Historias de ida e volta: O labor filantrópico dos irmáns García Naveira en Betanzos :
O Parque do Pasatempo de Betanzos ante novos tempos e merecidas oportunidades
A construción do Parque do Pasatempo comezou en 1893 e contaba nada menos que con nove hectáreas de superficie para desenvolver un soño multipropósito. Non se trataba só dun espazo para acadar o enxalzamento perpetuo da figura de Juan García Naveira e da súa familia, senón de transmitir coñecemento a partir das experiencias vividas tras percorrer países de medio mundo, ensinanzas plasmadas en cada recanto do elaborado recinto para o deleite dos seus visitantes. O Pasatempo resultou, sen dúbida, un recurso pedagóxico inherente ás escolas fundadas polos irmáns García Naveira, sen parangón en España. A súa decadencia comezou coa morte de Juan García Naveira en 1933. Desde entón, nada quixo ser tan grande para quedar tan pequeno.
Varios historiadores afirman que existe a posibilidade de que o parque se convertese nun campo de concentración de prisioneiros republicanos de Betanzos durante a Guerra Civil. Unha vez rematada a guerra, o parque enciclopédico foi sometido ao esquecemento. En 1986 pasou a ser propiedade do Concello de Betanzos, o que, nun principio, non garantiu a súa rehabilitación e posta en valor, senón a utilización de varios espazos para funcións alleas ás orixinais e a desaparición de varias infraestruturas presentes nese tesouro recreativo. Nos anos noventa habilitouse para o uso público e comezou a construción dun auditorio ao aire libre. En 2017 o Concello solicitou á Xunta de Galicia que O Pasatempo se declarase ben de interese cultural, petición que se resolveu favorablemente tres anos despois, mediante o Decreto 23/2020, do 6 de febreiro, polo que se declara ben de interese cultural o Parque do Pasatempo de Betanzos (A Coruña).