DISPOÑIBLE EN

GL
EN
ES

CONTACTAR

ACERCA DE LOIA

Para comezar

Onde aprender

En Galicia

A principal oferta de formación lingüística para adultos está xestionada pola Xunta de Galicia.

As Escolas Oficiais de Idiomas de Galicia, que dependen da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ofrecen seis niveis de docencia de galego, organizados en tres ciclos de dos cursos cada un: básico, intermedio e avanzado.

Pola súa parte, a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia organiza na actualidade os seguintes cursos:

Cursos de lingua galega. Están destinados aos diversos colectivos profesionais e sociais. Constan de catro niveis que se corresponden cos establecidos no Marco común europeo de referencia, elaborado polo Consello de Europa: Celga 1 (nivel A2), Celga 2 (nivel B1), Celga 3 (nivel B2) e Celga 4 (nivel C1).

Cursos de linguaxe administrativa galega. Están destinados ao persoal das distintas administracións e constan de dous niveis: medio e superior (este último destinado ao persoal das administracións local e estatal).

Cursos de linguaxe xurídica galega. Están destinados aos cadros de persoal da Administración de Xustiza e constan de dous niveis: medio e superior.

Cursos de extensión cultural. Están destinados aos diversos colectivos profesionais e sociais, e constan de cinco módulos: actualidade, xeografía, historia, antropoloxía e lingua.

Curso de lingua e cultura galega para menores de 18 anos. Está dirixido ao alumnado que vive o vén de fóra de Galicia.

A Xunta de Galicia, como membro da Association of Language Testers in Europe (ALTE),prepara os modelos de exame para os niveis A2, B1, B2 e C1, que garanten o recoñecemento internacional da certificación do coñecemento de lingua galega.

Os servizos de normalización lingüística das tres universidades galegas, así como os dalgúns concellos tamén organizan a súa propia oferta formativa de lingua galega, á que se pode acceder a través das diferentes convocatorias que estas entidades acostuman publicar nas súas respectivas páxinas web.

-Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo

-Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña

-Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela

No período estival existe tamén a posibilidade de asistir aos Cursos de Verán de Lingua e Cultura Galegas para Estranxeiros e para Españois de Fóra de Galicia.

Fóra de Galicia

A Secretaría Xeral de Política Lingüística mantén convenios de colaboración con diferentes universidades de fóra de Galicia co ánimo de crear lectorados e cátedras de galego que potencien e difundan a lingua no eido internacional. Na actualidade existen corenta e sete centros de estudos galegos en diferentes universidades de Europa, América e Oceanía.

Autoaprendizaxe

Grazas ao desenvolvemento das novas tecnoloxías é posible aproximarse á aprendizaxe da lingua galega utilizando novas ferramentas dispoñibles na rede, como cursos interactivos en liña: