Os séculos escuros. Renacemento, barroco, ilustración (séculos XVI-XVIII)

Óleo de Antonio Puga, pintor galego do século XVII.

Estes séculos, chamados escuros por contrastar negativamente coas etapas anteriores e posteriores, caracterízanse por unha ausencia case total da lingua galega nos usos formais e na escrita. A aparición da imprenta supuxo para o galego perder a oportunidade de difundirse a través dun medio de comunicación poderosísimo. A Igrexa e o Estado, preocupados por darlle forma a unha nación emerxente, escolleron o castelán como lingua habitual de documentos, procesos e oficios. Con todo, teremos que destacar neste período a sensibilidade dun personaxe excepcional: Martín Sarmiento.
Sumario
  1. A aparición da imprenta
  2. Galegos bilingües e trilingües
  3. A influencia da Igrexa
  4. A ilustración e Martín Sarmiento
  5. Os Borbóns e a centralización do Estado

1. A aparición da imprenta

Coutado o seu pulo como lingua escrita xusto ás portas do século do renacemento, o galego non só se viu privado de experimentar a vivificación que as novas correntes históricas insuflaron ao castelán e ao portugués, senón que perdeu a oportunidade de difundirse a través dun medio de comunicación poderosísimo, a imprenta, do que si se aproveitou o idioma do Estado. A copia impresa, comparado coa lenta, limitadísima e custosa reprodución dos escritos a través do traslado a man, non só supuxo unha revolución no que atinxe á capacidade de difusión das linguas ascendentes da Europa seiscentista, que a partir daquela rivalizaban abertamente co latín, senón que impuxo unha inédita disciplina ortográfica e lingüística a idiomas ata entón carentes non só de codificación, senón mesmo dunha mínima fixación.

2. Galegos bilingües e trilingües

Todos os galegos aprendían a súa lingua na familia e usábana como idioma falado entre eles, pero os poucos que adquirían primeiras letras facíano en castelán e os pouquísimos que seguían carreira letrada cursábana en latín. A Igrexa continuaba adherida ao idioma do Lacio, cando menos como lingua da súa administración, dos ritos e da alta cultura, pero introduciu o romance (castelán) na catequese e nas oracións máis populares, que os fieis debían aprender de cor, e a través das cales se familiarizaban coa lectura. Canto á predicación, seguramente se facía en romance galego desde moi atrás, pero nalgún momento que non podemos precisar (quizais a mediados do século XVI) comeza a facerse en castelán, polo menos nos principais templos urbanos. Por parte, as xerarquías máis elevadas da Igrexa e do Estado estaban copadas por foráneos, que traían canda eles o idioma do centro.

Xa que logo, os galegos máis cultos eran de necesidade, como mínimo, trilingües, é dicir, capaces de manexar tres idiomas (galego, castelán e latín), e de escribir dous deles (os dous últimos). Os que tiñan certa posición social debían ser bilingües (galego/castelán), aínda que só lerían e escribirían en castelán, e o conxunto da poboación permanecía monolingüe en galego e analfabeta. Existía unha apreciable minoría de orixe castelá monolingüe, ou bilingüe nesa lingua e en latín; e tamén había outras minorías doutras linguas, de menos peso pero dignas de mención, sobre todo francófonas.

3. A influencia da Igrexa

No século XVI prodúcese outra novidade que terá consecuencias de toda orde: a Reforma relixiosa e a subsecuente Contrarreforma. Galicia, coma o resto de España, permaneceu fiel á ortodoxia católica e romana, o cal tivo un efecto sociolingüístico neto. Roma impulsou unha política lingüística oposta á vulgarización dos textos e dos ritos que preconizaban os protestantes e isto pexou en certa medida a expansión das linguas “de Estado” ascendentes coma o castelán. Por acaso, a primeira tradución completa da Biblia a este idioma que circulou legalmente en España imprentouse contra os finais do século XVIII.

O devandito facilitou por vía indirecta o mantemento dos idiomas vernáculos (isto é, só falados) coma o galego. Mentres que en dominios lingüísticos en que se impuxo a Reforma, coma o alemán, a variedade adoptada nos textos sacros, nos ritos e na predicación varreu co seu prestixio outras variedades cultas con diferentes bases dialectais, noutras áreas en que se mantivo a hexemonía católica, coma Italia, os falares locais retiveron toda a súa vitalidade fronte ao idioma “común”. En definitiva, o galego resistiu como lingua falada polo conxunto do pobo, pero seguiu perdendo oportunidades históricas para actualizarse e arrequentarse: Renacemento e Humanismo, nos séculos XV e XVI, Ilustración e Racionalismo, no século XVIII.

4. A Ilustración e Martín Sarmiento

Tocante ao último período citado, constitúe un lugar común atribuír ás Luces setecentistas puntos de vista abstractos e universalistas, incompatibles coa preocupación polas realidades locais. Isto constitúe unha deformación caricaturesca. No que atinxe ás linguas, en boa parte da Europa ilustrada abrolla o interese polas falas non cultivadas e póñense os alicerces para a futura dialectoloxía. Neste caso, Galicia non só non é unha excepción, senón que constitúe un exemplo punteiro, sobre todo grazas á obra de Martín Sarmiento. O frade sabio comezou a preguntarse polo seu idioma infantil, ao principio impelido por motivacións eruditas, pero os seus estudos sobre o galego, as reflexións lingüísticas que desenvolveu e as propostas que tivo a ousadía de bosquexar (aínda que non de publicar en vida) significaron unha primeira chamada de atención e sentaron as bases para o xurdimento dunha nova consciencia lingüística, que só comezaría a espreitar case un século despois da súa morte.

Non por casualidade, a nova visión do idioma galego que acorda con Martín Sarmiento coincide cos primeiros pasos dun proceso que só se encarreiraría con decisión no século XIX.

5. Os Borbóns e a centralización do Estado

En efecto, a nova dinastía dos Borbóns que sucedeu os Austrias a comezos do século XVIII puxo en marcha un proceso de centralización do Estado que procuraba reforzar a autoridade real tanto fronte aos poderes locais tradicionais como fronte á Igrexa. Xa na segunda metade da centuria, Carlos III expulsa os xesuítas e promove a reforma da educación, a través da cal pretende reforzar o papel do castelán tanto respecto dos distintos idiomas de España coma do latín. A pesar do desafío, esta lingua conserva na práctica o monopolio da universidade, ademais do culto e a alta cultura eclesiástica.