O GALEGO HOXE

Lingua habitual

Denomínase lingua habitual a que empregan maioritariamente as persoas nas súas actividades cotiás ou nas relacións co seu círculo máis achegado. A lingua habitual vai mudando co paso do tempo e presenta diferenzas segundo a idade das persoas e o lugar onde viven. Tamén se atopan diferenzas segundo o uso social da lingua.

A metade da poboación galega fala de xeito habitual só ou principalmente o idioma galego.

En xeral, canto máis novas son as persoas, maior é a proporción de falantes monolingües en castelán e menor a de monolingües en galego.

O idioma galego fálase máis nas áreas rurais que nas urbanas.

1. O uso das linguas en Galicia

En Galicia, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística, case un terzo da poboación fala habitualmente en galego e menos dun cuarto fala só en castelán. Un 44,7% da poboación é bilingüe, con certo predominio do sector que fala máis castelán que galego, mentres que máis da metade da poboación fala só en galego ou máis galego que castelán.

O seguinte mapa mostra información sobre o uso das linguas en Galicia por áreas xeográficas. A zona co maior número de galegofalantes corresponde á Coruña suroriental, onde o 93,1% da poboación fala sempre galego ou máis galego que castelán, seguida da zona da Costa da Morte (92,4%) e a de Lugo oriental (88,5%). Con todo, nas áreas urbanas diminúe o número de persoas que falan sempre ou case sempre en galego, principalmente na de Vigo. Destes datos extráese que, en xeral, se fala máis o idioma galego nas zonas rurais que nas zonas metropolitanas.

En canto ao uso das linguas nos grandes concellos de Galicia, na seguinte táboa pode verse que o concello de Lugo é o que rexistra a porcentaxe máis elevada de poboación que fala sempre en galego (21,3%) e o de Vigo a máis baixa (3,9%), mentres que é no concello de Ferrol onde máis xente fala só en castelán (por riba do 50%). En xeral, a situación máis común nas grandes urbes de Galicia é a do bilingüismo, con dominio do uso do castelán sobre o galego.

A variable de idade inflúe no uso do idioma. Así, case a metade das persoas maiores de 65 anos declara que fala sempre en galego. Canto máis nova é a poboación, máis falantes de castelán se rexistran. Deste xeito, un 73,9% dos nenos e nenas de entre 5 e 14 anos e un 62,7% da mocidade de entre 15 e 29 anos falan só en castelán ou máis en castelán que en galego. A franxa de idade na que se perciben menos diferenzas é a das persoas de entre 30 e 49 anos, aínda que segue a predominar o uso habitual do castelán.

A seguinte gráfica mostra a evolución do uso da lingua habitual entre 2003 e 2018. Por unha banda, obsérvase certa estabilidade en falantes monolingües de galego, tras a baixada de 2008. A porcentaxe de persoas bilingües que falan máis galego que castelán presenta unha evolución irregular. Por outra banda, as que utilizan máis castelán que galego aumentan lixeiramente, mentres que as que falan sempre en castelán aumentan no período, pese a que descenden entre 2013 e 2018.

2. Uso social do galego

A utilización do idioma galego fóra do ámbito familiar permite coñecer a valoración que lle conceden as persoas nas relacións sociais cotiás. Na seguinte gráfica pódense observar datos sobre o uso habitual do galego, o castelán ou ambos os dous, segundo o status social dos interlocutores. Como primeira conclusión pódese afirmar que o galego se emprega en maior medida no ámbito máis persoal ou próximo, como é o das amizades, coas que un 34,1% da poboación afirma que fala sempre en galego. A medida que aumenta a xerarquía social das persoas coas que se interactúa, increméntase tamén o uso exclusivo do castelán, especialmente no caso do profesorado (39,4%), seguido dos médicos (34,1%) e do persoal da banca (34%).

O emprego do idioma no ámbito social depende, en boa medida, da lingua en que se aprendeu a falar, ademais do status das persoas coas que se conversa. Na seguinte táboa pódense observar datos sobre o uso social do galego entre persoas que aprenderon a falar exclusivamente nese idioma. Neste caso, máis da metade das persoas que aprenderon a falar en galego segue utilizándoo en todos os ámbitos sociais, aínda que predomina o seu emprego no círculo máis persoal (amizades).

A idade afecta á utilización do idioma no ámbito social, tal e como recolle a seguinte táboa. Constátase que máis da metade da poboación máis nova fala sempre en castelán coas súas amizades, mentres que o 52,2% das persoas que superan os 65 anos emprega sempre o galego neste ámbito. Porén, estas últimas, cando falan con médicos, persoal da Administración ou persoal da banca, acostuman empregar máis o castelán, mentres que a mocidade que se expresa en galego mantén un nivel de uso similar en todos os ámbitos sociais.