Cidade da Cultura de Galicia
Biblioteca de Galicia, 1º andar
Monte Gaiás, s/n
15707 Santiago de Compostela
cdsg@consellodacultura.gal
Tel: +34 881 995 146 | +34 881 995 142
CDSG / NOTICIAS / Cursos e congresos. 1 a 20 de 668
26/03/2021
Xornadas de normalización lingüística "A lingua galega e a filosofía"
A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Filosofía da USC organiza as xornadas "A lingua galega e a filosofía", que terán lugar os días 12 e o 19 de abril de 2021. A iniciativa está dirixida principalmente ao alumnado desta Facultade e, por mor das restricións sanitarias vixentes, as sesións desenvolveranse mediante videoconferencia a través de Zoom. O prazo de inscrición estará aberto ata o vindeiro 7 de abril. Para ampliar información preme aquí.
22/03/2021
Formación lingüística para o persoal da Administración local de Pontevedra
A Deputación de Pontevedra convoca cursos de formación para o seu persoal e mais para o dos concellos da provincia adheridos ao Plan agrupado de formación continua. O programa formativo inclúe os seguintes cursos de contidos lingüísticos: “Linguaxe administrativa galega. Nivel medio” e “Linguaxe administrativa non sexista e imaxe igualitaria na práctica da xestión pública”. O prazo de inscrición comezará a partir do día seguinte ao da publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra e rematará 20 días antes do comezo da acción formativa.
18/03/2021
Versión en aberto do curso Celga 1 en liña
A Secretaría Xera de Política Lingüística presenta a versión actualizada do curso Celga 1 en liña, que agora inclúe dúas modalidades: unha titorizada para os/as inscritos/as en convocatorias de formación, e outra de acceso libre destinada á autoaprendizaxe. Este curso, que se corresponde co nivel A2 do Marco europeo común de referencia para as linguas, inclúe 12 unidades divididas en catro bloques: comprender; explorar e reflectir; practicar e comunicar; e viaxar. A maiores, as unidades 1 e 2 están adaptadas á Lectura Fácil para facilitarlles a aprendizaxe a aquelas persoas con dificultades lectoras e/ou de comprensión. Para ampliar información, preme aquí.
12/03/2021
Formación lingüística para o persoal da Administración local
A Escola Galega de Administración Pública publica a convocatoria de actividades de formación para o persoal da Administración local galega. Entre a formación programada, ofértase un curso de redacción de documentos técnico-xurídicos en galego, na modalidade de teleformación, que se desenvolverá entre os días 6 e 24 de maio de 2021. O prazo de presentación das solicitudes é de dez días, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.
05/03/2021
Obradoiro de apoderamento lingüístico na USC
A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación da USC, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística, organiza o "Obradoiro de apoderamento lingüístico. Ferramentas dende a Educación Social", dirixido preferentemente ao alumnado do grao de Educación Social. O obxectivo é reflexionar sobre a problemática lingüística galega e afondar nas potencialidades da educación social en materia de normalización lingüística. As sesións desenvolveranse, a través de videoconferencia, os días 13, 16, 20 e 23 de abril de 2021. O prazo de inscrición remata o 7 de abril. Para ampliar información, preme aquí.
05/02/2021
Obradoiro de escrita dramática
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo organiza un obradoiro en liña de escrita dramática, que ten como obxectivos desenvolver e potenciar as habilidades creativas en lingua galega e ofrecer as ferramentas necesarias para o entendemento e comprensión da dramaturxia. O obradoiro está dirixido a todas as persoas interesadas no teatro, sexan profesionais ou non. As sesións desenvolveranse os días 22 de febreiro; e 1, 8, 15, 22, 29 e 31 de marzo de 2021. A inscrición debe tramitarse a través deste formulario web, indicando como título “escrita dramática nivel 1”. Para consultar o programa preme aquí.
04/02/2021
Cursos de galego en liña no Concello do Grove
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello do Grove organiza dous cursos de galego en liña, un de nivel inicial e outro de nivel máis avanzado (para o alumnado que xa teña coñecementos básicos do idioma). Os cursos está dirixidos a persoas adultas maiores de 16 anos, tanto galegas como de fóra de Galicia. O prazo de inscrición remata o 19 de febreiro de 2021. Para ampliar esta nova, preme aquí.
