeado. É o 17 de maio de 1999 en Cuntis (Pontevedra)

Carlos Casares Presidente do Consello da Cultura Galega (1996-2002)

 

Unha presidencia en imaxes