Audio. Voz. Mesa redonda

Día das Letras Galegas 2020 no CCG:

Mesa redonda «As relacións Galicia-Portugal»

.

RAMON MARTINEZ LOPEZ: Na miña charla vou abranguer dúas vertentes. A primeira lévame a falar da miña mocidade, aquí nas aulas de Composte la. Recordo que entón dábanse coas universidades portuguesas relacións de cátedra a cátedra —suliñamos na Medicina a Rodríguez Cadarso, por exemplo— e das Irmandades da Fala con Porto, sobre todo. A revista "Aguia", Teixeira de Pascoaes e Coimbra eran outros nomes e puntos de relación. É curioso ademais ver cómo nos dez primeiros números de "Nós" se publicaban poemas ou ensaios de escritores portugueses. Eran, desafortunadamente, relacións pouco políticas: as dictaduras nos dous países non o permitían, e estou falando non de Franco en España, senón xa antes, de Primo de Rivera. Eses réximes non vían ben esas inquedanzas da mocidade. Un segundo aspecto lévame a falar da miña biografía case inmediatamente posterior ós tempos descritos. No 33 fun destinado a Lisboa pola República Española ó "Instituto Español" de Lisboa. Eran estes uns organismos que recordan, imitando bastante ben, o labor dos "British Council". O "British Council" é un istrumento de amistade cos pobos onde se establece. E, a modo de exemplo, o que houbo na España da posguerra serviu coma lugar de encontro de intelectuais: Pío Baroja, Menéndez Pidal... Algo polo estilo e sen ter que resolver problemas políticos era o "Instituto Español". As instruccións que levabamos eran de entrar en contacto cos intelectuais portugueses. Eu coñecín alí entón ó profesor Rodrigues Lapa, meu amigo, a Teixeira de Pascoaes, con quen tiñamos unhas diarias xuntanzas nunha cafetería da Rúa do Carmo de Lisboa. Lembro moi ben de ver pasar a Pessoa, dirixíndose a calquera oficina da Rúa da Prata. Coñecín ademais ó grande poeta Navarro. Naquel tempo celebrouse a Gran Exposición do Libro Español, onde se explicou con charlas a situación política de Galicia, nunha cidadecapital cun forte Centro Galego. Logo hai que pasar polos anos da guerra civil. Sempre lembrarei cando cheguei á Embaixada de España, onde estaba de Embaixador Claudio Sánchez Albornoz. Entón o representante de Franco en Lisboa era Gil Robles, a quen había que ir presentarse para pasar ó bando franquista. Na embaixada quedamos tres ou catro persoas. Mantiñamos informacións fidedignas e confidencias con escritores e xornalistas portugueses arredor da situación en España. En certas datas xuntabámonos para lelas galeradas do "Século" censuradas co lápiz vermello característico... Ata que un día dous policías que ficaban na Embaixada foran arrestados na Avenida da Liberdade e confesaron en Salamanca que un señor chamado Martínez López facía servicios de información, "cousas feas" co prestixio de Portugal. Declaróuseme persoa "non grata" e pasei a París, onde as cousas cambiaron.
Eu non podo falar de Portugal sen pensar que revivo unha cousa que é miña. Foron tres anos que pasei alí dos mellores da miña vida. Logo, nos trinta anos nos Estados Unidos, estiven nunha Universidade con Departamento de Portugués e sete materias diferentes.
Fáltame pois distancia espiritual e moral para falar con perspectiva. Teño esto moi preto.