03/02/2021
Cursos preparatorios para obter os certificados Celga
A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia anuncia a convocatoria de cursos de lingua galega preparatorios das probas para obter os certificados dos niveis Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4. A oferta inclúe tanto cursos na modalidade presencial (niveis Celga 3 e 4) como na modalidade en liña (Celga 1, 2, 3, e 4). Estes cursos poderán ser solicitados por todas as persoas maiores de dezaseis anos ou por aquelas que os fagan no ano 2021. O prazo para a presentación das solicitudes estará aberto do 4 ao 24 de febreiro de 2021. Para consultar o texto completo da convocatoria, preme aquí.
02/02/2021
Conclusións dos XXII Encontros para a Normalización Lingüística
Entre os días 13 e 19 de novembro de 2020 tiveron lugar os XXII Encontros para a Normalización Lingüística, que se desenvolveron en liña e tiveron como eixo temático a integración lingüística das persoas migrantes desde a perspectiva da cohesión social. Partindo das reflexións, debates e comentarios realizados nas diferentes sesións de traballo, a Comisión Técnica do CDSG elaborou un documento de conclusións que cre pertinente facer de dominio público. Se non tiveches ocasión de seguilos en directo, podes acceder en liña a todos os vídeos dos XXII Encontros, tanto a través da páxina web do CCG como da súa canle de Youtube.
20/01/2021
O Simposio ILG 2020 pon o foco nos procesos de estandarización
O Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración co Consello da Cultura Galega, organiza o Simposio ILG 2020, que debido á situación de emerxencia sanitaria ocasionada pola pandemia da Covid-19 non puido celebrarse o ano pasado e terá lugar neste 2021, entre os días 8 e 25 de febreiro. Nesta edición, o tema que centrará as diferentes intervencións e debates será o seguinte: “Estándar, norma e variación: procesos, problemas e perspectivas”. A maior parte das intervencións serán gravadas previamente e con posterioridade, nos días sinalados no programa, celebraranse os debates en liña. A maiores, dúas sesións celebraranse de xeito presencial no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía da USC e serán transmitidas en directo. O prazo de inscrición remata o 4 de febreiro de 2021.
18/01/2021
Cursos de galego en liña no Concello de Vigo
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo organiza dous cursos en liña de iniciación á lingua galega, un de nivel cero e outro de nivel 1, que se desenvolverán durante os meses de febreiro e marzo de 2021. O curso de nivel cero está deseñado para persoas, de dentro e fóra de Galicia, sen apenas coñecementos de galego. O curso de nivel 1 está dirixido a alumnado, de dentro ou fóra de Galicia, que poida acreditar unha formación básica do idioma ou que realizase previamente o curso de nivel cero. Para obter máis información sobre o programa destes cursos e os trámites de inscrición, preme aquí.
13/01/2021
Xornadas de debate e reflexión sobre a lingua no ensino
A Mesa pola Normalización Lingüística organiza, coa colaboración da Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e de CIG-Ensino, as II Xornadas de Normalización Lingüística, que terán lugar o vindeiro 23 de xaneiro de 2021, en formato virtual a través da plataforma Webex. O fío condutor que centrará as diferentes intervencións e debates será a situación da lingua no ensino. A matrícula é gratuíta, mais requírese inscrición previa. Para ampliar información sobre o programa e mais os trámites de inscrición, preme aquí.
24/11/2020
Escolas Católicas presenta a XVI Xornada de Normalización Lingüística
Escolas Católicas Galicia presenta unha nova edición da súa Xornada de Normalización Lingüística, organizada anualmente co obxectivo de intercambiar experiencias e recursos didácticos en galego entre o profesorado e os membros dos equipos de dinamización da lingua galega dos centros educativos de Galicia. Nesta ocasión analizaranse as posibilidades didácticas que ofrecen museos coma o MUPEGA, daráselles visibilidade a recursos e ferramentas útiles para o labor pedagóxico en tempos de confinamento e entregaranse os Premios Irmáns Reboiras á mellor iniciativa (virtual) de fomento do galego. Por mor das actuais circunstancias sanitariais, este ano as sesións desenvolveranse en liña, o vindeiro 26 de novembro, en horario de 16:00 h a 18:00 h, e poderás seguilas en directo na canle de Youtube de Escolas Católicas.
