O GALEGO HOXE

Actitudes lingüísticas

As actitudes lingüísticas son as opinións, ideas e prexuízos que teñen os falantes con respecto a unha lingua. Por exemplo, adóitase afirmar que para a aprendizaxe dun idioma resulta positivo ter unha boa actitude cara a este. Tradicionalmente, en Galicia existía a crenza de que o idioma galego era unha lingua que non servía para certas actividades ou que non se lle debía ensinar á cativada. Cos anos isto foi mudando, polo que é cada vez máis difícil atopar manifestacións abertamente hostís cara ao galego.

En xeral, a mocidade ten unha boa actitude cara á lingua galega.

Aínda persisten certos prexuízos sobre o idioma galego.

Pódese dicir que existe bastante consenso entre a mocidade galega no recoñecemento do galego como lingua útil.

1. Actitudes e comportamento lingüístico da mocidade

O Consello da Cultura Galega publicou un informe que describe como o comportamento lingüístico da mocidade galega é, en xeral, consecuencia do idioma aprendido e usado no contexto familiar, polo que se percibe unha «desgaleguización» pola falta de transmisión xeracional da lingua. Ademais, a escola non semella ser un foco de transmisión do idioma entre os membros da comunidade educativa, aínda que sexa o contexto en que moitos mozos e mozas aprenderon a falalo e escribilo.

Pese a isto, pódese concluír que existe un contexto de actitude favorable con respecto á dignificación do galego e o seu recoñecemento como lingua útil, sobre todo entre a mocidade que a fala habitualmente. Con todo, hai moitas persoas novas que ven o galego como a lingua do mundo rural e/ou das persoas maiores. A mocidade que vive nese hábitat recoñece o proceso de desgaleguización da sociedade e é consciente de que o traslado a un contorno máis urbano por estudos ou traballo pode implicar un cambio no uso habitual da lingua.

Hai unha actitude que se mostra, en liñas xerais, favorable ao galego, mesmo entre persoas castelanfalantes, que manifestan solidariedade co idioma e aprecio polo seu status. Tamén existe entre a mocidade tradicionalmente falante de galego unha defensa da autenticidade e da lexitimidade da súa lingua, aínda que segue a haber certos prexuízos sobre esta.

A percepción da utilidade da lingua galega entre a mocidade amosa grandes diferenzas entre quen pensa que aprender este idioma na escola serve para mellorar as competencias lingüísticas e quen considera que non é máis que un atranco para formarse en determinadas materias como as científico-técnicas. As persoas que alegan a utilidade ou non dunha das linguas son principalmente as bilingües e as monolingües en castelán. Unha parte da mocidade reivindica a liberdade do uso do castelán naquelas disciplinas en que é obrigatoria a súa aprendizaxe en galego, pero non sucede ao revés. Trátase dun discurso no que o galego non debe supoñer obrigas pero no que o castelán si que ten ese privilexio. Cómpre salientar que, aínda que existen actitudes belixerantes entre a mocidade cara ao galego que reflicten unha visión negativa da lingua, estas son minoritarias.

É importante destacar que un perfil de falante de galego se identifica como unha persoa que fala unha variedade do idioma que denomina «ghalegho» ou «castrapo» e que a considera distinta da normativa. De feito, existe un problema a respecto da autoestima lingüística dalgunhas persoas novas, sobre todo das que residen no rural e nas vilas, xa que unha gran parte delas considera que a lingua que empregan non é de calidade, mesmo entre as que teñen un compromiso claro co seu uso. En canto ás competencias lingüísticas, a mocidade en xeral pensa que non ten un bo dominio da lingua porque cre que ou ben non a fala correctamente ou ben non o fai coa fluidez suficiente.

2. Disposición a empregar a lingua e visión de futuro

Existe un sector da mocidade galega que adopta unha actitude militante cara ao galego, especialmente aqueles mozos e mozas que viven o idioma como unha parte fundamental da súa identidade, fan un uso del en todos os ámbitos e reivindican para este un maior apoio e compromiso social. Esta posición cara ao galego como sinal de identidade é minoritaria xa que, en liñas xerais, para a maioría a lingua que representa a súa identidade é o castelán, que se considera o idioma común dunha colectividade superior á galega. Como consecuencia desta percepción do dominio dunha lingua sobre outra, perciben que en Galicia existe unha situación de conflito lingüístico.

Con respecto á disposición a empregar as dúas linguas, castelán e galego, a mocidade castelanfalante é máis proclive a usar o galego que a galegofalante a usar o castelán. Nesa postura que favorece a utilización máis frecuente do galego incide, en primeiro lugar, a dimensión afectiva das actitudes lingüísticas, seguida da vontade de usalo coas amizades, coa familia etc. e, en menor medida, a exposición ao galego e a acomodación ante interaccións iniciadas nesta lingua.

Ademais, a mocidade galega percibe o futuro da súa propia lingua con algo de incerteza, o que non impide que crea que se deban facer esforzos para a súa protección e revitalización. De feito, algúns mozos e mozas cren que falar galego forma parte da súa identidade e reivindican un apoio e compromiso social maior coa lingua, á vez que amosan a súa disposición a transmitirlles aos seus descendentes o galego.