Cidade da Cultura de Galicia
Biblioteca de Galicia, 1º andar
Monte Gaiás, s/n
15707 Santiago de Compostela cdsg@consellodacultura.gal
Tel: +34 881 995 146 | +34 881 995 142
Axudas para o fomento do galego no ensino A Consellería de Cultura, Educación e Universidade publica dúas convocatorias de axudas para a presentación de proxectos de fomento do galego no ámbito do ensino non universitario durante o curso 2020/2021; unha dirixida a centros de titularidade pública e outra a centros de titularidade privada. En ambos os casos, o prazo de presentación de solicitudes é dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación das respectivas convocatorias.
11/01/2021
Resolución de dúas liñas de axudas para a promoción do galego na provincia de Pontevedra A Deputación de Pontevedra publica, no BOP do 11 de xaneiro de 2021, as resolucións de dúas liñas de subvencións para a promoción do galego na provincia. Trátase en concreto das axudas a concellos e entidades culturais para a realización de actividades de dinamización da lingua galega (ver a resolución coas entidades beneficiarias), e as axudas aos concellos para a creación, mantemento e reforzo de servizos de normalización lingüística (ver a resolución).
04/01/2021
Resólvense as axudas para publicacións periódicas en galego A Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia publica a resolución da convocatoria de subvencións para o ano 2020 destinadas a empresas que realizan publicacións periódicas escritas integramente en galego. Podes consultar a listaxe de empresas beneficiarias premendo aquí.
22/12/2020
Axudas para os SNL municipais da provincia da Coruña A Deputación da Coruña publica as bases da convocatoria de axudas, dirixidas ás entidades locais da provincia, para a creación, mantemento e reforzo dos seus servizos de normalización lingüística (SNL) durante o ano 2021. Poderán participar todos os concellos da provincia da Coruña de 5.000 ou máis habitantes, ou agrupacións de concellos e mancomunidades que, entre eles, cheguen a esa cifra mínima. Así mesmo, tamén poden solicitar as axudas os concellos da Coruña, Santiago de Compostela e Ferrol, mais unicamente para persoal técnico de reforzo do SNL xa creado. O prazo de presentación de solicitudes remata o 29 de xaneiro de 2021, segundo consta no extracto no que se anuncia a publicación desta convocatoria a través da Base de Datos Nacional de Subvencións.
22/12/2020
A Deputación de Pontevedra publica as bases do Musigal 2021 O programa Musigal 2021, promovido pola Deputación de Pontevedra, está deseñado para contribuír á difusión e á promoción da música galega e en galego nos concellos da provincia de Pontevedra. Poden inscribirse no programa os grupos musicais profesionais que aborden de xeito específico contidos sociolingüísticos e de dinamización da lingua galega e que fagan música en galego nos seus concertos ou, no caso de ser instrumentais, que as súas pezas sexan de autoría galega. O prazo de inscrición remata o 20 de xaneiro de 2021. Unha vez que se faga pública a relación de artistas e grupos inscritos, os concellos da provincia con menos de 50.000 habitantes terán de prazo ata o 15 de febreiro de 2021 para tramitar as súas solicitudes de actuacións. Para consultar as bases completas do programa, preme aquí.
11/12/2020
Código Cero e Ollar reciben o Premio Lingua e Empresa 2020 O xurado do III Premio Lingua e Empresa, promovido polo Concello de Ames, acordou que as empresas galardoadas nesta edición do 2020 son o diario tecnolóxico Código Cero, na categoría de "uso consolidado da lingua", e mais o centro óptico e auditivo Ollar, na categoría de "nova incorporación ou creación". O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, en colaboración coa Concellaría de Promoción Económica, convoca anualmente este certame co obxectivo de promover o galego na actividade económica e premiar o compromiso das empresas municipais coa nosa lingua. Para obter máis información, preme aquí.
