Cousas, de Daniel A. Rodríguez Castelao

CHEGÓU DAS AMÉRICAS UN HOME RICO e trouxo consigo un negriño cubano, coma quen trai unha mona, un papagaio, un fonógrafo...
    O negriño foi medrando na aldea, onde deprendendeu a falar con enxebreza, a puntear muiñeiras, a botar aturuxos abrouxadores.
   Un día morreu o home rico e Panchito trocóu de amo para ganalo pan. Co tempo fíxose mozo comprido, sen máis chatas que a súa coor... Aínda que era negro como o pote, tiña gracia dabondo para facerse querer todos.
Endomingado, con un caravel enriba da orella e unha ponla de malva na chaqueta, parescía talmente un mozo das festas.
   Unha noite de estrelas xurdeu no seu maxín a idea de saír polo mundo á cata de riquezas. Tamén Panchito sinteu, como tódolos mozos da aldea, os anceios de emigrar. E unha mañán de moita tristura gabeóu polas escaleiras dun trasatlántico.
   Panchito ía camiño da Habana e os seus ollos mollados e brilantes esculcaban no mar as terras deixadas pola popa.
    Nunha rúa da Habana o negro Panchito tropezóu cun home da súa aldea e confesoulle saloucando:
    -Aí, eu non me afago nesta terra de tanto sol; eu non me afago con esta xente. ¡Eu morro!
   Panchito retornóu á aldea. Chegóu probe i endeble; pero trouxo moita fartura no corazón. Tamén trouxo un sombreiro de palla e máis un traxe branco...

Este texto de Castelao aparece no seu libro Cousas, de 1926. Castelao foi un home que combinou o cultivo da literatura coa actividade política e con outras facetas artísticas e intelectuais. Foi, por exemplo, un gran debuxante. O que escribiu é unha mostra do interese que tivo a Xeración Nós porque o cultivo da literatura servise para que o galego transcendese o ámbito privado e familiar. Os membros desta xeración son os forxadores da prosa galega moderna.


Para saber máis