Do Rexurdimento á Xeración Nós. Lingua, literatura, identidade (1863-1936)

A aprobación do primeiro estatuto galego supuxo o recoñecemento oficial do galego. Cartel conmemorativo de Seoane.

O papel da literatura, como ocorre na maioría das iniciativas de promoción dunha cultura e dunha lingua, é dunha relevancia máxima. A literatura galega do século XIX ten os seus máximos expoñentes nas figuras do Rexurdimento, onde figuras como Rosalía de Castro conseguen darlle unha dimensión universal ás nosas letras. As tendencias costumistas e folclorizantes deste movemento evolucionan durante o final do século cara a unha necesidade de converter o galego na lingua de todas as expresións artísticas e culturais. A Xeración Nós, que se marca como obxectivo a modernización do idioma, erixirase no núcleo central da defensa do galego nos primeiros anos do século XX.
Sumario
  1. A literatura e o renacer do galego
  2. Os primeiros galegos ilustres
  3. Cara a unha literatura “moderna”
  4. A Xeración Nós

1. A literatura e o renacer do galego

Os promotores do idioma galego, como os precursores da maior parte dos movementos de afirmación nacional do século XIX, cifraban no cultivo literario a clave do “rexurdimento” da lingua e da identidade de Galicia. Isto é doado de explicar. No aspecto lingüístico, as creacións literarias ofrecen modelos idiomáticos e textuais cultos, exemplos de expresión requintada, complexa e innovadora; representan, polo mesmo, achegas vitais para a necesaria adaptación dun idioma ao Zeitgeist, a mentalidade, de cada tempo histórico. No que atinxe á consciencia lingüística, a literatura contribúe ao prestixio do idioma pola elevada estimación cultural que suscita. Tocante ao papel das “belas artes” na produción dunha identidade colectiva, hai que lembrar que as obras literarias que adquiren celebridade e difusión contribúen a crear un imaxinario colectivo partillado e a fomentar solidariedades sentimentais entre os lectores. Os escritores conforman un Parnaso que concita a admiración (e ás veces mesmo a devoción) das persoas cultas, e como tales constitúen vultos sobranceiros do panteón nacional de celebridades, elemento primordial para fomentar o sentimento de pertenza a unha colectividade. Que inglés medianamente culto non se enorgullece da obra de Shakespeare?

2. Os primeiros galegos ilustres

A literatura galega do Rexurdimento produciu textos e creou iconas de enorme popularidade e perdurable memoración. Libros como Cantares gallegos, Aires da miña terra ou O catecismo do labrego foron celebradísimos e textos contidos neles foron aprendidos de cor por moitos galegos de todas as clases sociais. Figuras como Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez ou Valentín Lamas Carvajal ingresaron no panteón de galegos ilustres mesmo antes de que existise tal lugar físico, ou mesmo que estivese definido como lugar imaxinario.

3. Cara a unha literatura “moderna”

Desde a metade do século XIX, sobre todo desde a prodixiosa década de 1880-90, o idioma galego exercítase no cultivo poético e inicia incursións noutros xéneros, dramáticos e narrativos, aínda que limitándose á temática histórica ou de costumes. Por volta de 1915 esténdese a sensación de que un cultivo tan limitado do idioma non será abondo para arrincalo da subalternidade e debruzalo nunha modernidade que, precaria e todo, comeza a abrochar con firmeza en Galicia. O galego tiña que urbanizarse, tiña que deixarse oír na esfera pública cada vez máis ancha da sociedade burguesa e urbana, tiña que constituírse nun idioma moderno, isto é, nacional. Urxía utilizalo en conferencias, solemnidades cívicas e eruditas, en mitins; e mais en xornais, revistas e folletos. A literatura seguía sendo fundamental, pero xa non interesaba tanto a poesía como probar o idioma na expresión dos conflitos do home e nos labirintos do pensamento contemporáneo a través da narrativa e o ensaio. Os saberes humanísticos (a Historia, a Filoloxía, a Etnografía) convértense agora en saberes “nacionais”, en instrumentos para construír Galicia como nación.

4. A Xeración Nós

A Xeración Nós deixou figuras, textos e imaxes que perduran na memoria colectiva: Castelao, Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco, Cousas, Retrincos, Sempre en Galiza, Os camiños da vida, Arredor de si, Ensaio histórico sobre a cultura galega, Teoría do nacionalismo galego, O porco de pé... Os temas do ensaísmo galego de anteguerra están vinculados á concepción de Galicia como nación dos atlantes da Xeración Nós: a historia, a paisaxe, a lingua, o carácter galego (lirismo, humor, saudade). Estes serán os tópicos que retome, cando as circunstancias históricas o permitan (primeiros anos da década de 1950), a xeración-ponte que pon en marcha o proxecto Galaxia, o emprendemento que permitiu que non se tronzase a fráxil liña de continuidade dunha cultura autocentrada e expresada no idioma do país. Danse alí a man os sobreviventes da desfeita de 1936, algúns mozos galeguistas e outros escritores noveis, cos novos valores intelectuais e literarios que comezan a agromar nas décadas de 1950 e 1960.