Xosé González, Premio da Cultura Galega na categoría de Lingua O xurado dos Premios da Cultura Galega fixo públicos os/as oito galardoados/as que son recoñecidos/as este ano 2020 polo seu labor no ámbito da creación, conservación e difusión cultural. Na categoría de Lingua, nesta edición outorgóuselle o premio a Xosé González Martínez, dinamizador cultural e lingüístico e promotor do colectivo Galeguizar Galicia. Nas restantes categorías, os galardoados/as son Ledicia Costas (Letras), Xurxo Lobato (Artes Plásticas), FEGATEA (Artes Escénicas), aCentral Folque (Música), Chema Prado (Audiovisual), Fundación Penzol (Patrimonio Cultural) e Ildiko Szijj (Proxección Exterior). Para ampliar esta información, preme aquí.
03/12/2020
Convócanse os XXVII Premios de Publicidade en Galego A Secretaría Xeral de Política Lingüística, o Parlamento de Galicia e o Foro Enrique Peinador convocan conxuntamente a vixésimo sétima edición dos Premios de Publicidade en Galego. Establécense cinco premios, un para cada unha das seguintes categorías: radio, televisión, Internet, prensa escrita e un extraordinario para os proxectos elaborados polo alumnado de centros educativos. O prazo de inscrición e de presentación dos traballos está aberto ata o 30 de decembro de 2020. Para consultar as bases completas preme aquí.
27/10/2020
A CTNL volve abrir o prazo de inscrición nos Premios Mil Primaveras A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) retoma o prazo de inscrición na segunda edición dos Premios Mil Primaveras, que fora interrompido o pasado mes de marzo por mor da crise sanitaria ocasionada pola Covid-19. O obxectivo destes premios é recoñecer e difundir exemplos de boas prácticas no ámbito da normalización lingüística. Poderán presentarse accións, campañas, programas e proxectos de promoción do uso e prestixio do galego, desenvolvidos total ou parcialmente en 2018, 2019 ou 2020. O novo prazo para a inscrición das iniciativas, que debe ser feita pola propia entidade organizadora, remata o 31 de xaneiro de 2021. Os proxectos presentados con anterioridade á interrupción do prazo, non teñen que inscribirse de novo. Para ampliar información preme aquí.
07/10/2020
A Xunta de Galicia resolve as axudas ás entidades locais para a promoción do galego A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia fai pública a resolución da convocatoria de subvencións ás entidades locais de Galicia para a promoción do uso da lingua galega. No texto da resolución podes consultar a listaxe de concellos que, ben de xeito individual ou agrupado, recibirán axuda económica para o mantemento ou reforzamento dos seus servizos de normalización lingüística.
01/10/2020
NUMAX gaña o III Premio Xela Arias A Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (AGPTI) fixo pública a resolución do xurado da terceira edición do Premio Xela Arias, que este ano 2020 acordou outorgar o galardón á cooperativa NUMAX, pola súa aposta polo galego como lingua de uso no eido audiovisual, tanto na programación habitual do seu cinema como no seu proxecto didáctico “NUMAX na escola”. A AGPTI convoca anualmente este premio co obxectivo de homenaxear a figura de Xela Arias e reivindicar o idioma galego como lingua de traballo no ámbito da tradución. Para ampliar información, preme aquí.
25/08/2020
II Premio “Ponteareas, lingua e empresa” O Concello de Ponteareas convoca a segunda edición do Premio “Ponteareas, lingua e empresa”, co obxectivo de promover o uso do galego no ámbito empresarial e, ao mesmo tempo, recoñecer publicamente o compromiso coa normalización lingüística das empresas e profesionais deste sector. Concederase un premio por cada unha das seguintes categorías: “uso continuado da lingua galega”, “incorporación recente ao uso da lingua galega” e “traxectoria do uso da lingua galega ao longo de décadas”. O prazo de presentación de candidaturas remata o vindeiro 3 de setembro. Podes consultar as bases do premio premendo aquí.