RICARDO CARBALLO CALERO: Voume ater ás instruccións que se me deron: tratalo tema das relacións literarias entre Galicia e Portugal non con sentido histórico preponderantemente, senón con ollos e perspectivas para o futuro. Claro que terei que facer alusión á Historia. O futuro é consecuencia do presente e do pasado. Un pobo que non lembra a súa Historia —o galego— non pode agardar un futuro saudable: é o único xeito de sabelo que se foi e o que se quere e pode ser. As relacións literarias Galicia-Portugal foron e deben ser algo máis que as relacións entre dous pobos. Historicamente non existe unha diferencia entre a literatura portuguesa e galega nas orixes. Hai unha extrapolación de feitos políticos no ámbito cultural que non deixan ver con claridade moitas realidades. Existe unha fronteira política no Miño que é coma tódalos feitos historicos, historicamente xustificable. Pero resulta certo que, aínda mantendo a actual separación dos territorios do norte e do sur do Miño, a literatura galega e portuguesa son a expresión artística dun instrumento único: un sistema lingüístico chamado galego, portugués, galego-portugués, ibero románico occidental, etc., que se realiza con arreglo a distintas normas. Non é científico falar só de dúas normas. Habería que facer referencia ás diversas normas con que se realiza o galego-portugués das provincias españolas galegas e o portugués do Estao portugués. No mesmo portugués danse relacións dialectais varias e distintas. Filoloxicamente e lingüísticamente é insostenible a diferenciación entre galego e portugués. Porque o galego nace a ambas beiras do Miño. Os da beira de alá non son extranxeiros. O galega nace na Gallaecia, e a Gallaecia lucense e a bracarense son unha unidade baixo a administración romana, na que se desenvplve unha forma de romance singular, sen perxuicio das falas nas que unha lingua se fragmenta ó facerse coloquial, pero conservando o sistema. É verdadeiro un paralelo entre esta lingua común galego-portuguesa, o castelán e o catalán. No proceso de reconquista, ademais de ir distinguíndo se o portugués cara ó sur, tamén nos seus ámbitos máis meridionais, o castelán foi xerando o andaluz. E o catalán, o valenciano. A diferencia está en que no caso galego-portugués non se mantiveron as mesmas relacións políticas que entre Castela-Andalucía e Catalunya-Valencia. Portugal converteuse nun estado separado do resto da Península, agás dos tres reinados dos tres Felipes de Austria, o que xerou unha situación socio-política en parte contradictoria co puramente lingüístico. Así o nome de "portugués" que algúns lingüistas apiican ó noso idioma, non deixa de ter sentido desde un punto de vista sociolóxico. Mentres que dicir que o portugués é unha rama do galego é tamén exacto, pero desde o punto de vista xenético.
Pois ben, se o galego nace a ambas beiras do Miño e se extende ata o Mondego, pódese dicir que o galego está imperando nesta área, e só desde alí o sustrato mozárabe cobra a suficiente forza para inflexionar esta lingua galego portuguesa e impoñe-lo portugués que agora coñecemos. Mais teñamos en conta que aínda hoxe o portugués presenta características nórdicas na súa normativa. Por eso na literatura galega e portuguesa só existe algo común. Máis a fronteira do 1095 —separación do Condado de Portucale— fai xurdir unha nova situación acentuada co episodio de Aljubarrota. O "complexo" de Aljubarrota" vai operar durante varios séculos e o galego vese desprazado desde o século XV como lingua culta polo castelán. O galego desde ahí desorbítase e tende a castelanizarse. Desde 1850 aproximadamente, o Rexurdimento, non existe entre nós unha conciencia da confraternidade. E así moitos escritores galegos, no XIX e aínda agora, tenden a vivir de costas a literatura portuguesa, o cal é un grande mal. Rosalía, Pondal, Lores, Curros, a Xeración "Nós", as Irmandades da Fala, Castelao en "Sempre en Galiza" son exemplos de mantedores contactos. Pero este intercambio cultural no se mostra suficiente, é isolado. O pobo ignora as antigas relacións entre os dous idiomas. O portugués mozarabizado e o galego castelanizado fomentan a tendencia entre os pobos irmáns a considerarse mutuamente as variedades coma caricaturización da propia lingua. A situación actual non é satisfactoria: non vivimos as relacións normais da nosa íntima relación. Hai moitísimo que facer, empezando por unha política linguística baseada na Historia, para restaura-la galeguidade do noso idioma. Se o que se busca é facilita-la doce morte do galego no seó do castelán, non paga a pena preocuparnos de nada: nin de ensinar en galego, nin escribir galego. Debemos consegui-lo contacto entre os escritores e que os libros circulen a través da fronteira con maior profusión. Temos que felicitarnos de que en Santiago exista unha librería especializada e coloquios coma este... A Universidade galega non ten sequera unha cátedra de portugués, como en Salamanca: parece que Ile basta unha adxuntía (sorrisos do público). E a Asociación de Escritores non debe vivir allea ó mundo literario portugués. Hai, en fin, que desenmascarar unha distinción puramente política, pero que se extrapola fraudulentamente ó cambio cultural.'

