DISPOÑIBLE EN

GL
EN
ES

CONTACTAR

ACERCA DE LOIA

Historia

Das orixes ao renacemento (século VI a 1475)

As Cantigas de Santa María, elaboradas polo rei Afonso X, foron a obra literaria culminante escrita no galego medieval.

En Galicia, foi primeiro a pequena nobreza asentada no país pero con contactos por todo o norte da Península, e despois tamén a ínfima nobreza, máis vinculada aos reis de Castela-León, á súa corte e ás súas empresas militares (conquista de Al-Andalus), a que pulou polo cultivo literario do galego. De aí a esplendorosa escola trobadoresca galego-portuguesa. Un pouco máis tarde, a mediados do século XIII, arrinca o cultivo instrumental do galego, vinculado ás necesidades administrativas da nobreza, da incipiente burguesía urbana e dos poderosísimos conventos e mosteiros.

Sumario

O galego é un idioma neolatino. Como tal está emparentado coas demais linguas románicas, entre as cales se contan algunhas das máis faladas de Europa, coma o portugués, o castelán, o francés e o italiano. Co portugués e o castelán as relacións son moi estreitas: co primeiro, pola xénese común na Idade Media, co segundo, pola estreita convivencia durante as idades Moderna e Contemporánea. No século XIX, coincidindo co desenvolvemento da historiografía romántica que reivindicaba a preponderancia do elemento céltico na configuración de Galicia como unidade étnica, tamén se puxo en voga subliñar un suposto compoñente céltico do idioma, idea que calou fondo entre os eruditos galegos de comezos do século XX.

1. As orixes: a evolución do latín

En realidade, o galego non só é, como dixemos, un idioma neolatino de seu, senón un dos máis fieis representantes da latinidade vulgar, que se implantou no país entre os séculos I e VI da nosa era. Os falares das poboacións indíxenas galaicas, que eran de tipo céltico ou paracéltico, limitáronse a deixar pegadas, escasas, no léxico, e reliquias, máis abondosas, na toponimia do país. Achegas non latinas posteriores, coma as xermánicas e máis tarde as árabes, apenas modificaron a fisionomía románica dos falares galaicos.

A xulgar pola ausencia de testemuños, en Galicia era descoñecida a escrita antes do contacto cos conquistadores romanos. O único idioma que se escribiu en Galicia ata finais do século XII foi o latín, un latín moi distinto ao clásico e en permanente evolución. Os falares neolatinos, en Galicia coma noutras partes, experimentaron unha transformación moito máis rápida do que a lingua escrita durante eses séculos (do V ao XIII) dá a entender. Con todo, non está claro cando comezou a xente a tomar consciencia de que o idioma que falaban xa non era latín, mais o que eles denominaban romance. Convencionalmente podemos situar ese momento por volta do século XII.

2. A conciencia dun idioma diferente na Baixa Idade Media

Máis doado é determinar en qué época o romance galego comezou a percibirse como distinto a outros romances veciños: a consciencia desa diferenciación comeza a espreitar no mesmo século XII e consolídase no século XIV.

Con todo, sería un anacronismo inxenuo supor que nos tempos medievais o galego desempeñaba na definición da identidade galega un papel similar ao que representa na nosa época. Incluso sería enganoso pensar que as identidades colectivas medievais tiñan un carácter en todo punto análogo ás actuais. Na Idade Media europea non existían poderosos estados cun aparato administrativo extenso e centralizado, e cunhas fronteiras políticas definidas e estables, senón entidades políticas semi-autónomas de distintos niveis, calladas arredor de

Os falares das poboacións indíxenas galaicas, que eran de tipo céltico ou para-céltico, limitáronse a deixar pegadas, escasas, no léxico, e reliquias, máis abondosas, na toponimia do país.
dinastías nobiliarias ou rexias, solapadas de diversos xeitos, e con fronteiras descontinuas e mudables. Non había, xa que logo, cidadáns leais a un estado, que constitúe un referente imprescindible da identidade colectiva contemporánea, senón súbditos fieis a diversos señores, unidos a eles por lazos persoais de protección e acorro. O cemento máis firme da identidade colectiva dábao a relixión, que no caso dos cristiáns se encarnaba nunha poderosa institución de carácter transnacional, case máis xerarquizada e centralizada do que os propios estados feudais. A Igrexa tiña, ademais, o monopolio da educación, que, por outra parte, só alcanzaba unha porcentaxe moi exigua da poboación. Na Idade Media, practicamente os únicos que sabían ler e escribir eran os clérigos. O idioma da Igrexa, da súa administración, dos ritos relixiosos, dos seus centros educativos (por acaso, das universidades) era o latín e así continuou sendo ata tempos moi recentes.

3. A formación da tradición escrita

Existe un correlato claro entre a configuración política dos principados medievais e a das linguas que comezaban a forxarse a partir dos falares neolatinos. Fóra do latín, non existían idiomas fixados, cunha tradición escrita estable e unha modalidade de referencia, nin moi definidos uns fronte aos outros, senón falares entre os cales existían pequenas diferenzas graduais, con afinidades que se ían difuminando de vagar conforme un se arredaba no territorio. Só coa paseniña emerxencia dunha cultura non clerical, primeiro nobiliaria e máis tarde burguesa, comezou a xurdir de maneira incipiente o cultivo literario deses falares vulgares, e fóronse constituíndo tradicións escritas para os idiomas románicos. Dun xeito análogo, a procura da eficacia na comunicación resultou decisiva para

A mediados do século XIII, arrinca o cultivo instrumental do galego, vinculado ás necesidades administrativas das clases altas.
impulsar a escrita dos romances no ámbito administrativo. Cando isto se viu apoiado por unha corte real, como aconteceu en Castela-León a partir de Fernando III e sobre todo de Afonso X (século XIII), creouse unha base sólida para que se estabilizase unha tradición escrita que serviu de referencia para a fixación do correspondente romance.

4. Trobadores e xograres

En Galicia, foi primeiro a pequena nobreza asentada no país pero con contactos por todo o norte da Península, e despois tamén a ínfima nobreza, máis vinculada aos reis de Castela-León, á súa corte e ás súas empresas militares (conquista de Al-Andalus), a que pulou polo cultivo literario do galego. De aí a esplendorosa escola trobadoresca galego-portuguesa. Un pouco máis tarde, a mediados do século XIII, arrinca o cultivo instrumental do galego, vinculado ás necesidades administrativas da nobreza, da incipiente burguesía urbana e dos poderosísimos conventos e mosteiros. Pero aquí faltou unha corte real que marcase a pauta, algo que si existiu en Portugal. A comezos do século XVII notaba con agudeza o letrado e gramático portugués Duarte Nunes de Leão que as linguas de "Galliza e Portugal eraõ antigamente quasi hũa mesma". E engadía: "Da qual lingoa Gallega a Portuguesa se auentajou tanto, quãto na copia & na elegãcia della vemos. O que se causou por em Portugal hauer Reis, & corte que he a officina onde os vocabulos se forjaõ, & pulem & donde manão pera os outros homẽs, o que nunqua houue em Galliza".

5. A crecente influencia do castelán a finais da Idade Media

Na Galicia tardomedieval, dos séculos XIII ao XV, produciuse unha emerxencia vigorosa do romance galego, de abondo forte como para que se configurase un concepto de "lingua galega" distinta a outras linguas, e para que o idioma propio quedase para sempre vinculado a un estereotipo de identidade, de contido e perfil nebuloso, pero real. Non obstante, a tradición escrita e literaria en galego medieval non foi tan sólida como para resistir os embates dunha tradición rival, que se ergueu cun enorme poder absorbente xa desde o século XV e que atinxiu o seu cénit nas centurias seguintes. Referímonos, claro está, ao castelán. O romance de Castela atopou desde o século XIII un sólido apoio como lingua administrativa e literaria por parte da corte rexia e mais nas cortes nobiliarias do centro da Península, de maneira que xa na seguinte centuria se atopaba en plena expansión non só no sur da Península (nos territorios arrebatados aos musulmáns, en que o árabe imperaba como lingua falada e de cultura) senón tamén no leste (Aragón)

A metade do século XVI o galego era xa unha lingua completamente ágrafa.
e oeste (León). Durante o século XV a hexemonía do castelán afiánzase, ata o punto de que a finais do século acaba suplantando o galego como lingua instrumental e literaria, e mesmo compite nesta última condición (na produción literaria) co catalán no levante e co portugués no solpor. Baixo a presión combinada da corte real, o novo aparato de Estado implantado en Galicia desde os Reis Católicos e a dependencia cada vez máis estreita da Igrexa galega respecto de Castela, contra a metade do século XVI o galego era xa unha lingua completamente ágrafa.