A importancia da emigración
![]() |
|
Miles de emigrantes galegos emprenderon a viaxe a América moitas veces en condicións penosas. |
A emigración foi un fenómeno característico dos séculos XIX e XX que tivo un impacto destacado na poboación galega. Os fluxos migratorios cara ás poboacións urbanas da industrialización non fomentaron que os labregos galegos poboasen as cidades de Galicia, senón que tivo como consecuencia unha partida masiva a América. A emigración tivo tamén consecuencias negativas para o galego, pero cómpre destacar que as comunidades de emigrantes tiveron un papel central no incipiente proceso de recuperación do galego para os usos públicos e cultos.
Sumario
A énfase na relación entre os procesos de modernización e nacionalización, e nos seus efectos sobre a ecoloxía da diversidade lingüística, induce ao esquecemento desafortunado doutros factores. E esta reflexión convida tamén a considerar as insuficiencias, as irregularidades e as dilacións da modernización en España e en Galicia. En todas partes, a modernización implicou a mobilización de masas inxentes de persoas, o que en xeral levou á concentración en cidades fabrís de moreas de campesiños previamente dispersos no hábitat rural.
Isto tivo dous tipos de efectos sociolingüísticos contraditorios, aínda que de importancia desigual, cun saldo negativo para o galego. De principio, a emigración resultou daniña en dous sentidos. Por unha banda, afectou en exclusiva á comunidade galego-falante, deteriorando a súa base demográfica e o hábitat en que o idioma estaba plenamente asentado (no que, de feito, se vira reservado). Por outra, constituíu un acicate para o proceso de asimilación lingüística en marcha, xa que a emigración a países castelán-falantes se presentaba como única expectativa real de cambio social para as masas rurais galegófonas, e isto estimulou a aceptación da escolarización en castelán.
Mais a emigración tamén tivo efectos positivos para o galego, sobre todo na consciencia lingüística. Se numerosos emigrantes marcharon para a América sendo campesiños e volveron de alí sendo españois, moitos outros tomaron consciencia da súa singularidade como galegos, particularmente da súa identidade lingüístico-cultural. O labor de promoción do idioma das colectividades galegas emigradas foi meritísimo, sobre todo nos momentos culminantes do fenómeno, isto é, os finais do século XIX e comezos do XX, e mais resultou providencial na inmediata posguerra, cando a Dictadura franquista silenciou a produción pública do idioma en Galicia.