A Lindona de Galicia

Galicia nos comezos do século XVII

A Lindona de Galicia

Isidro Dubert, profesor da Universidade de Santiago de Compostela, explica a situación do país a inicios do século XVII e a súa relación coa Coroa.

Nos comezos do século XVII, a sociedade galega era maioritariamente rural, pois nove de cada dez habitantes do reino vivían no medio rural. As vilas e cidades eran poucas, pequenas e atopábanse espalladas de xeito desigual polo territorio. Só as de Pontevedra, Santiago, A Coruña e Ourense superaban os mil veciños, en tanto que Lugo e Mondoñedo tiñan pouco máis de catrocentos.

Na altura, os galegos e galegas padecían os efectos da longa crise agrícola xerada polas fames e carestías rexistradas no reino dende os comezos da década de 1560. As novas sobre elas apuntan a que, entre 1560 e 1630, cada tres anos e medio se producía en toda ou en parte de Galicia unha perda total ou parcial das colleitas. Pola súa banda, as catro grandes fames que barreron o conxunto do territorio –as de 1563, 1586, 1598 e 1618– sucedéronse no tempo cunha cadencia media de dezaoito anos. Do temor que suscitaban entre as xentes dá conta, por exemplo, o feito de que, cando chegaron á cidade da Coruña novas sobre as malas colleitas de 1585, os seus habitantes aínda non esqueceran o moito que sufriran durante “o ano pasado de cincocentos e sesenta e tres [en que] houbo falta e necesidade de pan”.

A pegada destas fames nun mundo que dependía estreitamente do cultivo da terra para sobrevivir era enorme e detrás delas atopábase unha fase de arrefriamento climático, a chamada Pequena Idade de Xeo. Durante esta, produciuse unha relativa concentración de desaxustes climáticos nos cambios de século, como no salto do XVI ao XVII, durante o cal houbo anos de forte seca seguidos de anos de intensas choivas e frío. Agravando a mala situación económica e social que creaban, estivo tamén a actuación da peste, que correu polo reino en 1567-73, 1576-82 e 1598-99. Da cadencia destes ciclos de difusión despréndese que entre 1567 e 1599 o mal fixo acto de presenza un de cada dous anos nalgún punto da Galicia.

Non eran bos tempos para os galegos e as galegas, e máis aínda se temos en conta que os prezos dos cereais se multiplicaron por dous entre 1550 e 1600.

Malia todo, a crise agrícola non foi tan longa nin tivo unha pegada tan forte sobre o conxunto da poboación como na veciña Castela, que entre 1575 e 1660 perdeu por mor dela case que unha cuarta parte dos seus habitantes. Fronte a isto, a poboación galega conseguiu medrar un 17 % entre 1591 e 1631 e, se ampliamos o marco de observación, resulta que chegou a multiplicarse por dous entre 1533 e 1631. Na base deste diferente comportamento están as posibilidades que aos labregos lles ofrecía unha agricultura que, en moitas comarcas do país, permitía a obtención de cando menos dúas colleitas ao ano, polo que se unha se perdía sempre cabía contar coa outra. Nestas condicións, a verdadeira faciana da crise non foi demográfica, senón social.

As perdas das colleitas ocorridas entre 1560 e 1630 foron particularmente lesivas para o conxunto do campesiñado, o cal se veu sumido eses anos nunha situación de extremada debilidade económica e necesidade material. As sucesivas crises agrícolas e os efectos das pestes endebedaron e empobreceron os labregos, en particular aqueles que a partir de 1560 tomaran cartos a crédito dos fidalgos, cregos e individuos pertencentes ás elites do comercio, o artesanado e a Administración, poñendo como garantía as terras que traballaban. Outras veces, os labregos víronse obrigados a venderlles aos anteriores parte dos seus predios e gando para deste xeito poder pagar, ademais das débedas contraídas con eles, as rendas da terra, as cargas eclesiásticas e os impostos reais e señoriais que recaían sobre as súas costas. Mais a posterior evolución dos acontecementos fixo que moitos acabasen perdendo as terras e o gando a beneficio dos poderosos. Uns bens que estes lles devolvían de inmediato baixo a forma dun foro, dun arrendo ou dun contrato de parzaría, que endurecía as vellas condicións de uso e gozo deles. Foi así, entre outras cousas, como a fidalguía consolidou o seu poder e como os aspirantes a ela –mercadores, comerciantes, xuíces, rexedores, escribáns, cóengos, párrocos...– atoparon unha fórmula para promocionarse socialmente ao conseguir por esta vía comezar a vivir, a semellanza da nobreza, da renda da terra.

