DISPOÑIBLE EN

GL
EN
ES

CONTACTAR

ACERCA DE LOIA

Historia

1916-1950. Xeración Nós: o raio transparente

A fundación das Irmandades da Fala (1916), rede de agrupacións político-culturais que sitúa no seu cerne a propaganda e emprego intensivo do idioma galego, abre un período crucial na reivindicación e no cultivo deste, pois dáse un pulo decisivo na súa dignificación e modernización. O galego comeza a exercitarse regularmente na prosa narrativa (relato e novela), na prosa non ficcional (artigo, ensaio, textos didácticos e informativos), na oratoria pública e no discurso formal. Canto aos autores, salientan figuras como V. Risco (1884-1963), R. Otero Pedrayo (1888-1976) e sobre todo A. Rodríguez Castelao (1886-1950). Canto aos axentes de difusión cultural, destacan periódicos como A Nosa Terra (1917-36), revistas como Nós (1920-23, 1925-35), e iniciativas como a colección ‘Lar’ (1924-28) e a editorial ‘Nós’ (1927-36). Tamén debe salientarse o papel do Seminario de Estudos Galegos (1923-36), tanto no plano erudito e cultural coma no do cultivo do idioma galego. Grazas ao esforzo do Partido Galeguista (fundado en 1931), e ao apoio dos grupos republicanos, elabórase un proxecto de Estatuto de autonomía de Galicia que outorga carácter cooficial ao idioma galego. O levantamento militar de 1936, a subseguinte Guerra civil (1936-39) e a ditadura do xeneral Franco afogan a sangue e ferro este movemento, que aínda terá a súa continuación no exilio americano, en particular en Bos Aires, onde en 1944 vén a lume unha obra emblemática deste período: Sempre en Galiza, de A. R. Castelao.