COMISIóN EXECUTIVA

----

Rosario Álvarez Blanco

Vicepresidencia. Consello da Cultura Galega (2010)

Nada en Pontevedra o 12 de xullo de 1952. Licenciada en Filosofía e Letras pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), onde é catedrática na área de Filoloxía Galega e Portuguesa. Foi vicerreitora de profesorado da USC (1990-1994), directora do Departamento de Filoloxía Galega (1995-1999) e directora do Instituto da Lingua Galega, entidade á que pertence desde 1974.

As súas liñas de investigación seguen tres eixes: o estudo da gramática descritiva da lingua galega, cunha perspectiva sincrónica mais con atención á historia da lingua galega e á gramática contrastiva portugués-galego; o cambio lingüístico, tanto no galego actual coma no antigo e medio; e a edición e estudo de textos do galego medio e do galego da etapa previa ao Rexurdimento.

É membro do equipo do Atlas Lingüístico, coautora de dúas gramáticas do galego, con Monteagudo/Regueira (1986) e Xove (2002), e investigadora principal do equipo redactor da gramática da Real Academia Galega. Ademais, é directora do Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués, no que colaboran equipos de Galicia, Portugal e Brasil, e da revista Estudos de Lingüística Galega.
É membro da Real Academia Galega desde o ano 2003.

Rosario Álvarez Blanconas actividades do Consello da Cultura Galega