O galego hoxe

Susana Seivane pertence a unha nova xeración de artistas que emprega a lingua galega nos medios de masas. Foto: María X.

Dende a morte de Franco, a situación do galego, sobre todo no que fai referencia ao seu status legal e á súa promoción, mellorou notablemente. Desenvolveuse un corpo lexislativo que parte da Constitución e do Estatuto de autonomía de Galicia, posibilitando que o galego hoxe sexa lingua cooficial en Galicia xunto co castelán, que haxa un ensino obrigatorio desenvolto en parte en galego ou que haxa unha televisión e unha radio que emiten integramente en galego. Con todo, todas estas melloras non impediron que o galego seguise perdendo falantes.
SUMARIO
  1. O marco legal
  2. O sistema educativo
  3. Os medios de comunicación e as industrias culturais

1. O marco legal

Coa chegada da democracia prodúcese un recoñecemento oficial do galego. A Constitución española de 1978 abre a porta para o recoñecemento das outras linguas españolas. No Estatuto de autonomía de Galicia de 1981 (art. 5) declárase o galego lingua cooficial e “propia” de Galicia e resérvase para as institucións autónomas (Xunta e Parlamento) as competencias plenas no proceso de normalización do idioma galego. Así, establecése que os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento.

Ademais dos devanditos, o texto legal máis relevante en materia de idioma é a Lei de normalización lingüística (1983) do Parlamento de Galicia. Segundo esta Lei, ninguén poderá ser discriminado por razón de lingua, establecendo que o galego é a lingua oficial das institucións autónomas, da súa Administración, da Administración local e das entidades públicas dependentes da Comunidade Autónoma. Por parte, os poderes públicos vense obrigados a promover o uso normal da lingua galega nas súas relacións cos cidadáns e en concreto a Xunta a adoptar as medidas necesarias para asegurar a progresiva normalización do uso do galego no seu ámbito de actuación, incluídas as corporacións locais.

En conxunto, trátase dunha lei bastante ambiciosa para as circunstancias en que foi aprobada, que posibilitou avances incuestionables, e que abría posibilidades que non foron esgotadas. O tempo revelou que os atrancos para o avance do uso do galego non proviñan desta, senón da persistencia de arraigadas e paralizantes inercias en sectores importantes da sociedade galega que os poderes públicos non sempre souberon vencer. Desde a recente oficialización do galego ata os nosos días, a situación evoluíu de xeito en xeral lento e desigual.

En teoría, no acceso á función pública e na promoción dentro da carreira, o coñecemento do galego debería, como mínimo, contar como mérito, e, nalgúns casos, ser requisito indispensable, pese a isto, a día de hoxe, a Administración non está plenamente galeguizada. Na Administración de xustiza e na Administración periférica do Estado producíronse escasos avances. A Administración autónoma presenta un balance máis satisfactorio. O Parlamento de Galicia probablemente sexa a institución do seu rango máis galeguizada do país, pero a súa relevancia administrativa é escasa. Nos concellos producíronse os avances probablemente máis importantes, xogando un papel de relevo os servizos de normalización lingüística (tamén denominados departamentos de lingua galega), que proliferaron dun xeito bastante irregular a partir de 1990. Organismos públicos como os de saúde, e empresas e fundacións públicas ou semipúblicas ofrecen un panorama en xeral insatisfactorio.

2. O sistema educativo

En Galicia, os nenos teñen dereito a recibir o primeiro ensino na súa lingua materna e obrígase ás autoridades educativas a arbitrar "as medidas encamiñadas a promover o uso progresivo do galego no ensino”, establecéndose como obxectivo mínimo que “ao remate dos ciclos en que o ensino do galego é obrigatorio os alumnos coñezan este, nos seus niveis oral e escrito, en igualdade co castelán”.

Desde os comezos da década dos oitenta emprendeuse un labor intensivo de reciclaxe lingüístico en galego de profesores dos niveis primario e medio, por medio de cursos de lingua e literatura galegas, aos que ao longo da década asistiron unha boa parte dos profesores en exercicio. Desde os comezos da década dos noventa adóptanse previsións para a creación de equipos de normalización lingüística e a elaboración de plans de normalización nos centros de ensino, e establécense liñas de axuda para a promoción de actividades de fomento do galego.

En xeral, pode dicirse que a día de hoxe se logrou delimitar e centrar as diferentes iniciativas arredor dos que se consideran os dous obxectivos principais deste ámbito: converter o galego en lingua vehicular do sistema educativo e lograr que o alumnado obteña unha competencia lingüística plena nas dúas linguas oficiais (galego e castelán) ao remate do ensino obrigatorio. Con todo, e malia os incuestionables logros -desiguais dependendo do nivel educativo-, queda aínda moito camiño por percorrer para que estes obxectivos se acaden realmente.

3. Os medios de comunicación e as industrias culturais

No ano 2003 bota a andar Galicia Hoxe, que foi durante case unha década (ata o seu peche en 2011) o único xornal diario de ámbito galego impreso integramente en lingua galega. Na actualidade a situación non mudou en termos cuantitativos, pois contamos cun único diario escrito integramente en galego, Nós Diario. Nos demais, o idioma non está totalmente ausente, aínda que si arrecunchado na información cultural e nas columnas de colaboradores. Na prensa non diaria, o semanario de información xeral de referencia foi durante décadas A Nosa Terra, que se publicou regularmente en papel ata o seu peche en 2011 (retomando en 2018 a súa edición en formato electrónico). Así mesmo, cómpre salientar as revistas mensuais Tempos Novos, editada en papel desde 1997; e Luzes, que comezou a súa andaina en 2013. Cunha difusión máis restrinxida, hai que sinalar os trimestrais Grial (de grande tradición), Encrucillada, A Trabe de Ouro e Agália. Por parte, comezan a abrirse paso publicacións especializadas, de variada periodicidade. No que respecta aos medios dixitais, neste período os xornais de referencia en galego foron Vieiros (ata o seu peche en 2010) e Sermos Galiza, que en 2020 dou paso a Nós Diario (tamén con edición dixital). Outras cabeceiras dixitais de información xeral, activas na actualidade, que merecen ser mencionadas son Galicia Confidencial e Praza Pública. No que respecta á información local ou especializada, o panorama é aínda máis vizoso.

No que atinxe á televisión, en 1985 creouse a Compañía de Radio-Televisión de Galicia, de titularidade autonómica, e a partir de aí comezou a emitir a televisión galega, basicamente en galego, cunha notable audiencia e algúns éxitos salientables. Canto ás emisoras de radio, é sen dúbida a Radio Galega, de titularidade pública, a que amosa un maior compromiso co uso e promoción do idioma galego.

A edición de libros en galego incrementouse de forma moi notable no período que vimos describindo, pasando de 187 títulos editados en galego en 1980 a 1.144 no 2018. Con todo, hai que sinalar algúns problemas, como a abrumadora presenza da edición institucional, a excesiva atomización das empresas editoras galegas e a perigosa dependencia do mercado escolar.

Canto á produción musical, destaca a renovada voga da música “de raíces”, o que no noso caso quere dicir de inspiración (máis ou menos vaga) popular-tradicional, ou ben sinxelamente “celta”; e a apropiación desde a experiencia galega da música popular internacional contemporánea, isto é, o pop-rock. Nos últimos anos percíbese unha especial fertilidade neste ámbito, onde o galego se emprega xa sen complexos tamén noutros xéneros coma o hip hop, o indie, o trap ou a música electrónica.