DISPOÑIBLE EN

GL
EN
ES

CONTACTAR

ACERCA DE LOIA


Galego e portugués na Península Ibérica

O galego e o portugués teñen unha orixe histórica común, e desde o período primitivo ata os finais do século XIV permaneceron practicamente indiferenciados. Foi a evolución histórica diverxente de Galicia e Portugal (sobre todo as traxectorias políticas separadas dos dous países) a que determinou a formación dos dous idiomas, semellantes pero claramente distinguibles. Isto explica que a fronteira lingüística galego-portuguesa coincida case totalmente coa política. En todo caso, os dialectos do norte de Portugal, especialmente ao norte do río Douro, conservan varios trazos comúns co galego que os caracterizan fronte ao portugués culto, que ten o seu centro na capital, Lisboa. Por exemplo: a pronuncia indistinta de <b> e <v>, o mantemento do ditongo /ou/ (que o portugués culto reduciu a /o/), e a pronuncia africada do <ch> (que o portugués culto igualou a <x>).