DISPOÑIBLE EN

GL
EN
ES

CONTACTAR

ACERCA DE LOIA

Historia

Ruta de palabras

«Simples contrariedades», por Carlos Casares

Creo que xa teño falado aquí noutra ocasión da debilidade que sinto polas cousas pequenas. Prefiro unha igrexa minúscula, a poder ser unha desas humildes capelas prerrománicas que abundan na provincia de Ourense e que teñen a sinxeleza emocionante das palleiras, antes que calquera das nosas grandes catedrais. Igual me sucede co fútbol. Xogue quen xogue, sempre me poño de lado dos equipos menos poderosos, o cal me converte nun afeccionado condenado a non celebrar practicamente ningunha vitoria.

É unha debilidade de tipo estético antes que un resabio ideolóxico. Se non me gustan os imperios e amo os países pequenos, non é por razóns políticas, que tanto me ten unha cousa como outra, senón porque aqueles os encontro algo desmañados, coa torpeza desmesurada dos elefantes, por exemplo, non coa graza lizgaira dos ratos.

Excuso dicir que esta non é a estética do noso tempo, onde se leva máis o grande que o pequeno: inmensas fortunas, palabras enormes, portes solemnes... Mesmo acabo de ler que na literatura, ese reino do inútil e do innecesario, só teñen entrada os dolores transcendentes, non as pequenas desgrazas. É certo. Non resulta fácil imaxinar unha traxedia construída a base de simples contrariedades. Non obstante, todos sabemos que importante pode ser nun momento carecer dun cigarro, quedar sen gasolina ou non atopar as chaves.


De finais da Idade Media á actualidade, pasamos de que o galego desaparecera da escrita a que se publiquen centos de novos títulos todos os anos ou que os xornais incluísen noticias e colaboracións nas súas páxinas. Carlos Casares foi un dos escritores máis representativos da literatura galega das últimas décadas do século XX e un articulista moi popular. Os seus artigos de "Á marxe", publicados en La Voz de Galicia, conseguiron que miles de lectores leran o seu artigo en galego todos os días.


Para saber máis