20/11/2020
Encontro "Neofalantismo e calidade da lingua"
O Grupo de Investigación Lingüística e Literaria (ILLA) da Universidade da Coruña organiza unha xornada de debate académico sobre os neofalantes e as súas características lingüísticas. O encontro, no que participarán diferentes especialistas en neofalantismo, terá lugar no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía da UDC o vindeiro 27 de novembro de 2020. Todas as sesións serán presenciais. Para obter máis información, preme aquí.
19/11/2020
A educación plurilingüe a debate
Transcorrida unha década desde a aprobación do Decreto 79/2010 para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, o Consello da Cultura Galega quere contribuír ao debate sosegado sobre a educación plurilingüe, analizando o concepto desde a perspectiva das linguas minorizadas e das comunidades bilingües, e ofrecendo experiencias e datos do que está a acontecer no ámbito do ensino en Galicia. Con este obxectivo, o vindeiros días 3 e 10 de decembro de 2020 terán lugar os debates en liña "Educación prulingüe: achegas para o debate", que poderás seguir en directo desde a páxina web do CCG, e participar enviando as preguntas a participa@consellodacultura.gal. Os vídeos das intervencións, gravados previamente, estarán accesibles en liña tres días antes da celebración de cada sesión de debate.
13/11/2020
En liña os vídeos coas intervencións dos XXII Encontros
Xa tes ao teu dispor na páxina web do CCG todos os vídeos coas intervencións dos XXII Encontros para a Normalización Lingüística, onde diferentes profesionais, representantes políticos e expertos/as dos ámbitos da socioloxía e da planificación lingüística reflexionan sobre a integración lingüística das persoas migrantes. A partir de agora, se desexas participar nas diferentes sesións de debate que terán lugar entre os días 16 e 19 de novembro de 2020, podes enviar as túas preguntas ao enderezo participa@consellodacultura.gal.
09/11/2020
XXII Encontros para a Normalización Lingüística
Desde o CDSG retomamos a vixésimo segunda edición dos Encontros para a Normalización Lingüística, que foron adiados o pasado mes de abril por mor da pandemia da Covid-19 e que agora presentamos nun novo formato virtual adaptado ás actuais circunstancias sanitarias. Tal e como avanzamos no seu día, o fío condutor desta edición será a integración lingüística das persoas migrantes como ferramenta de cohesión social.
As intervencións, gravadas con antelación, estarán accesibles na Rede o vindeiro 13 de novembro de 2020. Posteriormente, entre os días 16 e 19 de novembro terán lugar as sesións de debate que se indican no programa, que serán retransmitidas en directo a través do sitio web do CCG. Se desexas particiar nestes debates, abertos ao público sen inscrición previa, podes facelo enviando as túas preguntas ao enderezo participa@consellodacultura.gal.
04/11/2020
XVII Simposio “O libro e a lectura”
A edición en linguas minorizadas será o fío condutor da décimo sétima edición do Simposio “O libro e a lectura”, que organiza anualmente a Asociación Galega de Editoras (AGE) e que nesta ocasión, debido ás restricións sanitarias, non contará con público presencial. O acto difundirase en directo desde o auditorio do Consello da Cultura Galega, mañá 5 de novembro de 2020, e poderás seguilo na canle de Youtube da AGE. Diferentes representantes das editoras galegas independentes e as presidencias dos gremios e asociacións de editores de Catalunya, Valencia e Euskadi reflexionarán sobre a situación da edición en galego, catalán e éuscaro. Para coñecer o programa completo, preme aquí.
Libro de marcadores sociais do CDSG Libro completo de marcadores, dispoñible para compartir en rede, do que se extrae a selección de referencia que podes consultar en De Bolina
Identidade | Perfil do contratante | Lei de Transparencia | Aviso Legal | | Pazo de Raxoi, 2º andar - 15705 Santiago de Compostela - A Coruña. Teléfono: +34 981957202 Fax: +34 981957205