CARLOS ALBERTO FERREIRA DE ALMEIDA: Despois das palabras tan serias e sentidas do profesor Calero só me resta ficar calado. Se nós traballasemos como o profesor Calero e o sentíramos na propia pel coma el, teriamos garantizado o agrandamento nas identidades. Temos que ter presente a figura de Serpa Pinto, que agora lembramos, e a súa permanente comunicación con Cuevillas. Somos a mesma cultura, falamos a mesma lingua, e a lingua é o dado maior que unha cultura ten. Cómpre pois estudiar e traballar, para que Galicia e Portugal non vivan de costas e convivan. Anuncio aquí que o Consello Científico da Facultade de Letras de Porto vén de aprobar un lectorado e unha sala para a cultura galega. Non nos ignoraremos se traballamos. Miremos senón, insisto, a Rui da Serpa Pinto, o nome que hoxe celebramos.

CARLOS GARCIA MARTINEZ: Xa está moito dito. Eu máis ben quero lanzar preguntas, plantexar puntos de debate. As relacións entre Galicia e Portugal foron sempre a través de contactos persoais, agás dun momento concreto: o Seminario de Estudos Galegos e a Semana de Porto no 1934. Paréceme que para que haxa unha fluidez neste achegamento mutuo é precisa a institucionalización das relacións, con tódolos riscos que conleva. As actuais xestións da Xunta de Galicia e da Universidade danse só pola cúspide, e non sei se van ter unha traducción real. Pero hai aínda algo máis importante: fóra do mundo da cultura, o pobo ¿que?. Na antropoloxía urbana veríamos cun sondeo que existe un certo rechazo mutuo...

C. A. FERREIRA DE ALMEIDA: É certo pero a rivalidade é imposible sen identidades. Tamén dentro das parroquias galegas ou portuguesas dase rivalidade entre sí. Ou vale o exemplo de calquera equipo de fútbol con outro da súa comarca: hai pugna porque existe unha identidade.

C. GARCIA MARTINEZ: Estou de acordo Pero eu falei de antropoloxía urbana, da poboación das cidades galegas, que é fundamental. E neste contexto é chamativo o feito da xente que nin sequera é galego falante...

CUESTION PRIMEIRA: (Para o profesor Carballo Calero). Quero falar da cuestión da normativización. Das tendencias isolacionistas e reintegracionistas. Paréceme que nesta segunda corrente as visións non son tan coherentes: por exemplo atopo diferencias entre as posturas defendidas por vostede e por Rodrigues Lapa. Vexo en Carballo Calero un achegamento na medida do posible, mais no filólogo portugués albíscase un certo cheiro a imperialismo idioimático... écomo reintegra-lo galego no portugués?.

RICARDO CARBALLO CALERO: O problema debe resolverse sobre bases científicas, tendo presente sincronía e diacronía. Querer facer unha lingua culta contando co galego que temos hoxe é como querer manter a un home enfermo na súa situación patolóxica. A historia do galego é unha historia clínica. A partir do XV perdeuse a dignificación da nosa lingua, que se fixo coloquial e fosilizada. 0 galego ten que sustituír unha chea de termos tomados do castelán polos orixinarios portugueses. Esta doctrina aséntase nos romanistas máis lúcidos como Menéndez Pidal e a súa admirable síntese explicativa da parcelación do latín nos diversos romances na península. Comparemos a situación do portugués respecto do galego e a do andaluz respecto do castelán. A diferencia está en que o portugués creou desde o Renacemento a súa propia ortografía, pero o andaluz falou andaluz e escribiu en castelán. Esto enmascara a realidade lingüística dese país. Felipe González Márquez tenta falar Castelán no Parlamento mais só o consegue a medias. Pero cando visita ós seus electores en Sevilla fala andaluz espontáneo e se se escribise na súa propia ortografía diferiría do castelán moitísimo máis có portugués do galego. Esta é a realidade. Nós non dicimos que o portugués sexa dialecto do galego. é,E o galego desde o punto de vista lingüístico de maior trascendencia social que o portugués?. Non. Sexamos discretos. Distingamos a lingüística da socio-política. O portugués pode e debe chamarse portugués. Sexamos transixentes, humanos, humanistas, liberais... As miñas diferencias con Rodrigues Lapa poden ser de vocabulario e de precisións conceptuais. Eu penso e falo desde Galicia, e el pensa e fala desde Portugal.