16/07/2020
Axudas para a promoción do galego na Administración local de Pontevedra A Deputación de Pontevedra publica as bases das subvencións dirixidas a concellos e outras entidades locais para a creación, mantemento ou reforzo dos servizos de normalización lingüística (SNL) municipais durante o ano 2020. Poden optar ás axudas para a creación de SNL os concellos de máis de 5.000 habitantes e de ata un máximo de 50.000 habitantes (así como as agrupacións de concellos, mancomunidades ou as entidades locais menores que cheguen a esa cifra mínima). No caso das axudas para mantemento e reforzo, poderán solicitalas os concellos da provincia de Pontevedra que no momento da publicación desta convocatoria teñan creado e en funcionamento un SNL. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
16/07/2020
Resolución definitiva das axudas da Deputación da Coruña para SNL municipais A Deputación da Coruña publica a resolución definitiva da convocatoria de subvencións a concellos e outras entidades locais da provincia da Coruña para a creación, mantemento e reforzo dos servizos de normalización lingüística (SNL) durante o ano 2020. Para consultar o texto completo da resolución, preme aquí.
16/07/2020
Axudas para a distribución de audiovisual en galego na provincia da Coruña A Deputación da Coruña publicou, no BOP do pasado 7 de xullo de 2020, as bases do programa de subvencións a empresas audiovisuais para apoiar a distribución, comercialización e exhibición audiovisual en lingua galega na provincia da Coruña durante o ano 2020. O programa contempla dúas modalidades, unha de apoio aos contidos audiovisuais galegos (longametraxes, curtametraxes, documentais, etc. feitas en Galicia) para a súa distribución e exhibición en lingua galega (VO, VOSG ou dobraxe); e outra para a distribución en lingua galega (VO, VOSG ou dobraxe) de contidos audiovisuais non galegos. O prazo de presentación de solicitudes, segundo o extracto publicado no BOP do 16 de xullo, remata ás 14:00 h. do 31 de xullo de 2020.
16/07/2020
Subvencións da Xunta de Galicia aos concellos para a promoción do galego A Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia publica as bases das subvencións ás entidades locais para o ano 2020 destinadas ao mantemento ou reforzamento dos seus servizos de normalización lingüística. Poderán optar a estas axudas os concellos ou agrupamentos de concellos con poboación igual ou superior aos 3.000 habitantes. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
07/07/2020
Premio Rosalía de Castro para Nós Televisión e o Club de Debate O xurado do XI Premio Rosalía de Castro de Lingua, que promove a Deputación da Coruña co obxectivo de recoñecer o labor de dignificación do noso patrimonio lingüístico, deu a coñecer os galardoados da súa undécima edición. Os premiados foron Nós Televisión SL, na categoría de colectivo, entidade ou asociación que destaca na promoción da lingua galega; e o Club de Debate (representado pola Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega), como recoñecemento ao seu traballo específico cos tramos da poboación de menor idade (infancia e mocidade). Para obter máis información, preme aquí.
01/07/2020
Antón Costa recibe o Premio “Luís Porteiro Garea” O xurado da terceira edición do Premio “Luís Porteiro Garea” acordou por unanimidade entregar o galardón a Antón Costa Rico, catedrático de Historia da Educación na Facultade de Ciencias da Educación da USC. O xurado destacou a súa traxectoria científica, académica, cultural, cívica e social a prol do galego, destacando a súa implicación nos movementos de renovación pedagóxica. A Universidade de Santiago de Compostela outorga ese galardón, que ten carácter de distinción, para recoñecer publicamente o traballo de persoas ou colectivos a prol do uso do galego na universidade. Podes ampliar esta información premendo aquí.
12/06/2020
A Deputación da Coruña resolve as axudas para os SNL municipais
A Deputación da Coruña publica a resolución provisional das subvencións a concellos e entidades locais da provincia da Coruña para a creación, mantemento e reforzo dos servizos de normalización lingüística durante o ano 2020. A partir do día seguinte á publicación desta resolución, os solicitantes teñen un prazo de 10 días hábiles para comunicar, se fose o caso, a desistencia da solicitude. De non tramitar a desistencia no citado prazo, enténdese que aceptan a axuda. Para consultar o texto completo da resolución, preme aquí.
Libro de marcadores sociais do CDSG Libro completo de marcadores, dispoñible para compartir en rede, do que se extrae a selección de referencia que podes consultar en De Bolina