PLENARIO

----

Pilar Cagiao

Electivo/a. Consello da Cultura Galega (1999 - 2003)

Profesora titular de Historia de América na Universidade de Santiago de Compostela e directora do Centro Interdisciplinario de Estudos Americanistas Gumersindo Busto da dita universidade durante dez anos.


Entre as súas liñas de investigación destacan as relativas aos movementos migratorios e ás relacións culturais entre España e América, ao redor das cales coordinou como investigadora principal diversos proxectos de investigación americanista en convocatorias competitivas nacionais e autonómicas.


Respecto dos movementos migratorios, a súa tese de doutoramento “Participación económico social de la inmigración gallega en Montevideo, 1900-1970”, lida na Universidad Complutense de Madrid (1990), mereceu o premio extraordinario. Autora de Muller e emigración (1997); Os galegos de Ultramar: de emigrados a inmigrantes (2007); Os galegos e o mundo colonial americano (en colaboración con M. L. Pazos Pazos, 2007); e Galicia e o Río da Prata (en colaboración con X. M. Núñez Seixas, 2007). Coordinou publicacións sobre a temática migratoria como Galegos en América, “americanos” en Galicia, as colectividades inmigrantes en América e a súa impronta na sociedade galega (séculos XIX e XX) (1999); O exilio galego de 1936: política, sociedade, itinerarios (2006, coedición con X. M. Núñez Seixas); e De raíz profunda: Galicia y lo gallego en Cuba (2007, coedición con Sergio Guerra); La emigración gallega a América del Sur (2013). É ademais autora de numerosos artigos en obras colectivas e revistas especializadas, sendo o último “Acerca de las mujeres gallegas en el Uruguay: voces y papeles de un siglo de inmigración”, publicado en 2017 na Revista de Demografía Histórica. Presentou relatorios en congresos nacionais e internacionais. Foi comisaria de diversas exposicións sobre a temática migratoria e na actualidade é asesora especial para Emigración na exposición Galicia, un relato no Mundo, organizada pola Xunta de Galicia.


Como profesora convidada impartiu cursos de posgrao, doutoramento e máster en temática migratoria na UDC, UHU, Universidade Portucalense de Porto, Paris VII e varias universidades latinoamericanas: PUCRS de Porto Alegre, Universidad de la República (Montevideo), UCR (San José, Costa Rica), Universidad de El Salvador, Universidad de Cuenca e PUCE (Ecuador), Universidade Salgado de Oliveira e Universidade do Estado do Río de Janeiro (Brasil). Foi directora do Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega, a cuxa comisión técnica continua pertencendo, así como secretaria de redacción da revista Estudios Migratorios. Revista Galega de Análise das Migracións. Na actualidade é vogal da xunta directiva da Asociación Española de Americanistas.


 

Histórico no Consello da Cultura Galega
Retrato