COMISIóN EXECUTIVA

----
Secretaría (2010 - 2018)

Xosé López García

Consello da Cultura Galega

Natural de Cirio, parroquia do concello lucense de Pol Ocupou o cargo de decano da Facultade de Ciencias da Comunicación desde 1997 ata 2004. Licenciado en Ciencias da Comunicación, sección de Xornalismo, pola Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidad Complutense de Madrid e doutor pola Universidade de Santiago, alternou a súa faceta como xornalista coa de docente durante moito tempo.

Foi redactor durante vinte anos en medios de comunicación galegos como A Nosa Terra (dous anos), El Ideal Gallego (dous anos) e La Voz de Galicia (dezasete anos). Neste último diario chegou a ocupar a delegación de Santiago durante oito anos. Correspondente en Galicia de Cinco Días, Actualidade Agraria e El Temps, entre outros medios, completa a súa tarefa xornalística coas colaboracións en Antena 3 Radio, Onda Galicia e Radio Voz.

Como docente, ocupou en 1984 o cargo de profesor colaborador no Instituto de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela e tamén foi profesor colaborador en cursos organizados pola Consellería de Educación (1985-1986). Profesor asociado de Periodismo na Universidade de Santiago de Compostela entre 1992 e 1996 e titular desde ese ano. Coordina o grupo de investigación “Novos Medios” e dirixe o “Observatorio de Ciberxornalismo de Galicia”, ambos os dous grupos creados para a investigación na universidade. É catedrático de Xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela.

Foi coordinador do Informe da comunicación en Galicia, membro do Plenario no Consello da Cultura Galega e coordinador da Sección de Comunicación, é autor de diversos libros: A prensa local e comarcal na Galicia do século XX (1992), Detrás da prensa popular (1995), O papel das publicacións locais na Galicia de fin de século (1990-1993), A Comunicación en Galicia (1998), A reportaxe de prensa en Galicia (1998), Comunicación e información escrita (1999) e A prensa no terceiro milenio (2000), así como outras publicacións feitas en colaboración.

Histórico no Consello da Cultura Galega
Retrato