CUESTION SEGUNDA: (para o profesor Martínez López). ¿Podería explicarme a súa posición na comisión de normativa lingüística?.

R. MARTINEZ LOPEZ: Esa comisión foi algo plural. O presidente era o profesor Carballo. A posición da comisión de lingüística foi parecida á exposta hoxe aquí, con algunhas diferencias. Houbo un afán de transixir nalgúns aspectos. Os puntos de vista distintos entre o profesor Carballo e eu quizais radicaban que eu atendo máis o inmediato futuro da nosa lingua. Con eses posicionamentos reintegracionistas de seguro que aumentaríamo-las dificultades ós rapaces nas escolas e levantariamos máis opositores ó esfudio do galego. En resume, a miña posición sería moito máis transixente do que o profesor Carballo ten falado nesta intervención. Nos cultismos non fago problema, pero sí diferiría na ortografía. Esto non quere dicir que non comprenda a necesidade do contacto co portugués: todo o que escriba galego ten que ter á súa beira uns bos diccionarios portugueses como auxilio, e benvido sexa nese caso o portugués.

REFLEXION PRIMEIRA: (Fala Silvestre Lacerda, estudiante portugués). Temos que namorarnos cada vez máis uns dos outros, como insistía o profesor Santos Junior en Porto na primeira parte deste encontro. Gustaríame insistir na necesidade da cátedra de portugués en Compostela. Temos que saber mutuamente o que pasa nos dous países. Que se fomenten os intercambios estudiantís galegos e portugueses, con axudas para investigar, con bolsas de estudio. Faltan por exemplo canles comerciais para o intercambio de libros. Non hai contactos politicos e diplomáticos que pasen por Galicia, senón por Madrid.

REFLEXION SEGUNDA: Miremos só polo posible intercambio e círculos universitarios, porque é innegable o rechazo mutuo noutros ambientes máis populares e políticos... Deixemos agora dun lado os prohlemas do mero ámbito lingüístico. Existen realidades comúns que nos afectan: a CEE para unhas estructuras agrarias retardadas, os verquidos nucleares, proxectos nucleares coma o de Tras os Montes con consecuencias ecolóxicas semellantes... Estamos aquí porque Portugal e Galicia atopámonos na mesma barca. E así o noso traballo científico ten que ser visión de conxunto, superando os puros xogos idiomáticos no vacío...

REFLEXION E CUESTION TERCEIRA: Hai que insistir en dúas realidades que camiñan bastante distintas: o plano socio-político e o científico, no que nós podemos ter un maior protagonismo. Teño algunhas dúbidas sobre o plantexamento exposto polo profesor Carballo Calero. Ten que haber un entendemento entre os posicionamentos puramente científicos e especulativos e a realidade social e política que está vivindo un país. A lingua antes que nada é un factor de comunicación entre a xente, e ademais en Galicia é un conflicto social entre o castelán e o Estado Español e o idioma galego. Quero apuntar que aquí en Galicia, coa problemática actual pregunto se atender só a aspectos filolóxicos e científicos non virá actuar como un elemento distorsionador no que é un proceso de normalización da lingua. Unha cousa son as relacións de élite, e outra a realidade última para a que vale potenciar un idioma, é,non haberá que fuxir de vangardas científicas e atender máis ó momento que está vivindo Galicia?. En Porto algúns falabamos do conflicto idiomático dos nenos galegos co castelán, e agora aquí estamos engadindo unha guerra lingüística que non contribúe a facilita-lo momento histórico da Galicia autónoma; pregunto se non será un elemento dislocador andar agora con estas liortas...

