Audio. Voz. Recitado

O equilibrio dos extremos:

Lava, luz de Bengala

.

Non me conteño, dime:
acaso non son os cormoráns que abates
idénticos a aqueles que despregan as ás
nos murais das tumbas da ribeira leste, en Luxor?
Voan a rentes da auga, mergúllanse con voracidade,
a través dos séculos turban o sono dos lotos.

A túa é a violencia da lava,
avanza prendendo nas formas, e con todo, é capaz de fluír até os capilares,
capaz, tamén, de rodear os capiteis
de cada templo derrubado nesta dobra do milenio.

Non te contés, dinche:
acaso non te inclina cara a min
aquilo que abatiches?
Así a pedra atesoura a calor da palma que a guinda,
volve á terra e destella, fugaz, tras o cataclismo.

Pero non te contés e abates,
non celebras a gravidade:
máis ben, a man que se ergue e traza un símbolo en ferradura,
unha letra en cirílico, poñamos, o alzado dunha cidade
que flota coma un enigma ante a soberbia dos ventos.

A túa é a luz de Bengala,
vence ás láminas de cobre no bico dun faro; sábese de onda os tigres,
da provincia india que porfía nun lume artificial
a forza de queimar xofre, salitre, ouro-pigmento.

Pois se non te contés...
derrámense e veñan contigo
aves e cantís, liques e rochas; veña connosco a propia montaña
fendida e vista en sección,connosco galerías,ósos pequenos,minerais pobres,
a urda do amor e a trama da furia,
arpóns, memoria, estalidos,
e no descenso, a desprenderse,
pan de ouro
pan
de
ouro,
para que as palabras se iluminen unhas ás outras.


  • autoría:
  • recitador/a:
  • Data: 21/03/2021
  • Tipo de material: Audio. Voz. Recitado
  • Ficha descriptiva:
    Gravación de audio de poetas recitando
Compartir: