500 anos de Asamblea de Melide

A Xunta de Melide: o contexto e os feitos

Pegerto Saavedra
Universidade de Santiago de Compostela

Para entender o acontecido na vila de Melide o 4 de decembro de 1520, cando os caporais das máis importantes casas nobres e algúns prelados e membros de cabidos catedralicios, de modo persoal ou mandando apoderados, se axuntaron para tomar diversos acordos, facéndose pasar por representantes do Reino de Galicia, hai que reparar na situación política e social que atravesaba Galicia desde a morte da raíña Isabel en 1504.

En efecto, se o poder real se afirmara con claridade en Galicia desde 1480, co sometemento político dunha nobreza belicosa, afeita a obrar sen outras limitacións que as que uns feudais poñían a outros, e coa percepción regular das cargas fiscais, que antes os monarcas eran incapaces de cobrar, desde 1504 as cousas cambiaron, e en certo xeito houbo unha volta á situación anterior ao reinado de Isabel e Fernando. A desaparición da primeira deu orixe a unha grande inestabilidade na coroa de Castela, pola situación persoal da súa filla Xoana, viúva desde setembro de 1506, e vítima das ambicións, primeiro, do seu home e, logo, de seu pai e do propio fillo.

O caso é que nesta conxuntura algúns señores galegos aproveitaron para levantar de novo a cabeza e facerse co control do Reino, sendo os máis ousados o conde de Lemos (don Rodrigo Osorio), o de Vilalba (don Fernando de Andrade) e o arcebispo don Alonso de Fonseca III. O primeiro facíase valer en 1520 diante de Carlos I, lembrándolle que, grazas a el, os seus pais Felipe e Xoana puideran desembarcar con todas as garantías no porto da Coruña en abril de 1506 para emprender logo o camiño de Santiago e Ourense e continuar até a provincia de Zamora. “Yo fui una de las principales partes para que alteza /Felipe o Fermoso/ viniese a España” afirma, pois o rei Fernando, “con achaque de hacer gran recibimiento al rey don Felipe”, mandara axuntar nos portos do cantábrico moitos cabaleiros para que na práctica o conducisen pola forza á súa presenza, polo que o borgoñón, avisado do perigo, mandara un propio para notificarlle ao de Lemos que tiña determinado desembarcar en Galicia: “de manera que yo me ofrecí por su servidor e le quedé de dalle pacífico todo el Reino de Galicia” (García Oro, 1981). Don Rodrigo afirma que era quen de controlar o Reino, sen contar para nada coas autoridades reais.

Desde 1506 en diante sucédense os episodios nos que os condes de Lemos e de Vilalba e o arcebispo Fonseca demostran que son eles os que mandan en Galicia, aínda que o primeiro non conseguise recuperar a vila de Ponferrada e o resto do patrimonio situado alá do Cebreiro, que perdera con ocasión dun preito sucesorio tras a morte, en 1483, de seu avó don Pedro Álvarez de Cabreira, primeiro conde hereditario de Lemos. En 1507 don Rodrigo Osorio e don Fernando de Andrade asinaron un pacto para manter pola súa conta pacificado o Reino e deron noticia del a todas cidades e vilas, aclarándolles que non permitirían a cobranza de cantidades concedidas polas Cortes de Castela se non estaba acreditado que os repartimentos eran resultado da vontade da raíña Xoana, “que por la tristeza y congoxa que tiene por el fallesçimiento del rey nuestro señor […] no ha querido ni quiere entender ni gobernar ni dar poder a quien entienda y gobierne estos reinos”.

As cousas continuaban igual cando Carlos I, que se proclama rei en Bruxelas sen respectar os dereitos da súa nai, acode a España en 1517, cando xa morrera o seu pai, e ao pouco tempo convocou cortes en Castela e nos diferentes territorios da coroa de Aragón. A elección imperial era boa para a dinastía dos Habsburgo, pero as cidades de Castela con voto en cortes, cansadas da inestabilidade política motivada pola morte de Isabel e que agora, ante a ameaza da ausencia do rei-emperador, podía alongarse, entendían que o feito de que o monarca asumise a nova dignidade traería malos resultados para o reino. A estas prevencións engadíase a solicitude dun novo servizo para facer fronte aos gastos ocasionados por “el fecho del Imperio” (en realidade a compra dos príncipes electores) e que debían aprobar os procuradores das 18 cidades que tiveron que acudir a Santiago en marzo de 1520.

