Historias de ida e volta: Ares en Cuba: unha emigración mariñeira:
Unha xornada de lecer: dependentes aresáns da ferraxería Casteleiro, Vizoso y Cía., ca. 1920
Coa prosperidade do negocio, Segundo Casteleiro e Gaspar Vizoso, os seus propietarios, contrataron mozos da súa comarca natal, ben da súa familia ou ben fillos de veciños da súa máxima confianza. Ao chegar á Habana, estes rapaces instalábanse no magnífico edificio sede da ferraxería. A empresa, cunha política de axuda mutua e promoción dos seus empregados, encargábase de inscribilos no Centro Galego para que tivesen atención sanitaria e educativa e, dependendo da súa capacidade e interese, ocupábase da súa educación nas horas libres, con clases de idiomas, contabilidade… e mesmo cursos de formación comercial no estranxeiro.
Na fotografía aparecen retratados Ángel Bello Amado, Bernardo Bello Vizoso e Bienvenido Bello Amado (sentado), todos naturais de Redes, e mais Gaspar Calvo Vizoso, de Franza (Mugardos). Estes mozos traballaban e gozaban do seu tempo libre xuntos. Todos tiveron unha longa vida laboral na empresa, na que escalaron postos de responsabilidade: desde auxiliares de tenda ascendían a dependentes e, se demostraban iniciativa e valían, pasaban a ser encargados e delegados das tendas creadas por toda a illa ou a ocupar postos na administración e oficinas. Algúns incluso acabaron formando parte da empresa, como Gaspar Calvo Vizoso, quen chegou a ser xerente. Coa formación e experiencia na ferraxería outros independizáronse e lograron ser propietarios do seu propio negocio.