• slidebg1
    ANTONIO
    FRAGUAS
    Destacado historiador, etnógrafo, antropólogo e xeógrafo galeguista..

Antonio Fraguas. Unha vida dedicada á cultura e á docencia

Antonio Fraguas naceu na aldea de Insuela, da parroquia de Loureiro, concello de Cotobade. Non era frecuente naquela época que os nenos do rural fosen ao instituto, por iso cando Fraguas chegou ao de Pontevedra, para distinguilo dos demais Antonios, alcumárono "o da aldea". Etiqueta que levou con orgullo ata moito tempo despois. Seguindo o consello dos seus mestres, entre eles Castelao e Losada Diéguez, aquel rapaz da aldea chegou á universidade compostelá, onde estudou con brillantez Filosofia e Letras.

Na súa etapa universitaria iniciou a senda da política e, sobre todo, a da investigación na cultura popular ao abeiro do Seminario de Estudos Galegos. Foi alí onde entrou en contacto con Otero Pedrayo, con Losada Diéguez, con López Cuevillas e con tantos outros. Precisamente foi Cuevillas quen lle encomendou a catalogación dos xacementos castrexos da Terra de Deza. Non é de estrañar que o seu discurso de ingreso como membro do Seminario de Estudos Galegos versase sobre o catro de Soutolongo (Lalín). Despois chegarían as investigacións sobre as mámoas do Saviñao, Melide, Cotobade, Listanco..., que terían forma de libros ou de estudos. Quedaba claro o seu interese pola cultura popular pero tamén pola arqueoloxía, pola política (asinou o Manifesto de Ezquerda Galeguista), polos medios de comunicación (participou activamente nas emisións de EAJ 4 Unión Radio Galicia, popularmente coñecida como Emisora Compostela, e a súa voz foi a primeira en oírse nas ondas) e pola docencia. O 4 de abril de 1933 tomou posesión como profesor de Xeografía e Historia do "Colexio Subvencionado-Estatal" da Estrada, que dependía do Instituto de Pontevedra. A súa actividade non se circunscribiu ás aulas, senón que tivo unha forte implicación social e cultural que o levou a catalogar xacementos arqueolóxicos co alumnado, a montar un museo no centro escolar, a dirixir o cadro de declamación da Agrupación "Artística Estradense" e, ademais, a ser secretario do Partido Galeguista, polo que participou nas eleccións do 36 en que triunfou a Fronte Popular. Accións polas que foi purgado, humillado e paseado polas rúas da Estrada como un trofeo polos falanxistas.

No paréntese da Guerra Civil malviviu dedicándose ao ensino privado, ata que en 1942 lle permitiron impartir outra vez algunhas clases como profesor auxiliar na Facultade de Filosofía e Letras. Empezou así unha nova vida que comezou coa creación do Instituto "Padre Sarmiento" de Estudos Galegos, onde lle encomendaron a catalogación dos libros do extinto Seminario. Tras a lectura da súa tese de doutoramento, aprobou as oposicións a catedrático de instituto e obtivo destino en Lugo, onde repetiu o patrón cultural que xa fixera na Estrada, cunha ampla acción cultural.

Por proposta de Salustiano Portela Pazos, Ramón Otero Pedrayo e Luís Iglesias Iglesias, o 19 de abril de 1951 é nomeado académico de número da Real Academia Galega. Ocupou a cadeira de Castelao, morto seis anos antes no exilio arxentino, a quen lle fixo un emocionado eloxio.

En 1959 regresou a Compostela, logo de solicitar o traslado ao instituto feminino Rosalía de Castro, do que será xefe de estudos e vicesecretario. Tarefa que compatibilizará ata a súa xubilación coas clases na Facultade de Filosofía e Letras. Unha vez xubilado, dispón de tempo para investigar, impartir conferencias e participar en actos relacionados coa cultura; como a primeira reunión, o 24 de xaneiro de 1976, para sentar os xermolos da creación dun museo de antropoloxía de Galicia, que se denominará Museo do Pobo Galego. Vello soño que se cumpriría grazas aos desvelos de Carlos García, Justo Beramendi e Manuel Gallego.

No seu currículo tamén destaca outra actividade sobranceira, membro electivo do Plenario Consello da Cultura Galega desde a súa creación. Foi tamén coordinador da Sección de Antropoloxía Cultural desta institución e baixo o seu mandato realizáronse varios congresos e publicáronse as actas correspondentes, ademais de diferentes libros.

Incansable e traballador, dispón de tempo para concluír varias obras, algunhas tan representativas como El traje gallego (1985) e tamén chegan os días dos recoñecementos por toda unha vida dedicada a Galicia: Pedrón de Ouro (1984), Medalla Castelao (1985), Premio Trasalba (1985), Premio de Investigación da Xunta de Galicia (1988), Medalla de Ouro ao Mérito Cidadán e Cultural do Concello de Santiago (1989), Cronista Xeral de Galicia (1992), Premio Otero Pedrayo das catro deputacións provinciais (1992), Premio das Letras e das Artes da Xunta de Galicia (1995), Insignia de Ouro da Universidade de Santiago (1995)...

O 31 de outubro de 1999 publicou o derradeiro artigo no xornal compostelán O Correo Galego, lembrando a estadía nas terras lucenses do Saviñao en 1928. Cinco días despois, faleceu en Compostela e recibiu sepultura no cemiterio de Boisaca, entre Aurelio Aguirre e Ramón María del Valle Inclán, aos que se uniu o 5 de xaneiro de 2012 o seu amigo Isaac Díaz Pardo.

