O GALEGO HOXE

Lingua inicial

A lingua inicial é aquela en que as persoas aprenden a falar. En Galicia, case a metade da poboación fíxoo en galego e menos dun terzo en castelán. Con todo, xorden diferenzas importantes relacionadas coa idade e co lugar de residencia, cun maior número de galegofalantes entre os que teñen máis anos e os que viven en zonas rurais. Ademais, nos últimos anos obsérvase un descenso da cantidade de persoas que aprenderon a falar en galego e un aumento das que o fixeron só en castelán.

Menos da metade da poboación aprendeu a falar en galego, case un terzo fíxoo en castelán e a porcentaxe da poboación que aprendeu a falar nas dúas linguas supón case unha cuarta parte.

Conforme descende a idade, son menos as persoas que teñen o galego como lingua inicial e máis as que aprenden a falar en castelán.

Nos últimos quince anos, aumentou o número de bilingües iniciais.

1. O galego, lingua inicial da poboación galega

A lingua inicial da poboación galega é maioritariamente o galego, segundo datos do Instituto Galego de Estatística de 2018. Como se pode observar na seguinte gráfica, un 42,2% aprendeu a falar neste idioma e un 23,7% tanto en galego como en castelán.

Segundo os datos extraídos, o lugar de residencia inflúe na aprendizaxe do galego como lingua inicial, xa que a maior concentración de falantes nativos de galego se dá fundamentalmente nas provincias do interior, especialmente na de Lugo (máis do 50%), seguida a certa distancia pola de Ourense.

O seguinte mapa reflicte a porcentaxe de persoas segundo a lingua que lles falaban os seus proxenitores na infancia: sempre en galego ou máis en galego que en castelán. Destaca singularmente a zona da Costa da Morte, cun 95% de persoas cuxa lingua inicial foi sempre ou case sempre o galego, a porcentaxe máis elevada de Galicia, ao contrario da de Vigo, cun 37,2%. No caso das áreas metropolitanas, Santiago de Compostela, cun 65%, mostra o índice máis alto de falantes iniciais de galego.

2. A lingua na que aprende a falar a poboación galega segundo a súa idade

Ao comparar os datos da lingua inicial na que aprende a falar a poboación galega segundo a idade atópanse certas diferenzas interxeracionais.

Na gráfica anterior obsérvase con claridade que canto maior é a idade da poboación, a porcentaxe de persoas que aprenderon a falar en galego é superior. De igual modo, constátase que, conforme descende a idade, tamén descende o número de persoas que teñen o galego como lingua inicial, mentres que aumenta tanto o das que teñen o castelán como o de bilingües iniciais. A raíz destes datos, pódese concluír que cada vez son menos as persoas que aprenden a falar en galego, mentres que aumentan as que o fan en castelán e nas dúas linguas simultaneamente.

3. Rural, cidade e lingua inicial

En relación co analizado na distribución por provincias, así como no mapa de Galicia, obsérvase que nas poboacións de menos de 10.000 habitantes (hábitat rural) é onde a porcentaxe de persoas que aprenden a falar en galego é superior, cunha taxa dun 66,8%, fronte a un 12,2% das que o fan en castelán. Nas vilas de entre 10.000 e 20.000 habitantes segue a ser o grupo maioritario a poboación que aprende a falar en galego, aínda que cunha diferenza de máis de 20 puntos porcentuais con respecto ao hábitat rural. Nas poboacións de entre 20.000 e 50.000 habitantes increméntanse ata un 32,4% as persoas cuxa lingua inicial é o castelán. Por último, no hábitat urbano (por riba de 50.000 habitantes), máis da metade das persoas ten como lingua inicial o castelán.

Respecto ás grandes cidades de Galicia, tamén poden observarse certas diferenzas. Lugo é a que rexistra unha maior porcentaxe de nativos monolingües en galego (38,7%), seguida de Santiago de Compostela (34,8%). No extremo contrario, Ferrol é a cidade que ten a porcentaxe máis baixa de persoas que aprenderon a falar en galego (13,4%), seguida de Vigo (13,8%). Con respecto ás persoas que aprenderon a falar só en castelán, a cidade en que hai unha taxa máis elevada é Vigo (61,8%), seguida de Ferrol (59,7%); pola súa parte, Santiago de Compostela amosa un maior equilibrio entre a poboación que aprendeu a falar en galego e a que o fixo en castelán.

4. Evolución da lingua inicial

A seguinte gráfica mostra a evolución temporal da lingua inicial da poboación galega segundo a información do IGE.

Entre 2003 e 2018 o número de persoas que teñen como lingua inicial o galego diminuíu case dez puntos porcentuais, pese a que seguen sendo a maioría. En cambio, a porcentaxe das que se declaran bilingües iniciais incrementouse en case a mesma proporción, co que se converte no grupo que proporcionalmente crece máis. A poboación que aprendeu a falar en castelán aumenta moi pouco (o cal indica certa estabilidade na perda de falantes iniciais de galego). En xeral, pódese afirmar que o número de falantes iniciais en galego descendeu nos quince anos analizados.