O espertar das minorías. De idioma popular a lingua nacional
![]() |
|
Gravado dunha romería popular do século XIX. |
O século XIX foi un período convulso en toda Europa. Un dos fenómenos que tivo un auxe importante foi o dos nacionalismos que en moitos casos levaron parella unha reivindicación dos patrimonios culturais e lingüísticos dos pobos. En Galicia, o fenómeno do Rexurdimento supuxo que un número importante de escritores e intelectuais abandeirasen a recuperación do galego para o seu uso na literatura e noutros espazos públicos de prestixio. Rosalía de Castro é a súa figura máis celebrada.
Sumario
As reaccións por parte das comunidades étnicas “periféricas” fronte ás políticas de “nacionalización” dos estados non se fixeron agardar. De aí naceron os nacionalismos irredentistas que inzaron a Europa decimonónica, sobre todo no marco de anacrónicos imperios multiétnicos como o austríaco. A cadea argumental é, en moitos destes casos, xusto inversa á anterior: o pobo que posúe unha lingua e, en consecuencia unha cultura propia, constitúe polo mesmo unha nación e como tal ten dereito a dotarse dun Estado de seu. Pero téñanse outra vez en conta as advertencias que antes fixemos contra as lecturas esquemáticas, mecánicas e literais da secuencia Estado > Nación > Lingua/Cultura, neste caso para a secuencia contraria Lingua/Cultura > Nación > Estado. A cadea de razoamentos non foi tan sinxela, nin se produciu de golpe e de xeito idéntico en todas as partes, senón que as conexións e os correspondentes proxectos se foron establecendo de xeito sinuoso, progresivo, descontinuo ou interrupto, con diversos matices e variacións dependentes dos contextos.
Para os nacionalistas étnicos, a reivindicación da lingua propia resulta atractiva por diversas razóns. En primeiro lugar, porque é moi visible e identifica de xeito inequívoco. En segundo lugar, porque é un ben cultural partillado por todo o pobo. En terceiro lugar, porque, grazas á súa capacidade para adaptarse, constitúe un elemento que une ao pasado pero non ata a el e así permite facer compatible a tradición e a modernidade. Pola mesma capacidade de adaptación, o idioma propio facilita o acceso á cultura internacional contemporánea sen mingua da propia especificidade.
Nos pasos iniciais do proceso de reivindicación de linguas e comunidades sometidas, atópase moitas veces un uso puramente instrumental do idioma vernáculo, a indagación sobre o folclore (non esquezamos que a palabra, e a disciplina correspondente, Etnografía, son flores do século XIX) e as pescudas eruditas e anticuarias. Sempre, por baixo, o gusto romántico polo pintoresco, o popular e o medieval, continuado na afección realista pola descrición de costumes. En Galicia, os primeiros impresos en galego aparecen á calor das loitas, primeiro bélicas (contra Napoleón) e despois ideolóxicas e políticas (dos liberais contra os tradicionalistas), que movimentaron as tres primeiras décadas do século XIX.
Só contra a metade do século, e en boa parte baixo o estímulo da obra e as ideas de Martín Sarmiento, con resaibos do didactismo e mesmo da estética do neoclasicismo, se produce un emprego do idioma con miras cultas. Pero esta vía (a que tentou Xoán Manuel Pintos) axiña quedou varada. Rosalía de Castro, cun texto de clara filiación folclorizante, Cantares gallegos (1863), consegue un pouco máis de éxito, aínda que ata a década 1880-90 non calla un movemento claro de reivindicación da lingua e de promoción do seu uso literario (en realidade, basicamente poético). Nesta década, coma nas seguintes, conflúen os esforzos dos folcloristas, dos anticuarios, dos historiadores, dos lingüistas amadores, dos divulgadores e dos escritores.