A idade contemporánea. Da lingua da monarquía ao idioma nacional
![]() |
|
Galicia foi o primeiro escenario das revoltas antinapoleónicas. |
As tendencias homoxeneizadores do Imperio Español non tiveron, no fondo, tanto éxito coma as políticas impulsadas polo Estado Moderno. Neste período consolídanse os cimentos do Estado-nación que leva parello o desenvolvemento dunha cultura oficial, e como consecuencia, unha lingua única. O prestixio do castelán traspasa os límites do funcionariado para irse convertendo pouco a pouco, na lingua das clases acomodadas, da cultura e do ensino.
Sumario
Aínda que non faltaron pretensións de unificar lingüisticamente as Españas, antes do século XIX estas pasaron en xeral por extravagantes ou quiméricas. O Estado dos Austrias nos séculos XVI e XVII e o dos Borbóns no século XVIII era un enorme imperio, non só posuidor de vastísimas posesións coloniais en América e no Pacífico, senón tamén detentador de heteroxéneos e dispersos dominios en Europa (en Italia, nos Países Baixos, etc.). Na mesma Península, onde residía a cabeza do tal imperio, existía tal diversidade de institucións tradicionais nos varios territorios que freaba calquera ímpeto uniformador.
O devandito mudou dun xeito gradual pero rotundo nos tempos contemporáneos. Mesmo sen renunciar ás ambicións imperialistas, os estados fixéronse nacionais, procuraron crear un espazo económico unificado e regulado, eliminar fronteiras interiores comunicando con fluidez as diversas rexións mediante vías e medios rápidos e trazar unhas fronteiras exteriores ben definidas, protexelas cun exército permanente nutrido de tropas autóctonas, dotarse de poderosos aparatos administrativo-burocráticos, liberarse da tutela eclesiástica e, en fin, erguer sistemas educativos que situasen baixo o seu control sectores cada vez máis amplos da poboación. As fontes da lexitimación política tamén mudaron de forma drástica, e con elas os referentes identitarios: xa non a fe en Deus, a obediencia cega ao rei e o apego rutineiro aos costumes ancestrais, senón a lealdade á nación, a fidelidade ao Estado e a observancia da constitución e as leis. Nas condicións contemporáneas, o proxecto da homoxeneización lingüístico-cultural das poboacións que viven baixo a bandeira dun mesmo Estado centralizado xa non só non é un soño imposible, senón que constitúe unha posibilidade real, e incluso, en moitos lugares chegouse a sentir como unha necesidade perentoria.
En esquema, a cadea de ideas que subxace ao nacionalismo de raíz “liberal” (empregado este termo lato sensu) contemporáneo vai do Estado á nación e da nación á lingua. Onde existe un Estado, hase de forzar unha nación, e esta nación terá unha cultura propia e exclusiva, expresada nunha única lingua. É obvio que isto non adoita expresarse nos termos que acabamos de utilizar. Máis ben acostuma a sosterse que a cultura nacional (ás veces fálase de espírito nacional) é previo á nación, e que esta pola súa vez precede ao Estado, e incluso que a nación provén de tempos inmemoriais, e que aquel só vén materializar un destino histórico predeterminado. Tamén é verdade que un proxecto tal non naceu de súpeto e de corpo enteiro, senón que se foi fraguando co paso do tempo, con moitas variantes, e ao fío dos acontecementos.
Prodúcese a promoción dos idiomas de Estado a linguas plenamente cultas, co arrecunchamento do latín, expulsado das universidades e convertido cada vez máis nunha reliquia reservada aos seminarios e aos ritos eclesiásticos (onde perdurou ata o Concilio Vaticano II, coma quen di antonte). Do mesmo xeito que ninguén podía maxinar lingua máis axeitada ca o latín para aprender Teoloxía, Filosofía ou os Dereitos (ou mesmo Farmacia ou Xeometría), que eran os saberes principais que transmitían as universidades ata o século XIX, tampouco había maneira de explicar en latín os saberes emerxentes, como a Economía Política, as Enxeñarías, ou as novas Física e Química non aristotélicas, que se estaban facendo un oco nas universidades. Considerábase evidente que co “latín indixesto da aula” non se podían formar “bos cidadáns”, senón que estes tiñan que educarse na “majestuosa lengua castellana".
Contra a metade do século, a batalla da universidade estaba gañada polo castelán e por esas datas créanse tamén os institutos de ensino medio, mentres que se argallan os primeiros programas serios (mesmo lexislativos) para escolarizar, polo menos durante tres anos, o conxunto da poboación infantil, un proxecto que chocou tanto coa falta de medios por parte das administracións públicas (non só financeiros, senón tamén humanos: non había mestres preparados), como coa arraigada práctica do traballo infantil. Os fillos de labregos e mariñeiros tiñan que colaborar coas angueiras dos seus proxenitores e os dos obreiros urbanos traballaban igual de duro (ou máis) ca os seus pais. Os brazos non podían folgar a diario nas escolas. Para que lles servía aprender a ler e escribir?