Esta presión dos poderosos sobre o campesiñado producíase no marco da coñecida como “segunda vaga da fidalguía”, que se desenvolveu entre 1550 e 1650, aproveitando a súa miseria para sometelo a una auténtica explotación económica e social. A cobiza dos cregos, fidalgos e aspirantes á fidalguía levounos mesmo a tratar de apropiarse dos montes e comunais, dos que proviña unha parte substancial da colleita de cereais, pasto para o gando, estrume para os campos ou leña para as casas. Subíase así un chanzo máis no secular proceso de apropiación da terra e do traballo campesiño por unha minoría social –cregos e fidalgos– que en 1591 apenas chegaba a ser o dous por cento do total dos habitantes do reino. Neste contexto, as súas continuas esixencias, xunto á necesidade dos labregos de procurar cartos para pagar as débedas, sobrevivir e facer fronte ás crecentes demandas fiscais da Facenda Real, da nobreza e fidalguía e da Igrexa, empurrou moitos á emigración.

De feito, a partir de 1560 as saídas á sega de Castela intensificáronse, igual que a tendencia a marchar a Madrid a buscar a vida. En Medina do Campo, lugar de paso para os galegos e galegas que ían nunha ou noutra dirección, o número de atendidos nos hospitais multiplicouse por catro entre 1578-85 e 1619-29. En todo caso, dende alí partían logo cara a unha cidade que non deixou de medrar dende que en 1561 fora convertida en capital política e administrativa do Imperio español, grazas a un fluxo continuado de inmigrantes chegados, sobre todo, do norte e interior peninsular.

Xa en Madrid, os emigrantes galegos traballaron, igual que os leoneses, asturianos, manchegos ou estremeños, en oficios humildes. Xunto a eles, mais situados noutro plano social, atopábase tamén o groso dos nobres de Galicia servindo ao rei de España, caso, por exemplo, do conde Lemos. Moitos deles, como o citado conde, mantiñan unha estreita relación con escritores e dramaturgos como Lope de Vega, Góngora ou Quevedo, os cales insultaban, estigmatizaban e denigraban social e culturalmente nas súas obras os emigrantes galegos pola súa orixe e a súa lingua. É máis, foron eles os que mellor retrataron esa nobreza galega que acotío trataban. Así se aprecia na comedia La Lindona de Galicia (1625), na que as elites do reino de Galicia se expresan en castelán, en tanto que o emprego do galego se reserva para unha muller cuxo comportamento se sitúa á marxe da norma social e sexual dominante. No fin de contas, a Lindona é amante –non esposa–, nai solteira, asasina da súa crianza, tirana cos homes, irrespectuosa coa monarquía e a nobreza e, sobre todo e ante todo, galegofalante, igual que os emigrantes chegados de Galicia.

Dous marcadores negativos, xénero e lingua, que atravesan a obra dos autores situados na onda cultural na que se movían os nosos nobres en Madrid, caso do mencionado conde de Lemos. Por iso, como historiador, un non deixa de preguntarse que Galicia defendían en obras como El Buho Gallego, se a que eles encarnaban como clase dominante cando explotaban en Galicia aos emigrantes que en Madrid ignoraban, ou se esa defensa era só unha escusa para facer valer os seus particulares intereses na “corte” do rei de España.