Rosario Álvarez Blanco

. ()

Catedrática na área de Filoloxías Galega e Portuguesa da Universidade de Santiago de Compostela. Foi directora do Instituto da Lingua Galega (2005-2013), entidade á que pertence desde 1974. É especialista en gramática e variación da lingua galega.

Nada en Pontevedra o 12 de xullo de 1952. Presidenta do Consello da Cultura Galega desde 2018. Licenciada en Filosofía e Letras pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), onde é catedrática na área de Filoloxías Galega e Portuguesa. Foi vicerreitora de profesorado da USC (1990-1994), directora do Departamento de Filoloxía Galega (1995-1999) e directora do Instituto da Lingua Galega (2005-2013), entidade á que pertence desde 1974.

As súas liñas de investigación seguen tres eixes: o estudo da gramática descritiva da lingua galega, cunha perspectiva sincrónica mais con atención á historia da lingua galega e á gramática contrastiva portugués-galego; o cambio lingüístico, tanto no galego actual coma no antigo e medio; e a edición e estudo de textos do galego medio e do galego da etapa previa ao Rexurdimento.

É membro do equipo do Atlas Lingüístico Galego (ALGa), coautora de dúas gramáticas do galego, con Monteagudo/Regueira (1986) e Xove (2002), e investigadora principal do equipo redactor da gramática da Real Academia Galega. É directora do Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués, no que colaboran equipos de Galicia, Portugal e Brasil, e codirectora do proxecto Gondomar. Corpus dixital de textos galegos da Idade Moderna; no CCG é, ademais, responsable do proxecto Gallaeciae Monumenta Historica. Directora da revista Estudos de Lingüística Galega.
Membro da Real Academia Galega desde o ano 2003, con funcións de coordinadora do Seminario de Gramática (desde 2003), Tesoureira (2013-2017) e directora da Sección de Lingua (desde 2013).

Histórico no Consello da Cultura Galega
Retrato