Arquivo Sonoro de Galicia (CCG)
Cidade da Cultura de Galicia
Edificio da Biblioteca de Galicia, 1º andar
Monte Gaiás, s/n CP 15707
Santiago de Compostela
asonoro@consellodacultura.org
Tel: +34 881995147 | +34 881995144
Noticia

O Consello da Cultura Galega pon na rede unha gravación de Otero Pedrayo sobre B. J. Feijoo

Este ano cúmprense 250 anos do pasamento de Benito Jerónimo Feijoo, un referente da recuperación da identidade galega do século XIX. Para conmemoralo, o Consello da Cultura Galega leva a cabo mañá xoves en Ourense un seminario encamiñado a pór de manifesto a vixencia do seu pensamento. Relacionado con esta efeméride, acaba de poñer a disposición dos usuarios na rede unha conferencia que outro ilustre ourensán, Ramón Otero Pedrayo, pronunciou en 1964 detallando a relevancia histórica e perfil de Feijoo.



Co gallo do II Centenario da morte de Benijo Jerónimo Feijoo y Montenegro, o Instituto de Ourense acolleu unha conferencia de Ramón Otero Pedrayo. Era 1964, e Xulio Francisco Ogando presentaba a Otero Pedrayo, quen destacou a figura, pensamento e escritos de Feijoo. A gravación, que está na rede a disposición dos usuarios, forma parte do fondo inédito do Arquivo da Palabra dentro do Arquivo Sonoro de Galicia.

O Arquivo da Palabra é o fondo que garda gravacións de destacados persoeiros da nosa cultura. Conferencias, charlas, actos culturais diversos, entrevistas… compoñen este apartado que garda rexistros desde 1950. Estas gravacións foron pronunciadas na emigración, no exilio ou en Galicia; son un amplo abano de opinións, de erudicións, de estudos sobre a nosa personalidade diferenciada. Ademais de Otero Pedrayo, hai gardadas voces doutros persoeiros como Blanco-Amor, R. Dieste, Ossorio Tafall, Paz Andrade, Suárez Picallo, Vilanova, Valenzuela, García-Sabell, Cunqueiro, R. Baltar, Martínez Risco ou Rof Carballo.

O seminario no Liceo de Ourense
A influencia e a relevancia da figura e a obra de B. J. Feijoo na Ilustración están moi estudadas. Non o foi tanto o seu papel dentro da recuperación da identidade galega do século XIX. Para iso, o seminario, coordinado por Francisco Díaz-Fierros, destinará tres relatorios, que afondarán na figura do pensador na cultura galega. O primeiro deles é a do propio coordinador e está encamiñado a dar unha visión xeral do que foi a recepción de Feijoo en Galicia. “Atopar referencias e alusións de Sarmiento e Feijoo na elite cultural da época serviu para recuperar o noso prestixio” apunta Díaz-Fierros. Canda el, Xosé Ramón Barreiro Fernández ofrecerá unha nova ollada sobre a obra do mestre Feijoo, tomando como referencia o legado deixado sobre o frade por dúas intelectuais como foron Concepción Arenal e Emilia Pardo Bazán.

O profesor da Universidade de Vigo Luis Rodríguez Ennes enriquecerá esa visión de conxunto do que Feijoo significou para a cultura galega, cun relatorio encamiñado a trazar a vixencia do seu pensamento no ámbito xurídico-social.

O programa complétase con dúas conferencias máis, unha a cargo de Inmaculada Urzainqui, profesora da Universidade de Oviedo e do Instituto Universitario Feijoo de Estudos do Século XVIII, que situará o seu legado nos inicios da historiografía da cultura. Pecha este seminario Antonio Lafuente cunha conferencia titulada “Unha segunda ilustración no século XXI”.

Os galegos da ilustración
Coa recuperación da figura de B. J. Feijoo, o Consello da Cultura Galega volve prestar atención a unha etapa moi destacada da nosa historia: o século XVIII. Definido por Otero Pedrayo como o “dourado outono”, foi unha época de florecemento económico e intelectual na que destacaron as figuras de Benito Feijoo e Martín Sarmiento. Foi este último quen sentou as bases do desenvolvemento do galeguismo contemporáneo e forxou un dos máis importantes e orixinais legados da Ilustración española. O CCG prestou atención a Sarmiento nos últimos tempos cun proxecto de recuperación documental, un congreso e unha exposición.