E tamén ANTON FRAGUAS E A RADIO

Por Xosé Ramón Pousa
Descarga o texto aquí

Os seus libros

Fixo un gran labor no marco da Seccion de Antropoloxía do Consello da Cultura Galega e deixou tras de si un gran número de publicacións. Aquí ofrecemos algunhas delas e máis outras colaboracións da súa autoría.

na sÚa voz

Peneiramos no Arquivo Sonoro de Galicia e nos do RNE para ofrecer a súa voz.

A dimensión musical

Como cada ano, o Consello da Cultura Galega organiza o seu tradicional Concerto das Letras Galegas, que busca unir textos e música co obxectivo de subliñar a dimensión conmemorativa, reivindicativa e festiva da xornada, sempre ao redor da figura homenaxeada no Día das Letras. Cada ano, na súa honra, estréase unha nova peza composta para a ocasión.

Ver

eN IMAXES

No noso fondo fotográfico repousan as imaxes que ofrecemos a continuación, que dan conta do seu dinamismo no marco da actividade do Consello da Cultura Galega.

Antonio Fraguas Fraguas
Primeiros estudos etnográficos (1930-1932)

Con este libro de homenaxe a Antón Fraguas con motivo do Día das Letras Galegas 2019, o Consello da Cultura Galega quere poñer o acento na súa etapa inicial. As catro pezas recollidas a modo facsimilar e datadas entre 1930 e 1932, nos tempos da súa pertenza ao Seminario de Estudos Galegos, son de contido etnográfico e están escritas en lingua galega, a lingua natural de don Antonio e a lingua que el teimou en normalizar tamén nos espazos e ámbitos dos que unha historia pouco natural a afastara. Ponlles marco biográfico e científico outra referencia inescusable na etnografía galega, Clodio González Pérez, que tamén compartiu con don Antonio traballos, angueiras, proxectos e realidades no seo da vella Ponencia de Antropoloxía Cultural do Consello da Cultura.

Ficha do libro

Novas

O Consello da Cultura Galega desenvolverá ao longo de 2019 unha serie de iniciativas encamiñadas a dar unha maior difusión á súa figura. Neste apartado atoparás toda a información xenerada pola institución acerca de Antonio Fraguas.

O Consello da Cultura analiza a etapa inicial de Antonio Fraguas na súa publicación de homenaxe

Son as primeiras publicacións etnográficas, están en galego e son anteriores á Guerra Civil. Son os principais criterios elixidos polo Consello da Cultura Galega no libro de homenaxe a Antonio Fraguas con motivo do Día das Letras Galegas. Con esta publicación ponse o acento na súa etapa inicial, na de pertenza ao Seminario de Estudos Galegos, que senta as bases do seu pensamento. A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o autor do estudo crítico e biográfico, Clodio González; e o presidente da Fundación Antonio Fraguas, Xusto Beramendi, presentaron esta mañá a edición facsimilar numerada. Ademais, tamén se presentou o Roteiro Fraguas, que ofrece un percorrido de 39 puntos que discorre pola vida e obra do etnógrafo.

Ler a nova

Xa están dispoñibles as entradas do Concerto das Letras Galegas

Desde hoxe xa se poden recoller as entradas para asistir ao Concerto das Letras Galegas que terá lugar o vindeiro día 16 de maio (ás 20:30 horas) no Auditorio de Galicia. Nesta ocasión, o concerto institucional corre a cargo da Orquestra folk SondeSeu coa colaboración do grupo de baile O Fiadoiro. As entradas son gratuítas e retíranse no Teatro Principal (aberto de martes a sábado de 18.00 a 21.00h) ou o propio día 16 no auditorio. Só se poden retirar dúas entradas por persoa.

Ler a nova

Un concerto e unha publicación, entre as actividades do Consello da Cultura Galega para o Día das Letras Galegas.

O Museo do Pobo Galego acolleu esta mañá un gran acto que xuntou a todas as institucións e entidades implicadas na celebración do Día das Letras Galegas e que este ano pon os ollos en Antonio Fraguas. Nel participou a presidenta do Consello da Cultura, Rosario Álvarez, quen destacou o incansable labor do homenaxeado no tempo que permaneceu no Consello da Cultura Galega ao dicir que “foi un membro activo e, á fronte da Sección de Antropoloxía, amosou una gran capacidade e dispoñiblidade para conectar, para servir de ponte coa cultura tradicional”. Ademais, indicou as actividades que a institución prepara para este ano entre as que destaca unha publicación e un concerto.

Ler a nova

O Consello da Cultura reforzará en 2019 a acción exterior e a renovación institucional

O Consello da Cultura Galega (CCG) celebrou no serán deste xoves unha sesión plenaria ordinaria na que se aprobou o programa de actividades para 2019. Entre elas figura o Concerto das Letras Galegas, que este ano correrá a cargo da orquestra SondeSeu; a colaboración institucional para a recuperación da figura de Antón Fraguas; unha maior innovación nos formatos de actividades así como o reforzo das actuacións en acción exterior e emigración. Nesta última liña, sitúase a exposición “Os adeuses”, en Ellis Island (Nova York), que se inaugura o vindeiro de 9 de febreiro e irá acompañada dun variado programa cultural. A sesión contou coa presenza do Presidente de Honra da institución, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, quen destacou na súa intervención a relevancia do papel asesor do CCG.

Ler a nova

As xentes, pedras e ríos de Galicia con Antonio Fraguas

Este roteiro percorre 120 vizosos quilómetros das provincias de Pontevedra e Ourense, visitando espazos biográficos de Antón Fraguas, territorios que foron obxecto das súas investigacións etnográficas e históricas e que deixou plasmadas en numerosas publicacións. Diversidade de paisaxes, de arquitecturas e de xentes para coñecer mellor a un dos grandes etnógrafos de Galicia.

Coñece o roteiro