De primeiras, convocar cortes en Santiago era unha novidade ben grande, pois o que se estilaba era que as asembleas se realizasen nalgunha das cidades que tiñan voto, do que estaban privadas as sete de Galicia, e polo tanto Santiago e A Coruña, onde tiveron lugar as reunións. Se en 1518 estas dúas cidades mandaran delegados a Carlos I para dicir que revogaban o suposto poder que en data incerta lle terían outorgado a Zamora para que falase nas cortes no nome de Galicia, e polo mesmo reclamaban o voto, agora, con ocasión da asemblea inaugurada no convento de San Francisco de Compostela a fins de marzo, as circunstancias para a recuperación do voto parecían máis favorables, pois os procuradores de Zamora estaban entre os que se resistían a conceder os servizos solicitados polo monarca. Xa se valeran deste argumento as cidades da Coruña e Betanzos cando tiveron noticia da convocatoria de cortes: “No es cosa justa que una çibdad de otro reino hable ni dé voto por Reino tan antiguo y noble como este de Galizia, en especial en cosas de que Vuestra Magestad no es servido” (García Oro, 1994). Foi así como o arcebispo Fonseca e don Fernando de Andrade apareceron no convento franciscano para rexeitar que Zamora fose a voz de Galicia, o que ocasionou un atagallido, cando o presidente das cortes “atravesóse con el conde de Villalba, en palabras de mucha pesadumbre”. As xestións, que se repetiron na Coruña, non deron resultado.

Cando Carlos I sae da Coruña para o Imperio, as cidades de Castela principiaran o levantamento coñecido como a revolución das Comunidades, que se ao comezo era un movemento urbano para solicitar a participación das poboacións con voto na gobernación do reino en ausencia do monarca, axiña propiciou que aparecesen episodios antiseñoriais, en especial en contra da nobreza. Esta situación, non buscada polos comuneiros, provocou temor na aristocracia, que até ese momento non se pronunciara en favor nin en contra das reivindicacións das cidades, que só tiñan contido político. E os señores galegos, leigos e eclesiásticos, coñecedores da evolución dos acontecementos, tamén se alarmaron, de aí que procuren influír nas cidades para que non se unan á rebelión e traten de evitar calquera revolta dos vasalos. Así, o conde Lemos, cando os rexedores da cidade de Ourense lle piden consello (sinal do poder de don Rodrigo no Reino) sobre se deben ou non apoiar as Comunidades (como lles solicitaban desde Castela), dilles que se manteñan na obediencia ao monarca: “porque al cabo las cosas no han de parar en el estado en que están, /sino/ que han de venir a su verdadero fin, que es la paz, y esta no se puede haber sin obediencia a su rey”. E o arcebispo Fonseca informaba a Carlos I de que “este Reino […] está sosegado y en vuestro servicio, como quiera que no ha sido ni es sin mucho cuidado y fuerça de gente que para ello se tiene” (García Oro, 1981).

Os señores galegos lembraban ben a revolta dos Irmandiños, e varios deles tiñan entón preitos pendentes na Real Audiencia e na Chancelaría de Valladolid con concellos que se resistían ao pago de determinadas cargas. E como as institucións da monarquía que debían garantir a orde social estaban bloqueadas, a solución para evitar novos levantamentos era conxurarse e dar apoio uns a outros, no caso de ser necesario. Doutra banda, a conxuntura política do momento, con moitas cidades con representación nas cortes unidas ás Comunidades, seguía a ser favorable ás peticións que viñan formulando diferentes sectores de Galicia de cara á recuperación do voto. Tal é a situación na que se realiza a xunta de Melide, da que se conservan os acordos, publicados en 1882 na revista Galicia Diplomática (núm. 14, t. I, pp. 97-100). A centralidade xeográfica de Melide e o feito de estar en parte ben comunicada pola principal ruta de peregrinación a Compostela explican que a vila fose elixida para a xuntanza do 4 de decembro de 1520. Na data aparecen en persoa o arcebispo Fonseca, o conde de Vilalba, o deán de Mondoñedo e varios fidalgos de lustre, namentres envían apoderados o bispo de Lugo, a condesa de Lemos dona Beatriz de Castro (seu pai don Rodrigo morrera pouco antes), os condes de Altamira e Monterrei así como o marqués de Astorga e algúns outros. En total dúas ducias de señores, pois os concorrentes teñen unha cousa en común: son os principais señores de vasalos de Galicia, comezando polo arcebispo compostelán.

A xunta de Melide aprobou un documento de 14 puntos. Penso que na súa elaboración o arcebispo don Alonso de Fonseca III e o conde de Vilalba (don Fernando de Andrade) tiveron moito que ver, en particular o último, pois a súa traxectoria política desde comezos do XVI está conducida polos esforzos para defender os intereses dos señores, pero tamén amosa un certo compromiso coas necesidades do Reino, non só no asunto do voto, senón tamén no tocante á defensa das costas, á necesidade de poñer couto aos abusos do reforma monástica (que suprimía de modo violento moitos pequenos cenobios) e á oportunidade de participar nas vantaxes comerciais que ofrecían as novas colonias do Índico e do Atlántico, unha cuestión que interesaba moito na cidade da Coruña, coa que Andrade tiña boas relacións. Todos estes asuntos están presentes no documento concordado a principios de decembro, no que os asistentes atribuían a eles mesmos a condición de representantes do Reino e que foi comentado con tino por Salustiano Portela Pazos na súa obra Galicia en tiempo de los Fonseca (1957).

As capitulacións amosan o interese dos asistentes á xunta para impedir que a revolta das Comunidades se espalle por Galicia: “la qual si decendiese a este Reino de Galicia, lo que Dios no quiera, segund la disposición e calidad dél, y de la gente dél, se podría recrecer y recrecerían muchos escándalos, muertes, pérdidas, robos y otros muchos daños e inconvenientes…”. Por fidelidade ao rei, os señores deben impedir calquera levantamento, pero tamén, e sobre todo, por interese propio, pois non queren ter que enfrontarse a uns novos Irmandiños, de aí que, se calquera deles ten problemas, os outros axudarano, aínda que non o solicite (punto V). O voto aparece nos puntos VI e VII, nos que se lembra que Zamora é parte activa das Comunidades e que Galicia non se sente obrigada polos acordos que tome, e a Casa de Contratación para a “especiería” e outras importacións de Indias, “segund e de la manera que está en la ciudad de Sevilla”, figura no parágrafo X, despois de solicitar, no IX, que non se cobren as penas de vodas e en diante se permita celebralas con concurso de xentes, algo que prohibiran os Reis Católicos para minorar a forza dos lazos de sangue entre os membros das liñaxes, que favorecían a formación de bandos belicosos.

Os acordos ou capitulacións da Xunta de Melide obrigaban aos asinantes, que deron noticia deles a Carlos I e aos gobernadores que o representaban en Castela. O monarca contestou en marzo de 1521 desde Worms, agradecendo a fidelidade que lle declaraban os asistentes; perdoaba as multas pola celebración de vodas, pero adiaba outros asuntos, como o da Casa da Especiaría e o voto en cortes, coa escusa de que eran moi importantes para resolvelos con présa, en especial o do voto: “quanto a lo que suplicáis que ese Reino tenga voz y voto en cortes, e que no haya de estar por lo que fuere otorgado por la çibdad de Zamora, porque esto es da la calidad e importancia que veis, e proveyéndose desde acá no cumpliría con lo que en ello se debe mirar, y pues agora no se han de hacer cortes, y mi ida, plasiendo a nuestro Señor, a esos reinos será muy breve, yo vos ruego que en esto por ahora os sufráis para que no se haga mudança, que ido allá, plasiendo a nuestro Señor, veré y proveheré lo que toca al bien dese Reino, como es de razón y él lo merece” (L. Fernández Vega, 1982).

Palabras diplomáticas, para saír do paso, pois o monarca sabía que as 18 cidades de León e Castela que tiñan voto non querían novas entradas no selecto club. E así foi até 1623, cando Olivares, a cambio dun donativo, pasou por riba das vellas resistencias a ampliar a representación nas cortes. Carlos I si autorizou o establecemento dunha “Casa de Contratación”, na Coruña, coa finalidade de comerciar directamente co “Moluco”; saíron algunhas expedicións (nas que tiña intereses don Fernando de Andrade), pero o feito de que as illas quedasen baixo total control portugués deu cabo a esta breve experiencia.

De calquera xeito, o monarca e os seus representantes sabían que a realización da xunta de Melide estivera motivada ante todo pola intención de defender os intereses dos participantes, temerosos, como quedou dito, de que houbese revoltas de vasalos, e non vían con bos ollos o poder e influencia que no Reino viñan tendo o arcebispo Fonseca e o conde de Vilalba. Por iso, cando a guerra das Comunidades remata e o poder real se afianza, os dous persoeiros foron “ascendidos”, unha maneira disimulada de poñelos lonxe de Galicia: don Fernando de Andrade formou parte da comitiva que levaba a Roma ao papa Adriano VI e logo rematou de Asistente de Sevilla, e don Alonso de Fonseca ocupou nada menos que a sé primada, aínda que non se esqueceu de Santiago, pois no seu testamento de 1526 dotou o colexio de Santiago Alfeo.



Esta web utiliza cookies, podes ver a nosa la politica de cookies, aqui Se continuas navegando estaras aceptandoa
Politica de cookies +