B. J. Feijoo, o primeiro ensaísta moderno
Benito Jerónimo Feijoo (Pereiro de Aguiar, 1676Oviedo, 1764) definíase a si mesmo como "cidadán libre da república das letras". Naceu en Ourense, no seo dunha familia fidalga e aos catorce anos ingresou na Orde Beneditina do mosteiro de San Xulián de Samos. A educación relixiosa e o voto de pobreza condicionarán a súa vida posterior e os seus escritos porque someteu todos os seu xuízos á ortodoxia católica. O seu coñecemento estivo marcado por varios trazos da súa personalidade: dunha banda, a súa gran curiosidade, que o mantiña alerta das novidades europeas no campo das ciencias experimentais e humanas; e, doutra banda, o seu estilo sinxelo e comunicativo, que o converteu nun gran divulgador.

Non publicou ningunha das súas obras ata despois de 1975. Chamoulles discursos (de discorrer, é dicir, de disertar libremente). Todos eles se agrupan en oito volumes e un adicional do seu Teatro Crítico. Canda eles publicou as Cartas eruditas y curiosas, que son 166 ensaios máis breves que viron a luz entre 1742 e 1760. Complétase a súa biobliografía co tomo Adiciones, editado en 1783.

As súas ideas renovadoras e o seu modernismo no estético (ante posturas que logo defendería o Romanticismo) valéronlle numerosas e feroces críticas, sobre todo entre os frades tomistas e os escolásticos.
DESTACADOS
A Nosa Fala
Bloques e áreas lingüísticas do galego. Trátase dun audiolibro con textos de diferentes xeracións de falantes, rexistrados entre mediados dos anos 70 e mediados dos 90 do pasado século.
publicacions
Portada de  José Rubia Barcia José Rubia Barcia (2014)
José Manuel González Herrán. Edición


Portada de  Pranto matricial na voz do seu autor Pranto matricial na voz do seu autor (2012)
Valentín Paz Andrade. Autoría Ramón Villares. Presentación Afonso Vázquez-Monxardín. Estudo introdutorio


Portada de  música galega na emigración¬A música galega na emigración¬A (2009)
Rodrigo Romaní. Coordinación


Portada de  Unha voz galega no exilio Unha voz galega no exilio (2008)
Ramón Suárez Picallo. Autoría


Portada de  Galicia e Europa Galicia e Europa (2007)
Ramón Otero Pedrayo. Autoría


Ver todas
Últimas NOTICIAS
13/02/2017
O CCG lembrará a figura de Carlos Casares como intelectual comprometido coa sociedade
10/02/2017
Eduardo Pondal na voz de Francisco Fernández del Riego
08/10/2014
O Consello da Cultura Galega pon na rede unha gravación de Otero Pedrayo sobre B. J. Feijoo
09/11/2001
EL CONSELLO DA CULTURA GALEGA PONE EN RED LAS VOCES DE MANUEL RIVAS Y SUSO DE TORO, ENTRE OTROS ESCRITORES GALLEGOS
28/09/2012
A Federación de Asociacións da Prensa de Galicia entregou a gravación dun discurso de Valentín Paz-Andrade ao Consello da Cultura Galega
27/04/2012
Xornada “As coleccións sonoras de Galicia ante o presente dixital en rede”, organizada polo Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura
14/02/2012
O CCG dixitaliza a conferencia "Orixe e formación da cidade de Ourense" de Xesús Ferro Couselo
01/02/2012
Dieste, Piñeiro, Suárez Picallo e Meilán nas novas dixitalizacións da colección As Nosas Voces
19/01/2012
O Consello da Cultura Galega dixitaliza as conferencias de Ramón Otero Pedrayo en América
17/01/2012
O CCG redixitaliza conferencias e intervencións de Blanco Amor en América

Consello da Cultura Galega en Facebook Consello da Cultura en Twitter

Identidade | Perfil do contratante | Lei de Transparencia | Aviso Legal | | Pazo de Raxoi, 2º andar - 15705 Santiago de Compostela - A Coruña. Teléfono: +34 981957202 Fax: +34 981957205