DISPOÑIBLE EN

GL
EN
ES

CONTACTAR

ACERCA DE LOIA



Competencias lingüísticas

As competencias lingüísticas son as que miden a capacidade dos individuos para entender e empregar un idioma tanto oralmente como por escrito. En Galicia, son varias as xeracións escolarizadas antes da introdución do galego como materia obrigatoria no ensino e que, por tanto, non recibiron clases regradas de lingua galega. Podemos pensar, xa que logo, que as competencias lingüísticas en galego da poboación son deficientes, sobre todo nas relativas á escrita. Veremos como as competencias lingüísticas en galego son, en xeral, boas, e que a evolución apunta a que mellorarán.

A xeneralidade da poboación entende, fala e le en galego. No caso da escrita, a metade da poboación declárase incapaz de escribir en galego con soltura.

Case toda a poboación máis nova le correctamente en galego.

Na evolución das competencias en galego nos últimos anos vemos como existe un aumento en todas as destrezas.

Sumario

1. Entender, falar, ler e escribir

Mostramos os resultados da competencia en galego, é dicir, as respostas dos individuos que din ler, escribir, falar ou entender o galego "moito" ou "bastante".

Nesta figura observamos como case a totalidade da poboación é capaz de entender, falar e ler en galego. No caso da escrita vemos que hai un descenso importante, xa que a metade da poboación se declara incapaz de escribir en galego con soltura. Para ver a incidencia do sistema educativo nas competencias lingüísticas, tomaremos como exemplo a capacidade para ler por idades.

Presentamos na figura os datos daqueles individuos que se consideran capaces de ler "bastante ben" ou "moi ben" en galego. Seleccionamos só as persoas que teñen máis de quince anos, porque por debaixo desa idade aínda non remataron os seus estudos obrigatorios. Como vemos, a competencia lectora aumenta conforme descende a idade dos entrevistados. Como dato salientable hai que dicir que case o total da poboación máis nova le correctamente en galego.

2. A mocidade, a que mellor le en galego

As competencias en galego segundo a idade mostran escasa variación na capacidade para escribir e para entender. En todas as franxas constátase que case a totalidade da poboación entende o galego e que a porcentaxe dos que escriben correctamente rolda a metade da poboación, independentemente da súa idade. Salvo no último tramo (o dos que non acabaron os estudos primarios) vemos como hai unha evolución moi positiva da capacidade para ler.

3. Unha evolución positiva

Canto á evolución das competencias no período 1992-2003, vemos como existe un aumento en todas as destrezas. Destaca especialmente o crecemento das competencias lectoescritas, que nun período relativamente curto coma este non pode explicarse soamente pola incorporación de novos individuos á mostra, escolarizados nun sistema onde a adquisición do galego está regrada, senón tamén polo aumento xeneralizado da competencia en todos os tramos de idade. Os individuos que declaran escribir "ben" ou "moi ben" en galego case dobran o seu número, e chegan a un nivel aceptable (case a metade da poboación). Canto á lectura, cómpre destacar que o dato é aínda máis rechamante, porque en once anos a porcentaxe de individuos que declaran falar ben ou moi ben e os que len coa mesma facilidade iguálase, chegando a abranxer a grande maioría da poboación (85,6%).

4. A distribución xeográfica das competencias lingüísticas

A distribución xeográfica das competencias lingüísticas mostra unha disparidade importante segundo as competencias sexan orais ou escritas. No caso da competencia oral pasiva, é dicir, a capacidade para entender a lingua falada, os datos son tan positivos que case non hai diferenzas en todo o territorio. Entende o galego case a totalidade da poboación, con todo, hai unha lixeira baixada nas comarcas urbanas de Vigo, Pontevedra e Ferrol, pese a que case é inapreciable. No tocante á capacidade para escribir, os resultados non presentan diferenzas significativas por áreas, pois os resultados son moi semellantes en toda Galicia. A capacidade para falar segundo as áreas mostra estes resultados:

Aínda que a competencia é, en xeral, alta, distinguiremos, como nos outros casos, cinco cortes. A competencia máis alta en galego sería a que tivera a puntuación "4" e a máis baixa, "1". As áreas en cores máis claras correspóndense con aquelas onde a capacidade para falar ten unha media inferior a 3,5 e son as comarcas urbanas atlánticas, Vigo, Ferrol, A Coruña e Pontevedra, sendo a competencia para falar algo peor nas dúas primeiras. As áreas situadas no corte intermedio comprenden comarcas urbanas de Santiago e Ourense e Lugo Sur. No corte seguinte atópanse o resto da provincia de Ourense, Pontevedra Occidental, A comarca urbana de Lugo, Lugo Norte e A Coruña Oriental. Na categoría última, a das comarcas onde a capacidade para falar se achega ao máximo, están, igual que no caso de lingua habitual ou inicial, o interior da provincia de Pontevedra e a costa non urbana occidental coruñesa.

A capacidade para ler tamén obtén, como vimos antes, unha boa puntuación no conxunto de Galicia. A distribución presenta unhas diferenzas interesantes con respecto da competencia oral.

Como vemos no mapa, salvo a comarca de Pontevedra, todas as comarcas urbanas obteñen puntuacións altas na capacidade para ler, sendo as que obteñen as mellores Santiago e Lugo, seguidas da Coruña. O resto das comarcas urbanas sitúanse no corte intermedio, xunto coa área da Coruña Oriental. O interior de Lugo e o resto de Ourense obteñen as peores medias. Este feito pode explicarse porque na análise interactúan outras variables de tipo sociocultural.