A Lindona de Galicia

A Lindona de Galicia

La Lindona de Galicia: unha traxectoria dramática entre a paixón amorosa e a tiranía

A Lindona de Galicia

A investigadora Delphine Sangu analiza a singular personaxe da Lindona e o seu perfil transgresor

Introdución
Lindona é a protagonista epónima do drama histórico La Lindona de Galicia, escrito nas primeiras décadas do século XVII por Andrés de Claramonte. Pon en escena a loita polo poder entre dous irmáns, Sancho e García, tras a morte do seu pai, o rei Fernando I de León e Castela, en 1065. De acordo co testamento deste, García recibe Galicia, onde reina de 1065 a 1071, ano en que os seus irmáns, Sancho e Afonso, se apoderan do reino e o reparten entre eles. Tras morte de Sancho en 1072, García recupera o reino, pero en 1073 o seu irmán Afonso, entón rei de León e Castela, méteo preso nun castelo ata a súa morte en 1090.

A materia histórica
Andrés de Claramonte reelabora a materia histórica respectando:

(i) As coordenadas espaciais e temporais xa que sitúa a acción dramática na Galicia medieval.
(ii) O núcleo temático, ou sexa, as relacións conflitivas entre os dous irmáns.

Porén, o dramaturgo introduce unha novidade que corresponde á integración da personaxe da Lindona na acción dramática. Na lista de personaxes, o dramaturgo atribúe a Lindona o estatuto de dama, personaxe feminina elaborada respecto ás convencións estéticas e éticas do decoro e caracterizada pola súa beleza, a súa mocidade e virtude moral. Nos dramas históricos, o acatamento da dama ás normas do decoro proponse a través dunha intriga dramática que mestura amor e poder. Neste marco, as normas éticas que rexen a traxectoria da dama son a castidade e a renuncia voluntaria ao poder político.

Lindona: unha traxectoria dramática transgresiva entre paixón amorosa e tiranía

A traxectoria dramática de Lindona constrúese por oposición ás normas que rexen a conduta da dama virtuosa. Lindona transgride os principios do decoro tanto a nivel amoroso como a nivel político.

Paixón amorosa
Lindona é a manceba de García, co que ten unha filla nacida fóra do matrimonio, o que provoca o desprezo dos nobres galegos.

No ha de ser Reina la que fue manceba del Rey, aunque Lindona es en Galicia la más rica y más noble.
(La Lindona de Galicia, Xornada primeira, vv. 407-409, p. 338)


Os nobres opóñense á voda de Lindona con García e amósanlle a García un retrato da infanta portuguesa dona Leonor. Seducido pola beleza de Leonor, García acepta casar con ela e, en sinal de promesa, coloca o retrato da infanta portuguesa na cadeira real. Ao enterarse de que García non casará con ela, Lindona enlouquece e invectiva o retrato da infanta portuguesa:

Eu la vosa mujer, dexay esas zumberías, advertid, que en demasías, mal sufrida vendré a ser.
(La Lindona de Galicia, Xornada primeira, vv. 556-559, pp. 341-342)


Na réplica de Lindona, o apóstrofe, a acumulación de imperativos, así como a ameaza que profesa contra Leonor, son indicios da súa ira. O furor de Lindona lévaa a botar a súa filla ao mar, converténdose nunha figura de Medea. A esta serie de actos transgresivos a nivel amoroso, corresponde unha serie de actos transgresivos a nivel político.

Tiranía política
Na esfera política, Lindona aparece como a aliada de García ao principio da intriga dramática e antes da súa ruptura amorosa. Na segunda xornada, García mándalles aos seus soldados que apresen a Lindona por matar a súa filla cando sae a escena o rei Sancho. Lindona aprovéitase da chegada de Sancho para pedir xustiza contra García:

Si de mias querellas queréis hacerme vengada dexay que preso le teña
en o meu castelo, a donde morte sin morrer padezca eterna.
(La Lindona de Galicia, Xornada primeira, vv. 749-753, p. 348)


Sancho acepta a petición de Lindona e delégalle o seu poder de render xustiza. Pero, en realidade, Lindona exerce a lei de xeito inxusto negándose a recoñecer o seu crime e acusando a García da morte da súa filla. Lindona combina vinganza amorosa e exercicio inxusto da lei. A continuación, Lindona encadea a García nunha torre sen luz, durante vinte anos. Cada día, un grupo de labregos galegos cántalle a seguinte canción, para recordar a súa desgraza:

Cantan dentro los Gallegos.
Esposo de Leonor, pídele favor, borrareis, o viello finele do Castello, de la Ribadulla tarde, mal è nunca.
(La Lindona de Galicia Jornada segunda, vv. 1335-1340, p. 368)


Conclusión
A traxectoria dramática de Lindona caracterízase pola paixón amorosa e o exercicio inxusto da lei, ou sexa, a tiranía. Deste xeito, Lindona inscríbese nunha liñaxe feminina subversiva, que conta con figuras emblemáticas como as encantadoras Medea e Circe. O matricidio que comete Lindona vincúlaa con Medea. A referencia á maga Circe vén explicada polo gracioso Mormojón, que compara o castelo de Lindona, oculto nas selvas galegas, cos “pazos de Medusa e Circe”:

Yo imagino que éstos son los palacios de Medusa
y de Circe.
(La Lindona de Galicia, Jornada segunda, vv. 1360-1362, p. 369)


Galicia aparece como un territorio xeográfico salvaxe, máxico, propicio a unha mitoloxía feminina transgresiva.

No marco da miña tese de doutoramento, realicei unha transcrición e o esquema métrico de La Lindona de Galicia. Ver Delphine Sangu, Thèse de doctorat : Savoir-être au féminin dans le drame historique en Espagne (1625-1680). Volume II. Annexes, Thèse soutenue le 13 Mai 2011. Université de Paris VIII Saint-Denis, 688 pages.