CARBALLO CALERO: Na miña opinión hai filólogos e lingüístas dunha banda, e da outra hai sociólogos e políticos. O idioma é dúas cousas: un obxecto da creación humana e un vehículo de comunicación cunhas coordenadas insertas no mundo socio-político. Dun lado está o estudio científico dun idioma, e do outro a política lingüística. Eu adícome ó primeiro, e renuncio a plantexa-lo segundo problema. De maneira que o meu labor consiste e proporcionar claridade respeto do concepto do galego. Os políticos son os que deben conectar, se é posible, a esencia do galego, evitando a deriva cara ó castelán, coas dificultades que presenta un idioma falado do que o pobo non ten conciencia clara. E se vostede cre que é por un decreto como debe resolverse o problema direille que non fun eu quen decretou nada. Eu creo que hai que sinalar unha meta, acorde coa tradición romanista e galeguista, que apunta á desnaturalización do noso idioma. Se non recuperámo-la esencia do galego é preferible ensinar castelán: é,para que ensinar un galego castelaniza-do?. O meu interés é aportar unhas ideas que non son orixinais. O galego, ou é galego ou non é nada. Para que se castelanice non precisamos de premios literarios, de imposición nas escolas ou da normativa equis ou be. As cuestións de táctica concreta déixollas ós políticos.

REFLEXION CUARTA: Como ben subliñaba Silvestre e Santos Junior, o que cómpre é concretizar. Todo esto está moi ben, pero precísanse máis encontros, amistades e relacións persoais...

Descrición:
Co gallo do aniversario da Revolución dos Cravos o 25 de abril, o CCG recupera esta gravación da mesa redonda sobre as relacións entre Galicia e Portugal no I Encontro Universitario do Noroeste Península, celebrada na Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago en outubro de 1983.
Participan na mesa redonda: Ricardo Carballo Calero, Ramón Villares, Ramón Martínez López, Carlos A. Ferreira de Almeida, Carlos García Martínez. O presentador do acto é Manuel Martínez Barreiro.
Colección Amancio Liñares. Sinatura: ANMI-XUN/98

  • falante:
  • falante:
  • falante:
  • falante:
  • falante:
  • Mencionado/a:
  • Mencionado/a:
  • Mencionado/a:
  • Mencionado/a:
  • Mencionado/a:
  • Data: 00/10/1983
  • Tipo de material: Audio. Voz. Mesa redonda
  • Medidas: Duración de 1 hora, 29 minutos e 55 segundos
  • Etiquetas:
  • Ficha descriptiva:
    Gravación de audio de persoas falando
  • Localización física:
    Arquivo Sonoro de Galicia (Consello da Cultura Galega). Cidade da Cultura, Santiago de Compostela
  • Notas:
    A transcrición non é literal senón unha reinterpretación e simplificación do discurso oral.
    Col. Amancio Liñares. Doazón da persoa que efectuara a gravación, X. Amancio Liñares Giraut, quen ademais publicou unha transcrición da mesa redonda na revista Encrucillada. A versión textual inclúe unha parte inicial con intervención de Ramón Villares que neste audio non está recollida.

    Gravación da maior parte da mesa redonda sobre as relacións entre Galicia e Portugal, na que intervén Carballo Calero entre outros ponentes, na Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago con ocasión do I Encontro Universitario do Noroeste Peninsular.
    Co gallo do aniversario da Revolución dos Cravos o 25 de abril o CCG recupera esta gravación en 2020.
    Participaran na mesa redonda: R. Carballo Calero, R. Villares, R. Martínez López, C. A. Ferreira de Almeida, C. García.
    O presentador do acto fora Manuel Martínez Barreiro.
  • Entidades:
    Mención:Seminario de Estudos Galegos
    Mención:Comunidade Económica Europea
    Mención:Irmandades da Fala
    Mención:Instituto Español de Lisboa
    Gravación:Facultade de Xeografía e Historia (USC)
  • Localizacións:
    gravación: Santiago de Compostela; mención: EEUU; mención: Portugal;
Compartir: