Imaxe. Documento. Carnet

Historias de ida e volta: Ares en Cuba: unha emigración mariñeira:

Carné de socio do Centro Galego da Habana do mariñeiro de Redes José Pazos Deus, 1939

A miúdo, se tiñan posibilidades, os emigrantes galegos, tamén os aresáns, facíanse socios das grandes sociedades benéficas galegas creadas na illa: a Beneficencia de Naturales de Galicia e/ou o Centro Galego da Habana. Estas grandes entidades ofrecíanlles os servizos sanitarios, educativos e benéficos que precisaban para vivir con tranquilidade en Cuba. Grazas ao Centro Galego podían, en caso de continxencia, acceder a uns servizos médicos de primeira calidade. Nuns traballos tan duros como os de mariñeiro ou pescador era moi necesaria esa cobertura sanitaria. Tamén contaban cunha sección de educación que lles permitía asistir a clases nocturnas, ben para aprender a ler e escribir, ben para ampliar os seus estudos, co fin de así ascender na súa profesión, como por exemplo conseguir o título de patrón.
José Pazos Deus emigrou da súa Redes natal a Cuba moi novo e xa en 1913 conseguira o título de patrón de pesca para traballar «desde el Puerto de La Habana a Cabo de San Antonio». Seguramente para facilitar o seu traballo e integración na illa, ese mesmo ano conseguiu a cidadanía cubana. Pero nunca deixou de formar parte da colectividade e continuou vinculado coas asociacións creadas para a protección e axuda mutua dos emigrantes galegos.

  • Data: 00/00/1939
  • Tipo de material: Imaxe. Documento. Carnet
  • Etiquetas:
  • Localización física:
    Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega
  • Notas:
    Fondo: Consello da Cultura Galega. Arquivo da Emigración Galega. Col. particular de Ernesto López Naveiras
  • Entidades:
    Edición:Centro Galego. A Habana
  • Localizacións:
    orixe: A Habana, Cuba;
Compartir:
Image 1