Coñece máis sobre a obra Sindy, A. 31
100 anos de Carlos López García-Picos
Javier Ares Espiño e María del Carmen Lorenzo Vizcaíno


Partituras de Sindy
Este ano 2022 celebrouse o centenario do nacemento do compositor Carlos López García-Picos (Betanzos, 19 de outubro de 1922). Co gallo deste acontecemento, tiveron lugar diversos actos ao redor da figura do compositor betanceiro que comezaron no mes de febreiro coa xornada organizada polo Consello da Cultura Galega, na que se realizaron diversas palestras e se presentou a edición das partituras das súas obras para violín e violonchelo. Como colofón deste centenario o Consello da Cultura Galega presenta a primeira gravación da súa obra sinfónica Sindy, A. 31 v, procedente da Colección Pampillóne que pertence aos fondos do Arquivo Sonoro de Galicia.
A estrea absoluta de Sindy tivo lugar o 8 de agosto de 1976, nun concerto da Tempada Oficial do Teatro Colón, interpretado pola Orquestra Filharmónica de Bos Aires baixo a dirección de Mario Benzecry. O programa iniciouse coa obra Homenajes 1969 de Silvano Picchi(membro da Asociación Argentina de Compositores), continuou con Sindy de García-Picos (membro da Asociación de Jóvenes Compositores de la Argentina) e completouse con obras de G. F. Haendel e L. van Beethoven.
O propio compositor fixo unha breve descrición da imaxe sonora que plasmou nesta obra:
Sindy era o nome do can que estaba constantemente ao meu lado cando compuxen esta obra e me acompañaba nos paseos polos bosques desa zona para escoitar os paxaros e demais sons e ruídos que escoitaba sempre (ras, ladridos de can, asubíos de trens etc.). «É un día no campo». O amencer co comezo do canto dos paxaros que pouco a pouco van engrosando ata que todos cantan con diferentes comportamentos nun bloque aleatorio que se repite dúas veces máis, pero con algunhas variantes e ao atardecer van desaparecendo coa noite ata os últimos cantos suaves. Sindy só contén unha pequena célula temática que anuncia a trompeta ao comezo da obra e durante a mesma desprázase alternativamente entre as familias orquestrais e é exposta polos violonchelos a modo de recapitulación.
Sindy ocupa un lugar destacado dentro do conxunto de creacións de García-Picos. Este feito débese, en boa parte, a que esta obra foi premiada pola Tribuna Nacional de Compositores 1979 (TRINAC), concurso organizado polos Encuentros Internacionales de Música Contemporánea coa colaboración de Ricordi Americana eo Consejo Argentino de la Música. A TRINAC é membro do Consejo Argentino de la Música (UNESCO-PARÍS) edo Consejo Latinoamericano de la Música. A selección neste concurso facíase baseándose nas partituras e«cintas» enviadas polos compositores e as obras premiadas gozarían do privilexio de representar a Arxentina en diversos festivais e congresos de carácter internacional. Sobre o sistema de selección neste concurso, García-Picos recordaba anos despois unha incidencia, xa que no caso de Sindy existían algunhas diferenzas entre a gravación enviada e a partitura; isto debíase a que a partitura correspondía a unha segunda versión realizada tras a súa estrea.
A gravación de Sindy da Colección Pampillón está fixada no soporte de cinta de bobina aberta e inclúe a data do 12 de agosto de 1976; que entendemos que é incorrecta xa que non existe información da interpretación desta obra sinfónica nese día. A alta calidade do rexistro sonoro e o ámbito de concerto público no que se desenvolve lévannos, polo tanto, a pensar que se trata da interpretación de Sindy no día da súa estrea, o 8 de agosto de 1976 no Teatro Colón.
Tamén podemos afirmar que esta gravación é idéntica á que o propio García-Picos conservaba en formato casette que formaba parte dun grupo de rexistros que RadioMunicipal de Bos Aires realizou de diversos concertos.Temos noticia delas a través dun documento que elaborouo propio compositor para o Centro de Documentación dela Música Española Contemporánea, Fundación Juan March. Ademais de Sindy, foron gravadas por Radio Municipal de Bos Aires as estreas das súas obras -rá, A. 37 (06/11/1981), Bagatelas, A. 36 (17/07/1973), Improvisaciones, A. 29 (19/06/1975) e Interferencias, A. 33 (19/08/1979).
Este rexistro sonoro estaba identificado nos fondos do Arquivo Sonoro de Galicia, pero faltaba a súa contextualización e historia. Neste arquivo estase sempre á procura de gravacións sonoras históricas e actuais, cultas e populares, co ánimo de reunir, preservar e poñer ádisposición pública o patrimonio cultural sonoro galego, no que a música ocupa un lugar central. Dentro destes fondos atópanse as gravacións realizadas por un galego ligado á radio bonaerense, Segundo Pampillón, que conforman unha colección integrada por numerosas bobinas.
Celebramos, pois, coa recuperación deste documento sonoro da estrea de Sindy, o peche dun «ano García-Picos» no que as entidades e persoas participantes compartimos o obxectivo de poñer en valor a súa contribución artística e proxectalo como o que foi durante toda a súa vida transatlántica: un representante da galeguidade e da vangarda artística en Galicia e en Bos Aires.